¿É posible combinar robot de muxido con pastoreo?

Irlanda proba desde fai 5 anos un sistema que permite muxir con robot e de xeito totalmente autónomo vacas que permanecen todo o día en pastoreo e está a introducir no traballo diario dos gandeiros ferramentas de medición que permiten unha xestión moito máis precisa e eficiente do pasto nas granxas.

¿É posible combinar robot de muxido con pastoreo?

Vacas saíndo ao pasto despois de pasar polo robot de muxido en Irlanda.

Cada vez son máis os gandeiros que en Galicia están a introducir robots de muxido automático nas súas explotacións. Trátase, en todos os casos de vacas estabuladas en granxas intensivas. Pero, sería posible muxir con robot nun sistema en extensivo? Este foi un dos aspectos abordados nas xornadas sobre Vacún de leite e pastoreo celebradas recentemente na Escola Politécnica do Campus Terra de Lugo, onde distintos expertos internacionais deron conta de distintas experiencias
levadas a cabo nos seus países.

Foi o caso de Bernardette O’Brien, procedente de Irlanda, un país que basea a súa produción láctea no pastoreo pero isto non impide que se poidan aplicar sistemas de robotización, asegurou. Neste sentido, explicou que en Irlanda estase a probar desde hai 5 anos un método experimental de muxido automático en vacas que pasan todo o día en réxime de pastoreo, consistente en dividir a superficie dispoñible en tres bloques de parcelas en torno á nave onde estaría ubicado o robot. As vacas irían rotando polas parcelas en función das horas do día e para pasar das parcelas dunha sección a outra terían que pasar polo robot, aínda que non todas serían muxidas, senón só aquelas que o precisasen. Co sistema de rotación de parcelas post-muxido motívase á vaca para ir ao robot, porque o animal sabe que despois de ser muxida vai ir a unha parcela con pasto novo, actuando deste xeito como premio ou aliciente.

“A introdución dun robot permite a redución do 60% do traballo na granxa”

Aínda logrando unha produción por vaca menor que en animais estabulados, este método permite aplicar altas frecuencias de muxido propias de vacas de alta produción a animais que pasan todo o día pacendo, mantendo deste xeito altas inxestas de pasto, optimizando a frecuencia de muxido e reducindo o traballo aparellado a esta tarefa. “Nas granxas irlandesas a seguinte xeración non quere muxir e é difícil contratar traballadores con coñecementos que sexan eficientes muxindo. A introdución dun robot permite a redución do 60% do traballo na granxa, arredor dunhas 24 horas por vaca e ano”, explicou esta técnica do Teagasc, a autoridade pública de carácter gobernamental para o desenvolvemento da agricultura e a alimentación en Irlanda.

Chama a atención outro factor nesta experiencia levada a cabo en Irlanda con respecto á introdución de robots de muxido en granxas galegas. Mentres no sistema intensivo galego o habitual é unha ratio de 60 animais por robot, Bernardette O’Brien explicou que en Irlanda están a muxir “sen ningún problema” 80 vacas cun só robot e a intención é “chegar a 90 vacas por robot”, se ben é certo que as vacas irlandesas, tanto de raza frisoa como jersey, son vacas de menor capacidade produtiva que as galegas (a media en Irlanda está en 4.798 quilos de leite por vaca e ano con 4,1% de graxa e 3,45% de proteína).

Mapa de pastoreo en explotacion con ordeño automatico

Mapa de pastoreo en explotacion con ordeño automatico

Produción moi estacional pola acumulación de partos a comezos da primavera

Os gandeiros irlandeses non moxen todo o ano. Unha das peculiaridades propia do sistema lácteo do país é a concentración dos partos, que fai que a produción sexa moi estacional. “As vacas pasan dous meses estabuladas polo mal tempo, que coincide coa época de secado, mentres que de febreiro a novembro deixan o establo e pacen fóra. Por iso, recoméndase agrupar o 90% dos partos a comezos da primavera, para axustar o pico de produción de pasto co momento de maior necesidade de inxesta da vaca, de xeito que o pico de produción de leite faríase practicamente sen concentrados”, explica Bernardette.

A dieta dunha vaca irlandesa no verán, por exemplo, sería deste xeito: 17,5 quilos diarios de materia seca procedente de pasto e tan só medio quilo diario de concentrado, polo que os quilos totais de penso que comería ese animal durante toda unha lactación anual non superaría os 350, suplindo as épocas de escaseza de pasto con silo de herba. De cumprir estas recomendacións, esta experta considera que a marxe de beneficios das granxas irlandesas incrementaríase notablemente.

Pero este modo de produción estacional supón outro dos grandes desafíos a ter en conta á hora de muxir de xeito automático vacas en pastoreo en Irlanda: tentar que o número de muxidos diarios por vaca, que se sitúa de media en 1,5, non baixe durante o pico de lactancia que se produce nos meses de abril e maio, coincidindo coa maior produción de pasto.

Aínda que a maioría dos gandeiros irlandeses agrupan o maior número de partos posibles a comezos da primavera, tamén os hai, aínda que son unha minoría, os que fan agrupación de partos en dúas épocas co obxectivo de producir o 60% do leite na primavera e o outro 40% en setembro, unha época con mellores prezos debido á escaseza de leite. Pero isto ten unha desvantaxe: “supón ter que muxir todo o ano”, conta Bernardette.

ROBOT_MUXIDO_sistema irlandes de producion lactea

Limitación: as parcelas non poden estar a máis de 700 metros do robot de muxido

Un dos condicionantes que ten o uso de robots de muxido en explotacións extensivas é que reduce practicamente á metade a distancia máxima á que poden estar situadas as parcelas onde pacen as vacas, que non poderían estar afastadas máis de 700 metros do lugar onde estivese instalado o robot. Isto fai, por un lado, que as parcelas próximas ás explotacións adquiran especial importancia e, polo tanto especial valor económico. Segundo os cálculos do Teagasc irlandés, unha parcela extra situada ao lado da estabulación que puidese destinarse a pastoreo podería pagarse en aluguer a até a 350 euros por hectárea. Por enriba dese prezo límite deixaría de ser viable o pastoreo e sería máis rendible alugar outra finca, aínda que estivese lonxe, para facer forraxe.

A opción do ensilado da herba destas fincas preséntase en Irlanda como principal alternativa para as superficies máis afastadas no caso de explotacións extensivas, aínda que hai outros métodos para integrar estas parcelas no pastoreo. En Francia, por exemplo, onde unha explotación media de 60 vacas manexa até 100 hectáreas de terreo, as fincas máis distantes úsanse para a cría das xovencas ou mesmo para a produción de carne, de maneira que moitos gandeiros galos combinan a produción en extensivo de leite nas parcelas máis próximas e de carne nas máis afastadas.

Incremento do 50% da produción total do país sen abandonar o pastoreo    

Ao revés do que acontece en Galicia, en Irlanda nos últimos anos os produtores de carne están entrando na produción láctea. Isto fai que Irlanda estea a ser un dos países da UE que máis aumentou a produción de leite desde o fin das cotas lácteas. “O obxectivo é que no ano 2020 poidamos producir un 50% máis que no último ano de cotas lácteas, neste momento estamos xa no 40% de incremento”, asegurou a representante da Irish Agriculture and Food Development Authority.

Irlanda conta con 15.000 explotacións, con 69 vacas de media, pero subsisten aínda moitas granxas familiares con menos de 30 cabezas. A parte sur do país é a parte onde se practica máis intensamente a produción leiteira porque é onde é máis eficiente producir leite, en boa medida pola maior produción de pasto desta zona. Só o 10% do leite producido no país ten como destino o consumo en líquido. O restante 85% expórtase como produtos lácteos, como queixo, manteiga ou leite destanato en po, sobre todo a países asiáticos como China.

O destino final do leite irlandés fai que a calidade sexa moi importante, tanto polas necesidades das industrias transformadoras como debido aos requirimentos fixados para a exportación de produtos lácteos. O prezo medio ao que cobran o leite os gandeiros irlandeses é de 31 céntimos por litro.

“O ensilado de herba supón un gasto engadido de entre 54 e 80 euros por tonelada de materia seca”

Practicamente o 100% das explotacións irlandesas fan pastoreo, pero nos últimos anos, a raíz sobre todo da eliminación das cotas lácteas, algúns gandeiros decidíronse a producir leite sen pastoreo, xa que nalgúns casos a dispoñibilidade de pasto era un factor limitante para o crecemento das explotacións, porque é difícil ter superficie agraria suficiente preto da explotación e porque a distancia máxima á que é posible facer pastoreo condiciona o número máximo de cabezas.

Pero Bernardette ve inconvenientes neste cambio de modelo: “O pastoreo cero aumenta o custo da colleita e consume moito tempo ao produtor se o fal el mesmo” asegura. Segundo os seus cálculos, o ensilado de herba supón un gasto engadido con respecto ao pastoreo de entre 54 e 80 euros por tonelada de materia seca en función do volume ensilado.

Sistemas de medición e de xestión para a optimización dos pastos    

ROBOT_MUXIDO_grasshopper1“A formación fixo que moitos produtores irlandeses lograran nos últimos anos producir máis leite coa mesma superficie”, asegura Bernardette O’Brien. O organismo público ao que ela pertence fornece aos gandeiros de ferramentas para mellorar o seu sistema de produción e está a aplicar as novas tecnoloxías á optimización da base principal da produción de leite do país: o pasto. “O incremento do pasto na dieta das vacas ten un efecto positivo nos beneficios da explotación e a maior dispoñibilidade de pasto depende en boa medida da boa xestión das fincas en pastoreo”, asegura. Segundo os seus cálculos, a rendibilidade por hectárea increméntase en 267 euros por cada tonelada adicional de pasto utilizado para o sistema lácteo.

Entre outros, Bernardette destaca como puntos clave para acadar unha alta utilización do pasto a renovación dos pasteiros ou o incremento do número de pastoreos. As explotacións irlandesas obteñen de media 13,9 toneladas de materia seca por hectárea e teñen unha media de 2,35 vacas por hectárea, pero esta experta recomenda incrementar esa densidade de animais até 2,9 vacas por hectárea porque “cantos máis animais pacendo maior produción de pasto”, asegura. En Irlanda, que non ten problemas de seca, prodúcense dous picos de produción de pasto, un en abril-maio e outro en agosto.

Tamén considera fundamental controlar as alturas da herba pre e post pastoreo aplicando métodos de medición obxectivos. “As granxas pequenas calibran a ollo e hai xente que fai moi boas estimacións, pero ese sistema é moi subxectivo e só vale se ese seguemento das parcelas o fai sempre a mesma persoa”, indica. Por iso recomenda usar herbímetros, que son uns aparatos de medición que poden ser manuais (Jenquip) ou automáticos (Grasshopper), que ademais de facer as medicións e gardar os datos, está dotado dun xeolocalizador que identifica as parcelas e permite almacenar as sucesivas lecturas e manexar os resultados a través dunha aplicación no teléfono móbil (PastureBase), unha especie de base de datos que interpreta os resultados e fai os cálculos en función dos datos obtidos nas medicións e dos parámetros e variables introducidas polo gandeiro.

 A combinación de Grasshopper e PastureBase preséntase como unha ferramenta fundamental de apoio ao gandeiro

A combinación de Grasshopper e PastureBase preséntase como unha ferramenta fundamental de apoio ao gandeiro para a xestión do pastoreo ao aportarlle a información que precisa para tomar decisións que lle permiten optimizar o pasto e facer un uso máis eficiente do principal alimento das súas vacas en base ao coñecemento da masa herbácea semanal, da cantidade e calidade do pasto dispoñible ao de directrices sobre a demanda de alimento ou a provisión e utilización do pasto, días de pastoreo en cada parcela en función do número de cabezas, etc.

O uso destas ferramentas tecnolóxicas á xestión do pasto permite ademais aos gandeiros irlandeses prever o rendemento dos seus pasteiros e facer unha xestión axeitada dos momentos en que hai superávit, retirando a herba sobrante en forma de forraxe para empregar logo como suplemento nos momentos de déficit. Bernardette recomenda eliminar os excesos de pasto “canto antes”, para que esas parcelas volvan o antes posible de novo ao ciclo de rotación de parcelas en pastoreo. Esta experta considera que o gando debe entrar a pacer unha finca cando a masa herbácea dispoñible está entre 1.300 e 1.500 quilos de materia seca por hectárea e cambiar de parcela cando a altura da herba que está a ser pacida se sitúe entre 4 e 4,5 centímetros. O ensilado debería facerse cando a masa herbácea chegue a 2.500 quilos de materia seca por hectárea.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información