A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Embriovet inaugura en Betanzos un laboratorio de fecundación in vitro punteiro en Europa

Embriovet inaugura en Betanzos un laboratorio de fecundación in vitro punteiro en Europa

A empresa galega Embriovet inaugurou este xoves en Betanzos as súas novas instalacións, das que destaca o seu novo laboratorio de fecundación in vitro, o máis avanzado nestes momentos no mercado, e que prevén supoña un importante avance para a mellora xenética da cabana española de gando vacún.

Ao acto de inauguración, celebrado este mediodía, acudiron máis de 150 persoas, entre representantes da Xunta de Galicia, alcaldesa de Betanzos, veterinarios, responsables de laboratorios farmacéuticos e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, así como unha ampla representación do sector gandeiro, como produtores, directivos de Africor, Fefriga e de asociacións Holstein doutras Comunidades Autónomas.

As novas instalacións de Embriovet, empresa nada no ano 2012 e que nestes anos impulsou decisivamente a transferencia embrionaria en España, están situadas no Polígono de Piadela, parcela número 8. O edificio de Embriovet conta cunha superficie de 400 metros cadrados e, ademais das oficinas, inclúen unha sala de formación para profesionais do sector e, a estrela desta instalación, un laboratorio de fecundación in vitro de última tecnoloxía.

Un laboratorio de fecundación in vitro coa tecnoloxía máis avanzada

En palabras de Daniel Martínez Bello, cofundador e especialista en asesoramento xenético de Embriovet, “o laboratorio é o máis avanzado que existe en España nunha empresa privada e permitiranos, por unha banda, lograr un embrión de maior calidade, simulando de forma máis eficaz o útero materno, e por outra banda ampliar e mellorar a oferta de servizos que ofrecemos tanto aos gandeiros como a outros veterinarios”.

Así, o laboratorio consta dunha incubadora xaponesa de última tecnoloxía, así como incubadoras portátiles que permiten transportar os ovocitos desde a granxa até o laboratorio realizando a maduración durante o transporte. “Importámolas de Estados Unidos e son as que utilizan os laboratorios máis prestixiosos do mundo. Estas incubadoras portátiles pódense enviar por empresas de mensaxería desde calquera punto de España ou Portugal con total seguridade”, subliña Daniel Martínez Bello.

Novo servizo de rescate embrionario

Ademais, grazas a estas novas instalacións e á ampliación de persoal, Embriovet ofertará novos servizos complementarios aos que xa ofrecía. “Imos pechar o círculo no que respecta ás tecnoloxías reprodutivas e imos ofrecer toda a tecnoloxía embrionaria, abarcando a fecundación in vitro en todas as facetas: desde prestar o servizo en granxa e obter ovocitos de animais vivos, traelos ao laboratorio, cultivalos durante unha semana e implantalos nunha vaca ou conxelalos para implantalos nun futuro ou comercializalos, até un novo servizo de rescate xenético”, destaca Daniel Martínez Bello.

Este último servizo é unha novidade: Embriovet acudirá de urxencia ao establo cando vacas de alto valor xenético sufran un accidente grave para recuperar os ovarios do animal e poder así obter en laboratorio embrións que preserven a súa xenética. Ademais, e grazas a un convenio co matadoiro de Montellos, en Betanzos, Embriovet ofertará aos gandeiros que o soliciten un servizo para recuperar os ovarios das vacas de desvelle de alto valor xenético para obter embrións e aplicalos noutras vacas das súas gandarías.

Incorporación de Beatriz Bernal, un referente en tecnoloxía de fecundación in vitro

A terceira pata do novo proxecto de Embriovet, e quizais a máis importante, é a ampliación de persoal: pasando de 4 a 6 persoas no mes de xaneiro. Neste sentido, destaca a incorporación de Beatriz Bernal, unha enxeñeira química e biotecnóloga cunha ampla experiencia en laboratorios de fecundación in vitro de Arxentina e doutros países de Hispanoamérica.

“Para Embriovet estas novas instalacións e este equipo humano supoñen o salto cualitativo máis importante da empresa, con persoal técnico de alta cualificación e uns medios técnicos punteiros en Europa que nos van a permitir mellorar os servizos de transferencia embrionaria, e por tanto de mellora xenética do gando vacún, tanto a gandeiros particulares como a equipos de veterinarios”, conclúe Daniel Martínez Bello.

Daniel Bello e Beatriz Bernal

Daniel Bello e Beatriz Bernal

embriovet_betanzos_5

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *