“É unha xovenca moi equilibrada e 6.000 euros era o prezo máximo que tiñamos previsto pagar”

Entrevistamos a Luis e a Álvaro, dous mozos gandeiros de Rodeiro e de Touro, respectivamente, que este domingo pagaron en Curtis 6.000 euros por Cundins Miriam Hotline, marcando o prezo máximo da III Poxa de Elite de Gando Frisón

“É unha xovenca moi equilibrada e 6.000 euros era o prezo máximo que tiñamos previsto pagar”

Luis e Álvaro con Cundins Miriam Hotline FIV ET

Entrevistamos a Luis, de Gandería Casa Lameiro SC, de Rodeiro, e a Álvaro, de Gandería Cerdeiras SC, de Touro, dous gandeiros que este domingo en Curtis pagaron conxuntamente 6.000 euros por Cundins Miriam Hotline, marcando o prezo máximo da III Poxa de Elite de Gando Frisón.

A poxa partiu de 2.100 euros e foise animando para esta xovenca nada o 15 de xaneiro do pasado ano, cun GICO de 4.087 e 10 xeracións de MB/Excelente no seu pedigrí. É filla do touro Peak Hotline ET e por parte de nai, de Cundis Eiras Mirta Defend ET, con MB 85 85 e que na primeira lactación deu 10.330 kilos de leite cun 4% de graxa e un 3,7% de proteína. Avanzando na liña materna, a súa avoa é Eiras Mascalese Mirta ET e a súa bisavoa Bos Planet ET, unha MB88, da Finca de Bos, que no seu día produciu na cuarta lactación 16.370 kilos de leite cun 4,26% de graxa e un 3,35% de proteína.

¿Viñestes a Curtis á III Poxa de Elite de Gando Frisón exclusivamente por este animal?
ALVARO: Si. Falámolo antes de chegar, os dous cremos que entendemos algo de xenética, e buscábamos un animal bo en tipo, en calidades, en morfoloxía e que teña contratos, porque é un valor engadido para nós. Gustounos este animal e fomos a por ela.

LUIS: É un animal moi equilibrado, non moi grande, ten moi boas patas e moi bo desarrollo, con boas calidades de leite e procede dunha das mellores vacas da Finca de Bos. É un pack completo.

ÁLVARO: Hoxe en día a produción non o é todo, senón que tamén son claves os caracteres de saúde e de lonxevidade. Podes ter un animal moi produtivo, pero se non é un animal lonxevo e con boa saúde vai aguantar só unha ou dúas lactacións.

¿Como é a xenética das vosas ganderías?
ÁLVARO: Imos mellorando pouco a pouco, implantamos algúns embrións, facemos algo de flushing, intentamos adquirir nalgunhas poxas e traer tamén vacas de fora. En total contamos con 66 cabezas en muxido, e non queremos medrar de momento porque temos previsto adquirir un robot de muxido e sería o límite de animais por máquina.

LUIS: No meu caso, a parte da gandería, dedícome a vender seme e empecei a interesarme pola xenética hai uns 10 anos, introducindo touros mellorantes, e estamos empezando a ver resultados. A nosa é unha granxa de 35 vacas en muxido e con embrións e xovencas queremos ir mellorando en xenética.

¿Excedeu o prezo do que tiñades previsto pagar?
ÁLVARO: Tiñamos previsto xusto chegar ata este prezo. É dicir, se fóra 100 euros máis arriba quizás tiveramos desistido. 6000 euros era o prezo máximo que tiñamos acordado pagar entre os dous.

É importante que leva dous contratos: un de compra de macho e outro de catro embrións para Xenética Fontao, e iso xa nos asegura un importante retorno.

¿Tedes algunha idea de que con que touro a ides inseminar?
LUIS: Aínda non teño nada pensada pero en breves teño que empezar a mirar porque está no momento para ser inseminada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información