É posible unha nova crise láctea?

Os stocks públicos de leite en po rondan récords históricos, equivalentes ós que existían nos anos 80 antes do sistema de cotas. A Comisión Europea investiu máis de 1.000 millóns de euros en medidas para paliar a caída de prezos, pero sen lograr solucións estables

É posible unha nova crise láctea?

A presión dos países do norte de Europa dificultou a xestión pública da crise.

A crise de prezos do leite que se viviu nos últimos dous anos vai remitindo ós poucos, pero o escenario que deixa resulta enganoso. As cotizacións dos produtos lácteos industriais remontaron, con picos históricos no caso da manteiga, pero esas melloras, que están a chegar ó campo a contagotas, agochan serios problemas de fondo.

Europa mantén stocks públicos de leite en po no entorno das 350.000 toneladas, froito das compras do sistema de intervención durante a crise. Son niveis históricos, equivalentes ós de finais dos anos 70 e inicios dos anos 80, cando os excedentes lácteos aconsellaron a implantación do sistema de cotas. Así pois, a aterraxe suave que auguraba a Comisión Europea no 2015, cando remataron as cotas lácteas, transformouse nunha aterraxe de emerxencia en plena tormenta perfecta.

“Só 1 de cada 3 litros que se produciron a maiores en Europa desde o 2014 puido canalizarse para a exportación” (Francisco Sineiro, USC)

“As previsións da Unión Europea fracasaron. Os crecementos de produción que esperaba a Comisión foron inferiores ós reais”, -sinala Francisco Sineiro, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC). A consecuencia do aumento das entregas de leite foi a suba de excedentes en toda Europa, pois só 1 de cada 3 litros de leite que se produciron a maiores desde o 2014 puido canalizarse para a exportación, segundo sinalou Sineiro nunha mesa redonda celebrada recentemente en Mabegondo.

A baixada da produción nos últimos meses do 2016 aliviou a presión, pero se se reactivase o aumento das entregas, a posibilidade dunha nova crise queda no aire. A Comisión Europea investiu máis de 1.000 millóns de euros desde o fin das cotas en afrontar a crise, vía compras de intervención e axudas directas, pero os problemas de base seguen sen resolver.

Redución voluntaria das entregas
O programa voluntario de redución das entregas, que tivo un limitado impacto no último trimestre do 2016, vai rematar deixando moitas incógnitas para o futuro. “Houbo unha incapacidade da Unión Europea para afrontar a crise”, subliña Sineiro. “No seu momento, tíñanse que ter establecido reducións obrigatorias de parte da produción, algo que non se fixo probablemente pola presión dos países do Norte de Europa”.

“Cando a crise, deberíanse ter establecido reducións obrigatorias da produción. Non se fixo pola presión dos países do Norte”

Desde o fin do sistema de cotas, países como Irlanda, Bélxica, Holanda ou Dinamarca embarcáronse nunha carreira de crecemento das entregas que non ten equivalencia na zona sur de Europa. Son Estados pouco proclives ás limitacións na produción, na idea de que serán capaces de atopar mercados, internos e externos, para o seu leite. Esa situación coincide cun comisario de Agricultura da UE de nacionalidade irlandesa, Phil Hogan, pouco proclive tamén a medidas de intervención no mercado.

O panorama que se presenta a nivel europeo abre, xa que logo, posibilidades de novas crises no futuro. Pódese repetir unha crise como a dos últimos dous anos? “Existe esa posibilidade, pois estamos nun equilibrio inestable”, recoñece Sineiro. “O mercado mundial ten potencial para que o incremento de produción vaia por riba do incremento de consumo. Durante o 2016, Europa e Estados Unidos aumentaron as entregas, pero outras grandes zonas produtoras, como Australia, Nova Zelanda ou Arxentina, reducíronas. Se no futuro, estas zonas aumentan a produción, que pasará?”, pregúntase o profesor da USC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información