“É practicamente imposible en España que chegue ao mercado un leite con restos de antibióticos”

Entrevista a José Ramón Diéguez Montes, farmacéutico do Departamento de Produción Animal da cooperativa Delagro, que está a realizar un intenso programa de charlas formativas sobre o uso responsable de antibióticos en vacún de leite

“É practicamente imposible en España que chegue ao mercado un leite con restos de antibióticos”

José Ramón Diéguez Montes, farmacéutico do Departamento de Produción Animal da cooperativa Delagro

O descubrimento do primeiro antibiótico, a penicilina, no 1928 supuxo un salto cualitativo na esperanza de vida humana. Nas seguintes décadas seguíronlles novas familias de antibióticos e estendeuse o seu uso tamén a animais, mellorando notablemente as producións gandeiras.

Sen embargo, nos últimos anos a aparición de bacterias resistentes a antibióticos, que son empregados nos mamíferos, tanto en persoas como en animais, levou ao sector gandeiro a reducir o uso destes medicamentos co fin de preservar a súa eficacia en medicina humana.

Falamos con José Ramón Diéguez Montes, farmacéutico do Departamento de Produción Animal da cooperativa Delagro, que está a realizar un intenso programa de charlas formativas sobre o uso responsable de antibióticos en vacún de leite.

¿Por que a Administración pretende que se reduza o uso de antibióticos en Veterinaria?
A pretensión das autoridades europeas e estatais en vacún de leite non é tanto reducir o uso de antimicrobianos, xa que en vacún de leite non temos un problema cuantitativo de uso. Pola contra, no que hai que mellorar é no aspecto cualitativo, xa que en veterinaria bovina , sobre todo de leite , empregamos dous tipos de moléculas, as Cefalosporinas de 3ª e de 4ª xeración e as quinolonas, que tamén son de uso crítico en medicina humana; é dicir, que son de último recurso para combater bacterias multiresistentes que atacan aos pacientes.

E temos que lembrar, que o problema das bacterias multiresistentes, fundamentalmente debido ao mal uso dos antibióticos en medicina humana, vaise agravar segundo os expertos da Organización Mundial da Saúde (OMS) e pode converterse nunha das principais causas de mortalidade humana nas próximas décadas.

En vacún de leite vaise restrinxir o uso de Cefalosporinas de 3ª e de 4ª xeración e das quinolonas”

É dicir, a aparición de bacterias multiresistentes é un proceso natural de adaptación ao medio e o mal uso de antibióticos, cando non son realmente necesarios, está acelerando máis este proceso.

No caso do de uso veterinario, ata o de agora había catro vías de administración dos antimicrobinanos: a profiláctica e a metafiláctica, que son vías preventivas e de tratamento xeral do rabaño, tanto dos que están enfermos como dos que non. Estas dúas vías están moi restrinxidas a casos concretos e son formas de aplicación a extinguir. A terapéutica, cando se emprega nun animal que realmente está enfermo dunha enfermidade en principio de orixe bacteriana e o seu uso está xustificado. E a cuarta vía que se empregou e que está prácticamente extinguida é a subterapéutica, en doses inferiores á terapéutica, funcionando neste caso o antibiótico como un promotor do crecemento.

Nos últimos anos houbo en todos os sectores gandeiros unha redución xeneralizada destes medicamentos. Un exemplo claro é o porcino, onde España reduciu nun 80% o emprego de colistina, una molécula de uso crítico en medicina humana, e que o sector soubo adaptarse e seguir sendo competitivo empregando moitos menos antibióticos.

¿En vacún de leite empréganse máis antibióticos que noutras producións gandeiras?
En vacún do leite empregamos os xustos, somos das grandes producións gandeiras os que menos antibióticos empregamos, pero temos estas dúas moléculas, as cefalosporinas e as quinolonas, de último recurso en humana para curar infeccións por bacterias multiresistentes.

“O vacún de leite en España só emprega o 4% dos antibióticos que se consumen en veterinaria”

En canto aos datos de consumo, o sector vacún só consume o 12% do total nacional en veterinaria e estimo que o vacún de leite representará entorno a un 4% do total, xa que o resto é de vacún de cebo. Segundo os datos da Axencia Europea do Medicamento, cuantitativamente as producións gandeiras que máis antibióticos consumen en España son o porcino, que representa o 49%; seguido do ovino /caprino co 20% e avicultura cun 11%.

Por tanto, o vacún de leite non ten un problema de uso excesivo de antimicrobianos. Por iso o noso é o único Plan de Uso Responsable de Antibióticos, mentres que no resto de sectores (porcino, avícola..etc) son plans de redución.

A próxima semana vaise debater o Programa sobre uso prudente de antibióticos en bovino leiteiro en España. Como integrante do grupo de traballo ¿Cales son os obxectivos deste plan?
O plan de uso responsable de antibióticos en vacún de leite é de adhesión voluntaria para gandeiros, veterinarios, cooperativas, industrias farmacéuticas, e cada un ten unhas condicións para adherirse.

A adhesión é recomendable, sobre todo por unha cuestión de imaxe pública e de responsabilidade social coa loita contra as bacterias multiresistentes e en preservar o uso de antibióticos para medicina humana. Pero creo que as esixencias do mercado e da administracións farán que nuns anos a adhesión e cumprimento deste plan sexa obrigatorio. Dende Delagro estamos aconsellando claramente a todas as cooperativas que se adhiran ao plan.

O programa está neste momento en fase de debate e progresivamente prevese que se vaia adherindo todo o sector. En canto aos antimicrobianos dos que se recomenda un uso responsable, non prohibido nin restrinxido, son as Cefalosporinas de 3ª e  4ª xeración, que en vacún de leite se empregan principalmente en caso de enfermidades respiratorias, tamén de pedeiro, metrites, dermatites e outros problemas podais..etc. E por outra parte, as Quinolonas, que se empregan sobre todo en casos de mamites.

“Os obxectivos son reducir nun 45% de aquí ao 2021 o uso de Cefalosporinas de 3ª e de 4ª xeración e das quinolonas”

Os obxectivos do PRAN son que de aquí ao 2021 se reduza un 45% o uso destas moléculas en vacún de leite. Para iso a Axencia Española do Medicamento establece que o tratamento con estes dous antibióticos debe ser sempre a segunda opción, polo que se debe probar antes con outro antimicrobiano.

¿Que alternativas hai a estas dúas moléculas?
Para as cefalosporinas de 3ª e  4ª xeración a alternativa serían as de 1ª e 2ª xeración, pero unha deixouse de fabricar e outra está en rotura de stock. A alternativa pode ser empregar anticrobianos da categoria C ou D, o que ocorre é que os períodos de retirada en leite destes non é cero, e hai que agardar varios días.

En Quinolonas non hai alternativas iguais e só se recomenda o seu uso como tratamento de segunda elección.

E para o veterinario, ¿Que cambios supón o Programa?
Para o veterinario a única implicación legal que ten, de momento, é reportar de maneira mensual todas as prescricións de antimicrobianos prescritos a animais de abasto.

Faise a través da aplicación PRESVET da Axencia Española do Medicamento e pódese reportar vía manual, a través dunha aplicación de prescrición electrónica ou cun arquivo editable tipo EXCEL.

No caso dos laboratorios, reportan de forma voluntaria á axencia os antibióticos que venden en España. Os que só están obrigados de momento son os minoristas e só teñen que reportar as saídas dos antibióticos que fagan con receita.

¿Segue habendo compra de antibióticos con receita inversa? Hai compras con receita inversa, pero cada día está máis limitado e creo que hoxe ninguén xoga a súa profesionalidade con venda sen receita.

En canto a comprar por internet antibióticos para veterinaria non é posible e o mercado on line esta limitado a produtos para pequenos animais que non sexan de prescricion veterinaria. Ademais, o portal web ten que estar autorizado como minorista e ter unha autorización específica para poder vender online.

Por tanto, ¿Haberá un maior control e trazabilidade no uso de antibióticos en veterinaria?
Por suposto, xa o era e agora máis

No caso do gandeiro, ¿Como lle afectarán estes cambios normativos no seu traballo?
En principio, considero que hai alternativas terapéuticas suficientes e quizás con maior efecto, pero o problema é que non teñen cero días de retirada en leite, como ata agora.

Nuns días a Axencia Europea do Medicamento debería publicar a lista de materias activas recomendadas.

O secado selectivo, ¿É outra vía para reducir o uso de antibióticos en vacún de leite?
O secado selectivo é unha das armas que temos para reducir o uso de antimicrobianos.

É un tema sensible que está aínda por baremar para ver a partir de cantas células somáticas se trata a un animal con antimicrobiano no secado. Hai diferentes criterios entre os laboratorios, pero o principio do que se parte é dividir as explotacións entre as de alto risco e as baixo risco de mamites, e dentro de cada explotación separar as vacas de alto e de baixo risco.

“Para implantar o secado selectivo e reducir o uso de antibióticos son claves as vacinas e mellorar a hixiene”

O secado selectivo é difícil implantar porque un fallo no secado vai supor unha lactación conflitiva e perdas económicas. Hai que estar moi enriba e ter claro cales son as vacas sensibles para o secado selectivo, e ante a dúbida empregar antibiótico preventivo de secado, que dura de 28 ou 30 días no ubre e evita infeccións.

As recomendacións para implantar o secado selectivo son as vacinas, plans de manexo adecuados e mellorar as prácticas de hixiene, desinfección, desinsectación….. A auga e o xabrón fan milagres.

Na túa opinión, ¿Cales son os erros máis comúns ou as áreas nas que é preciso mellorar no emprego de antibióticos en vacún de leite?
A falta de probas diagnosticas  tipo antibiogramas ou cultivos para non ir tratando os animais dando paus de cego. Unha das medidas é volver empregar o antibiograma, e pasadas as 24 ou 48 horas, dar o antibiótico específico para o tipo de bacteria de que se trate. E se temos moitas sospeitas de que é unha mamite bacteriana aplicar un antibiótico de primeira elección, que pode ser suficiente, e non ser preciso ir a un de segunda elección.

Hai novas interesadas e alarmistas de determinados colectivos sobre leite ou carne que chega ao consumidor con antibióticos. ¿É posible isto en España ou son o que se da en chamar agora fake news?
Non se pode afirmar categóricamente que isto é imposible que suceda pero sería un caso moi illado e por un erro. O leite é o único alimento que eu coñezo que pode chegar a pasar ata 3 exames diarios para comprobar que está libre de antibióticos: na recollida, na recepción na industria e no LIGAL .

“O leite é o alimento máis auditado que hai no mercado”

Creo que noticias afirmando que o leite pode conter antimicrobianos son cando menos alarmistas e interesadas. A nosa misión é informar e formar aos gandeiros para que sexan coñecedores de que o Plan de Uso Responsable de antibióticos é por un  tema de saúde publica e que unha bacteria multiresistente pode tocarnos a calquera de nós, en calquera país e a calquera idade.

Como conclusión, é practicamente imposible que chegue ao mercado un leite e con restos de antibióticos. No caso do leite é o alimento máis auditado que hai no mercado.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información