“En Calidad Pascual queremos un leite de vacas felices, garantido 100% Benestar Animal”

Entrevista a Joaquín Andrés Lorenzo, director de Compras Agro de Calidad Pascual. Esta industria láctea española acaba de certificar ás súas 348 granxas de vacún de leite co certificado AENOR de Benestar Animal

“En Calidad Pascual queremos un leite de vacas felices, garantido 100% Benestar Animal”

Joaquín Andrés Lorenzo, director de Compras Agro de Calidad Pascual

Calidad Pascual é un das poucas grandes industrias lácteas que quedan de capital español. A compañía con sede en Burgos considera superados os peores anos da crise, nos que o leite de marca branca reduciu de forma considerable as súas vendas.

Estabilizada a situación no 2017, a estratexia de futuro da empresa pasa por produtos diferenciados que conecten co consumidor, como sinónimos de saúde e tamén de benestar animal. Así, acaba de certificar ás súas 348 granxas provedoras co selo AENOR de Benestar Animal.

Joaquín Andrés Lorenzo, director de Compras Agro de Calidad Pascual fálanos do presente e do futuro da empresa.

Cal é a situación actual de Calidad Pascual no sector lácteo español?
A recollida de Calidad Pascual foi de de 412.309.507 litros 2017 e a previsión para este 2018 é moi similar: 411.694.000 litros.

Destacaría que o 88% dos nosos gandeiros levan máis de 10 anos connosco. En total, recollemos leite a 348 gandarías, das que a maioría están en Castela e León (116), seguida de Galicia (102), Cataluña (62) e Cantabria (60).

Acabades de ser a primeira gran industria láctea española que certifica a todas as súas gandarías en benestar animal. Por que decidistes dar este paso?
Calidad Pascual conseguiu o certificado Benestar Animal AENOR Conform nas súas 348 granxas. Esta certificación acredita que todas as granxas que provén de leite a Pascual cumpren cos requisitos do modelo AENOR de Benestar Animal, desenvolvido xunto ao Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA) e baseado no referencial europeo Welfare Quality®. Polo tanto, todo o noso leite é 100% Benestar Animal.

“Queremos que os nosos gandeiros teñan vacas felices”

Desde hai moitos anos, desde Calidad Pascual estamos a traballarse na mellora da produción de leite nas granxas, desde diversos enfoques. Principalmente vimos traballando no Programa de Seguridade Alimentaria desde o ano 2000 en todas as gandarías provedoras de leite, onde está incluído un capítulo de Benestar Animal.

A certificación en Benestar Animal de todas as granxas provedoras de leite para Calidad Pascual é unha forma de dar visibilidade a ese traballo de moitos anos e de moitas persoas. Pon en valor o bo traballo que realizan os gandeiros, e demostra que unha boa produción e calidade de leite non están rifadas cun bo benestar animal.

Supuxo cambios importantes para os vosos gandeiros?
Non foi necesario traballar dunha forma distinta a como vén realizando desde hai moitos anos cos gandeiros. A avaliación de Benestar Animal estaba englobada dentro do noso protocolo de auditorías en granxa no Programa de Seguridade Alimentaria.

As gandarías teñen que ter unhas instalacións adecuadas para o aloxamento do gando: para o descanso e protección fronte ás inclemencias do tempo, bebedoiros en cantidade suficiente e acceso á comida adecuado para todos os animais da granxa. Teñen que cumprir uns requisitos de hixiene, tanto nos animais, como no manexo dos mesmos.

Os animais teñen que estar nunhas condicións de saúde adecuadas, con protocolos de control e prevención de enfermidades, e baixo supervisión veterinaria. Teñen que permitir un comportamento normal dos animais e unha interrelación correcta co persoal da granxa. En definitiva, teñen que ter “vacas felices”.

No seu momento Pascual foi a primeira gran industria láctea española, ¿Penalizouvos seguir apostando por un leite premium e non entrar a elaborar marcas brancas e outros derivados lácteos á hora de perder o voso liderado?
Aínda que é certo que nos anos “duros” da crise económica, moitos consumidores basearon a súa decisión de compra no prezo e non na seguridade que ofrece unha marca de calidade, a nosa independencia e valores vense fortalecidos a medio e longo prazo ao continuar na liña de “dar o mellor”, o noso lema.

Nun contexto no que o consumo de leite líquido baixa en España, ¿Cal é a estratexia de Calidade Pascual para lograr manter as vendas e mesmo incrementalas?
A estratexia está na mensaxe que queremos transmitir como compañía: “Dar o mellor”. Para iso debemos construír coa axuda dos nosos gandeiros un aprovisionamento sustentable e transparente, desenvolvendo programas diferenciadores e innovadores de tal maneira que sexamos capaces de xerar valor para todos e de responder ás altas expectativas dos nosos consumidores e clientes.

Sabemos que a sociedade está interesada en coñecer non só as cualidades nutricionais dos alimentos e os aspectos relacionados coa seguridade alimentaria dos mesmos, senón que tamén necesita coñecer de onde proveñen e como se producen estes alimentos. Como feito recente, e exemplo neste sentido, temos a estratexia de Calidad Pascual respecto do leite de benestar animal garantido. Nun alimento de orixe animal é clave que podamos garantir que o leite que bebemos provén de animais ben coidados e cuxo benestar estea garantido.

“Nuns anos queremos chegar ao 30% das nosas vendas no exterior”

Estamos a crear as bases para unha produción sustentable e transparente de leite baseado en todos os alicerces: económico, ambiental, social, etc. De tal maneira que dando o mellor de nós mesmos e pondo en valor o traballo dos gandeiros cremos que é a mellor estratexia para que todos podamos medrar.

Como valorades a vosa aposta pola internacionalización e que obxectivos vos marcades nese sector?
No exterior estamos principalmente cos nosos Iogures Pascual, estando presentes en 71 países. Actualmente, o negocio supón un 5% das vendas, pero a nosa ambición é que chegue a supor nuns anos entre un 20% e un 30%.

Aínda que os plans estratéxicos a nivel de internacionalización aínda se están definindo, África Subsahariana e Asia seguirán sendo o foco.

Actualmente temos planta propia en Filipinas cun socio estratéxico (Asia Brewery). Este modelo é extrapolable a outros países. É dicir, buscar socios locais cos que poder desenvolver o negocio, máis aló da exportación.

 “Os próximos pasos da industria láctea española son a internacionalización e a diversificación”

Coa compra de Puleva a multinacional francesa Lactalis converteuse en líder en España en recollida de leite. Pascual, xunto con Central Leiteira Asturiana, foi unha das empresas que tamén poxou por Puleva. ¿Por que creedes que non se constituíu un gran grupo lácteo de capital español?
Pasaron máis de 8 anos desde esa adquisición, que no seu momento foi significativa para o futuro do sector. En 2010 estabamos en plena crise económica mundial. Ademais, Europa puxera data á desaparición das cotas lácteas. Nese momento, un maior apoio do Goberno cara ás empresas españolas permitiría comezar antes, e en mellores condicións, a modernización e innovación da nosa industria.

Non foi así, e as empresas españolas debemos acometer ese proceso en peores condicións e no escenario europeo máis adverso. Xa non ten sentido pensar ata onde poderiamos chegar entón de recibir esa axuda.

En realidade, o mérito é que as empresas nacionais soubemos progresar nese escenario adverso, que estamos en vangarda en canto a innovación, procesos produtivos, eficiencia e sustentabilidade e que, paso a paso, estamos cualificando todo o noso sector. Séguenos faltando dar o salto internacional e a diversificación produtiva, pero sen dúbida eses son os próximos pasos. Con iniciativas tan disruptivas como o leite 100% benestar animal, seguro que estaremos máis preto de alcanzar eses obxectivos.

¿Que obxectivos se marca e que investimentos tes prevista Calidad Pascual para os próximos anos?
En 2017 conseguimos volver á senda do crecemento tanto en facturación como en resultados, tendencia que traballamos para manter no tempo de maneira sustentable e rendible.

A nosa facturación en 2017 comprende unha pinza de crecemento do 2% en comparación ao ano anterior. Así mesmo, o EBITDA incrementouse ao redor do 3%.

Respecto das vendas, a nosa meta é crecer máis que o mercado de alimentación. Se nos próximos anos o sector vai medrar a ritmos anuais do 2%, nós deberiamos estar a crecer en torno ao 5%. Así mesmo, as alianzas con empresas nacionais e internacionais de prestixio supoñen outro dos eixos de crecemento.

Queremos consolidarnos e crecer como referentes na calidade de vida e alimentación saudables. O noso obxectivo é volver conectar as nosas marcas coas persoas, cun enfoque próximo, sempre escoitando ao consumidor e potenciando a innovación e a capacidade de facer produtos de calidade. Neste sentido, perseguimos namorar ao consumidor cunha oferta de produtos únicos e diferenciais, que respondan a unha necesidade real e que estean visibles e accesibles en todo momento e lugar.

¿Cal é o voso volume de recollida de leite en Galicia, tanto en número de litros como en gandarías, e cales son as vosas previsións para este ano?
Nos últimos anos é verdade que tivemos que renunciar a unha parte da nosa recollida nalgunhas rexións do noso país e, aínda que economicamente e loxísticamente a renuncia á recollida en Galicia era unha tentación, puidemos manter un número significativo de granxas e volume de leite proveniente de granxas galegas, e a nosa vontade é poder medrar tamén aquí, na medida que o mercado lácteo se vaia recuperando.

“Non descartamos aumentar a recollida en Galicia”

Actualmente en Galicia recollemos o leite de máis de 110 gandeiros, que supoñen uns 7.5 millóns de litros mensuais e seguimos contando cunha estrutura en Galicia de técnicos que colaboran coas granxas en áreas como son eficiencia produtiva, seguridade alimentaria e a calidade, medioambiente, xenética, instalacións, alimentación, etc.

Ademais, todas as granxas galegas están certificadas en Benestar Animal. Todo iso facémolo como sempre coa vocación de achegar transparencia e pór en valor o traballo dos nosos gandeiros que dan o mellor deles mesmos cada día.

¿Entra nos plans de Calidad Pascual volver pór en marcha unha industria láctea en Galicia?
De momento non está entre os nosos plans, pero dada a puxanza e alta profesionalización dos gandeiros galegos, non descartamos un crecemento en volume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información