¿É posible un acordo de prezos do leite coma o francés?

O Ministerio de Agricultura e a Consellería do Medio Rural negan que sexa viable un pacto coma o acadado en Francia. Analizamos en que consistiu o acordo galo e a súa posible traslación a España

¿É posible un acordo de prezos do leite coma o francés?

A ministra, Isabel García Tejerina, cuestiona o acordo francés.

Chegados a este punto das protestas gandeiras, tras case dous meses de mobilizacións, a solución ó conflicto permanece enquistada. Dun lado, os produtores de leite demandan un acordo coma o francés que contribúa á revalorización dos prezos do leite. Doutro lado, o Ministerio de Agricultura e a Consellería de Medio Rural aseguran unha e outra vez que tal acordo non é posible ou sosteñen directamente que “nunca existiu”, como afirmou onte a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana. Compre por tanto analizar se o acordo francés existe como tal, e de existir, se é posible.

O Ministerio de Agricultura francés deixa claro nun comunicado que se pode consultar neste enlace a existencia dun acordo para a revalorización do leite e as súas características. Como formulación inicial, o Ministerio precisa que medidas lle pediu a distribución e industrias: “O ministro, Stephane Le Foll pediulle responsabilidade a todos os actores do sector. É esencial darlle perspectivas positivas ós gandeiros, o que implica, dentro dun contexto internacional moi difícil e incerto, revalorizar o leite no mercado nacional”.

Compromisos adoptados en Francia
Sobre esa idea de revalorización do leite, o Ministerio de Agricultura galo anuncia, no mesmo documento, os seguintes compromisos ós que se chegou nunha reunión a finais de xullo: “A distribución comprometeuse desde agosto, no marco das negociacións bilaterais cos seus proveedores, a aumentar os prezos sobre un certo número de produtos de primeiras marcas e de marcas brancas (…) Os transformadores lácteos comprometéronse a repercutirlle ós gandeiros todos os aumentos outorgados pola distribución”.

“A distribución comprometeuse, no marco das negociacións bilaterais cos seus proveedores, a aumentar os prezos” (Ministerio de Agricultura de Francia)

A maiores do acordo sobre prezos, o Ministerio sinala no seu comunicado que todos os actores se puxeron de acordo “na importancia, neste periodo difícil, da cuestión da orixe francesa dos produtos”.

Por último, o Ministerio sinala que os actores “que teñan dificultades no cumprimento destes compromisos no marco das discusións contractuais bilaterais, poderán acudir ó mediador das relacións comerciais agrícolas”.

Ata aquí o que pode lerse textualmente no comunicado do Ministerio de Agricultura de Francia. Logo da reunión, en declaracións ós medios, os distintos actores puxéronlle cifras ó acordo, destacando un compromiso para revalorizar o leite en 4 céntimos ó longo de toda a cadea antes de fin de ano, de xeito que o prezo medio no agro quedase fixado en 34 céntimos. En España, o prezo medio é de 30 céntimos e en Galicia de 27,9 céntimos.

“Os actores que teñan dificultades no cumprimento destes compromisos, no marco das discusións bilaterais, poderán acudir ó mediador” (Ministerio de Agricultura de Francia)

Situación en España
En España, cooperativas e organizacións agrarias agardaban que a reunión mantida polo conxunto do sector lácteo o 18 de agosto servise para chegar a compromisos similares ós adoptados por Francia a finais de xullo. O propio secretario de Agricultura, Carlos Cabanas, sinalara en Galicia que na reunión do 18 se verían “os compromisos ós que estaban dispostas a chegar as partes”. Cabanas, igual que a ministra, Isabel García Tejerina, advertía de que o Ministerio non podía fixar prezos, pero “si posibilitar o entendemento entre as partes”.

A reunión do 18 de agosto, sobre a que se crearan importantes expectativas, rematou en decepción, cunha proposta de medidas a medio prazo por parte do Ministerio de Agricultura –considerada positiva polo sector-, pero sen que se puxera sobre a mesa a cuestión central, a revalorización dos prezos do leite a curto prazo.

Valoración do acordo francés en España
Sobre o acordo francés, a ministra, Isabel García Tejerina, declaraba que o acordo francés era “un acordo do sector para revalorizar o leite e os produtos lácteos, non unha medida do Goberno”. O Ministerio sinalaba que o Goberno francés só se comprometera a vixilar o cumprimento do acordo a través do mediador agrícola, “un órgano –di o Ministerio español- que noutras ocasións ten sinalado que a revalorización dos prezos só pode ser resultado do compromiso individual e persoal de cada un dos actores”.

“O acordo francés é un acordo do sector, non unha medida do Goberno” (Isabel García Tejerina)

Logo de recoñecer tal posibilidade de revalorización, o Ministerio de Agricultura centrou a súa argumentación en poñer en cuestión a legalidade do acordo francés: “A este respecto, a ministra informou na reunión de que a Comisión Nacional da Competencia remitiulle unha resposta ó Ministerio indicando que calquera acordo de fixación de prezos vulnera a Ley 15/2007 de Defensa de la Competencia e o artigo 101 do Tratado de Funcionamento da UE”.

O sector produtor entende que se fala de cousas distintas. “Unha cousa é un acordo de fixación de prezos, prohibido por Competencia, e outra cousa é que o Goberno medie para que distribución, industrias e gandeiros cheguemos a un acordo”, sinalan desde as organizacións agrarias. No sector produtor lémbranse as negociacións en tal sentido que se teñen producido no pasado en Galicia, desde a época de Sineiro na Consellería a finais dos 80, cando o leite chegou a superar as 50 pesetas por litro (30 céntimos), ata Suárez Canal, pasando polos sucesivos gobernos de Fraga.

Perspectivas para a reunión do 10 de setembro
Así as cousas, organizacións agrarias e cooperativas seguen a manter contactos coa industria e coa distribución para tratar de que na reuión prevista no Ministerio o 10 de setembro se poña sobre a mesa un acordo similar ó francés. Os esforzos céntranse en que a distribución acepte mellorar as marxes comerciais da industria, de xeito que a parte transformadora lle poida trasladar esa suba ós gandeiros.

Industria e distribución son remisas en España a comprometerse á revalorización dos prezos. O agro pide a mediación do Goberno

A proposta de organizacións agrarias e cooperativas é tal cal como a francesa. En Gran Bretaña tamén se chegou a acordos similares, adoptados de xeito individual polas distintas cadeas de distribución. Polo de agora, distribución e industrias son remisas en España a aceptar este tipo de pactos para a revalorización do leite.

O sector produtor, consciente, das dificultades, redoblará as mobilizacións de cara a reunión do 10 de setembro, tanto con tractoradas como a de hoxe en Curtis, como con previsibles accións directas ante industrias e distribución.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información