“En ecolóxico a Frisoa rústica é máis eficiente producindo leite se é para venda directa”

Entrevista a Ruth Rodríguez Bermúdez, investigadora que ven de presentar a súa tese na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC sobre ‘Valoración racial e autenticación do sistema de produción ecolóxica de leite no Norte de España’

“En ecolóxico a Frisoa rústica é máis eficiente producindo leite se é para venda directa”

Ruth Rodríguez Bermúdez, investigadora que ven de presentar a súa tese na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC sobre ‘Valoración racial e autenticación do sistema de produción ecolóxica de leite no Norte de España’

A produción de leite en ecolóxico, aínda que minoritario no conxunto do sector lácteo español, segue medrando a ritmo de dous díxitos anuais e con expectativas moi positivas para os vindeiros anos.

Sen embargo, a día de hoxe seguen existindo carencias dende o punto de vista técnico para aqueles gandeiros que deciden producir leite en ecolóxico, tanto do punto de vista do tratamento das enfermidades como tamén da selección das razas de vacún máis adaptadas ao pastoreo.

Neste sentido, a investigadora galega Ruth Rodríguez Bermúdez ven de presentar a súa tese na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo sobre cales son as valoracións das distintas razas de vacún de leite para producir neste sistema. O estudo, titulado ‘Valoración racial e autenticación do sistema de produción ecolóxica de leite no Norte de España’, foi dirixido polas profesoras da USC Marta Miranda Castañón e Marta López Alonso, e en colaboración co director técnico de Africor-Lugo, Ramiro Fouz, e mereceu a cualificación de sobresaliente “cum laude”.

¿De onde xurdiu o teu interese pola gandería de vacún de leite, e polo manexo en ecolóxico en particultar?
Nacín no Valadouro que é unha vila rural e os meus avós tiñan vacas de carne e ovellas o que fixo que se espertase en min o interese pola veterinaria. No último ano da carreira solicitei a Bolsa de Colaboración do Ministerio de Educación para o Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias, con Marta Miranda como titora da bolsa, así din os meus primeiros pasos no mundo da investigación.

Naquel momento Marta Miranda e Marta López estaban a traballar no proxecto VALECO, que englobaba un estudo das granxas ecolóxicas de leite no norte de España, e propuxéronme colaborar na recollida de datos. Foi así como me comecei a interesar pola gandería de vacún de leite en ecolóxico. Unha vez finalizada a bolsa de colaboración animáronme a continuar coa tese de doutoramento, co cal seguinme interesando máis neste tema.

¿Por que preocupa a mala adaptación dos animais a ecolóxico cando proceden dun sistema estabulado?
Porque son animais seleccionados para sistemas intensivos onde os aportes de concentrado son elevados e ademais non existen tantas restricións no uso de tratamentos ou produtos químicos.

Por outro lado, os sistemas ecolóxicos favorecen o aproveitamento dos recursos naturais, facendo especial fincapé no pastoreo, polo que boa parte dos expertos internacionais apuntan que as vacas Holstein procedentes de intensivo non están ben adaptadas, porque son animais altamente produtivos que non están preparados para se alimentar a base de pasto nun sistema de baixos insumos, o que fai que padezan máis enfermidades. Por iso se apunta a que é necesario atopar vacas ben adaptadas aos sistemas ecolóxicos, cousa que tamén recomenda a Unión Europea.

E centrándonos no aspecto racial, ¿Que conclusións quitastes en xeral en canto á puntuación das distintas razas: Frisona, Cruces, Jersey…etc?
Concluímos que as granxas ecolóxicas son sistemas moi heteroxéneos, que a diferenza dos sistemas convencionais onde maioritariamente o obxectivo produtivo é o leite para venda, nos sistemas ecolóxicos os obxectivos poden ser así mesmo a venda directa de leite pero tamén a transformación en derivados lácteos, o turismo rural, ou inclusive combinacións de varios.

Isto fai que non podamos establecer unha recomendación única para todas as granxas, senón que se debería facer un asesoramento individual para cada unha delas. De forma xeral, poderíamos dicir que cando o obxectivo é a produción de leite para venda directa deberíase producir cun Frisón rústico, polo que habería que buscar dentro do gando Frisón aqueles animais mellor adaptados ás condicións de pastoreo e de sistemas de baixos insumos, tendo como vantaxe unha produción aceptable de leite en pastoreo e uns libros xenealóxicos ben coñecidos.

“En ecolóxico a Frisona rústica é máis eficiente producindo leite se é para venda directa”

As granxas que transforman poderían beneficiarse da utilización de cruces ou razas puras diferentes da Frisoa pois teñen mellor eficiencia para a produción de proteína e graxa, e tamén se comportan mellor reprodutivamente.

Finalmente, aquelas granxas que se dedican ao ecoturismo deberían establecer estratexias de mercado tendo en conta que tipo de animais están mellor valorados polo consumidor, que xeralmente correspóndese con razas locais (Pasiega) ou rústicas (Parda Alpina), que evoquen en certo modo as vacas coas que se producía no pasado.

Este ano CONAFE empezou a introducir na valoración dos touros o carácter de pastoreo, ¿Levamos atraso en España no que é dispor dunha frisoa máis rústica? ¿En que país a teñen máis desenvolvida?
En certo modo si, outros países interesáronse antes por buscar vacas adaptadas a pastoreo, pero tamén hai que entender que durante moito tempo a produción en intensivo foi moi importante en España. Nos últimos anos os gandeiros comezaron a se interesar no pastoreo e foi cando tamén CONAFE viu que era importante buscar animais adaptados a estas condicións.

O país por excelencia das vacas de leite en pastoreo é sen dúbida Nova Zelandia, que ademais centra o pago de leite nos sólidos producidos (graxa e proteína) e non no volume (litros). Isto fai que para este sistema se seleccionasen Frisoas rústicas máis semellantes á raza orixinal, moi adaptadas ao pastoreo destacando a súa fertilidade e produción de sólidos. Os países nórdicos, e inclusive Irlanda, tamén se preocuparon nas últimas décadas pola introdución das características funcionais nos obxectivos do índice de mérito xenético.

¿Analizastes tamén a Kiwi Cross, a raza que máis empregan en Nova Zelandia, o principal produtor mundial de leite de pastoreo? En caso de non analizala, ¿Que opinión che merece?
Entre os cruces que analizamos si había algún cruce de Jersey, pero existen poucos exemplares, non é a raza que máis interese esperta para realizar cruces entre os nosos gandeiros; empregan en maior porcentaxe Parda Alpina, Vermella Sueca e Fleckvieh, Un dos motivos que manifestan é o seu reducido tamaño que dificulta o manexo nas salas de muxido. Desde o meu punto de vista si sería interesante ter máis datos de uso nos nosos sistemas ecolóxicos, podería ser un cruce interesante para aquelas granxas que queren transformar o leite, tanto pola calidade na produción de sólidos como pola existencia de estudos que avalan a Jersey e os seus cruces na calidade do seu leite para a produción do coágulo para a elaboración do queixo.

En ecolóxico son varios os gandeiros que recorren aos cruces, aínda que sen un criterio común en canto ao número de razas e a tipoloxía das mesmas. ¿Que concluístes ou que recomendaríades nestes sentido?
En canto á escolla da raza xa comentamos antes que habería que facela tendo en conta o obxectivo produtivo. Porén, para aqueles que se decidan a cruzar habería que dicirlles que o camiño non é fácil. Unha vez realizados o primeiro e segundo cruces aínda existe un dilema de cara onde camiñar. Algúns expertos recomendan descartar a descendencia dos segundos cruces, inseminando con animais de carne. Na actualidade algúns expertos propoñen realizar un retrocruce; é dicir unha vez realizados o primeiro ou segundo cruces volver inseminar con Frisón para recuperar a capacidade leiteira desta raza.

Conviría sempre manter unha parte do rabaño cunha raza pura sobre a que empezar os cruzamentos, e sobre todo ter en conta que non todos os exemplares dunha mesma raza se comportan igual. Por exemplo, non todos os touros Vermellos Suecos son iguais, que é un factor que moitas veces non se ten en conta. Sen embargo, os gandeiros si teñen en conta que non todos os touros Frisóns son iguais e escollen os máis adecuado ao seu rabaño e á vaca en concreto que se vai inseminar.

Tendo en conta a orografía e a dispoñibilidade de pasto en Galicia e o sistema de pago do leite en ecolóxico en España, ¿Que lle aconsellarías a un gandeiro que decide empezar de cero en ecolóxico á hora de escoller a raza, nun caso, e se parte dunha cabana frisoa en estabulación? ¿ E se é para a produción de queixo?
Se parte dunha cabana frisoa en estabulación e o obxectivo é producir leite para venda directa que manteña os animais dos que parte, pero buscando inseminar con touros ben adaptados para o pastoreo, mellorantes en fertilidade e en características funcionais.

Se polo contrario vai transformar o leite aconsellaríalle que pensase a opción de cambiar de raza ou realizar cruces, pero tendo en conta o esforzo que iso supón en canto a complicación do manexo. É importante ter en conta á hora de realizar cruzamentos que é máis difícil que manexar unha raza ben coñecida coma a Frisoa en puro.

¿Analizastes os criterios de produción, lonxevidade e valor dos becerros e do desvelle? ¿Que concluístes en canto ás razas máis adaptadas para estas categorías?
En canto a produción a Frisoa é a que produce máis litros de leite, atopándose os cruces en posición intermedia entre a Frisoa e outras razas. Os cruces son os que teñen as mellores producións de graxa e proteína, debido a que producen maiores porcentaxes de graxa e proteína e teñen unha produción intermedia de leite. Tamén son os cruces quen teñen unha mellor saúde do ubre e eficiencia reprodutiva.

“Os cruces son os que teñen maiores producións de graxa e de proteína”

Porén, as Frisoas son quen mostran unha mellor lonxevidade porque son vacas que manteñen moi ben a produción de leite, o que fai que non se eliminen habitualmente a non ser que sufran de múltiples patoloxías. En canto ao valor dos becerros e do desvelle non fixemos análises nas nosas granxas pero concluímos tras a consulta de bibliografía que os cruces e razas diferentes da Frisoa obteñen mellores valores.

Outro dos aspectos que analizaches na túa tese foi a valoración da opinión que ten o consumidor de produtos ecolóxicos, facendo un especial fincapé nos aspectos raciais. ¿Cales son as valoracións que vos fixeron chegar os consumidores?
Os consumidores teñen un claro interese na conservación das razas, sobre todo aqueles que consumen alimentos ecolóxicos. Podemos dicir que á maioría dos consumidores lles gustaría que se especificase a raza coa que se está a producir, e pagarían un sobreprezo polo uso de razas tradicionais, ás que tamén valoran moito nos sistemas de ecoturismo, e especialmente nas granxas escola.

“Á maioría dos consumidores de ecolóxico gustaríalles ter información da raza da vaca”

Conclúes na túa tese que existe  certa preocupación por parte dos consumidores sobre a autenticidade dos produtos ecolóxicos. ¿En que se manifesta esta inquedanza?
Unha das preguntas que avaliabamos era os motivos para non consumir alimentos ecolóxicos, e un grupo razoable de persoas manifestou que non estaban seguros da autenticidade dos produtos. Así, moitos deles volvían manifestar as súas queixas sobre a autenticidade dos produtos á hora de dar a definición destes alimentos, incluíndo que se eles puidesen estar seguros que os alimentos ecolóxicos o eran realmente que os mercarían porque saben que son máis sans e de mellor calidade.

¿Cales son as ferramentas ou medidas que se deberían poñer en marcha para que o consumidor teña máis garantías e poder distinguir entre  ecolóxico e convencional?
Para comezar debería ensinárselle ao consumidor a diferenciar entre ecolóxico e convencional pois moitos aínda confunden os produtos ecolóxicos cos naturais ou producidos localmente. Por tanto, deberíaselles aportar información sobre etiquetado e como diferencialos, porque isto pode axudar a dar confianza, xa que aínda existe moita confusión.

E logo facerlles ver que os produtos seguen uns controis, e que eses controis se están realizando adecuadamente e que os produtos que se venden como ecolóxicos efectivamente o son. Técnicas coma o sistema de autenticación en base a minerais que desenvolvemos durante a miña Tese de Doutoramento poden axudar a que o consumidor vexa que os produtos efectivamente compren uns estándares antes de ser comercializados.

“En Nova Zelandia teñen moi claro que o pastoreo é o sistema máis rendible de producir leite, deberíamos aprender deles”

Realizaches unha estadía de investigación na  Massey University de Nova Zelanda ¿Que salientarías do sistema de pastoreo en vacún de leite naquel país, tanto en razas como na calidade do leite que producen?
Quizais o máis impactante para min foi que teñen as cousas moi claras e non dubidan tanto coma nós en tomar decisións. Por exemplo, o seu sistema en pastoreo depende moito da fertilidade dos animais, ao tratarse dun sistema de partos estacionais, e iso fai que teñan que eliminar aquelas vacas que non se quedan xestantes nas primeiras inseminacións, cousa que fan cun criterio moi claro.

Tamén teñen moi claro como facer a selección dos animais tanto dos frisóns puros, coma dos cruces que van realizar, non lles interesa para nada seleccionar animais moi produtores de leite porque o seu sistema de pagamento non se basea no volume de leite entregado, así que no índice de mérito xenético penalizan o volume de leite, de tal xeito que un animal só gañará mérito xenético no índice se mellora en sólidos ou en leite mantendo a mesma produción de sólidos.

Non apostan tanto pola produción en ecolóxico coma pola produción en pastoreo, teñen clarísimo que é o sistema economicamente máis rendible para un país onde o clima acompaña cunha boa produción de herba durante todo o ano. É algo que considero que deberíamos aprender nós, que temos unhas condicións climáticas moi semellantes.

¿En que liñas de investigación vas seguir traballando?
A pregunta aquí sería en que vou seguir traballando, tal e como está o mundo da investigación vexo complicado poder seguir dedicándome á mesma, aínda que teño vontade de seguir investigando aínda que sexa no tempo libre. Gustaríame seguir investigando nesta área das vacas de leite, principalmente en ecolóxico e pastoreo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información