“É o momento de que a revalorización dos produtos lácteos repercuta nos gandeiros”

O secretario de Agricultura do Ministerio, Fernando Miranda, subliña que se dan tódalas circunstancias para que suba o valor do leite no campo. Pide o entendemento de industrias, cadeas de distribución e organizacións agrarias

“É o momento de que a revalorización dos produtos lácteos repercuta nos gandeiros”

O secretario de Agricultura do Ministerio, Fernando Miranda, á esquerda, na xornada sobre perspectivas do sector lácteo.

Santiago acolleu hoxe unha xornada de Unións Agrarias sobre o sector lácteo que se presentaba cun obxectivo principal. Aclarar as perspectivas de prezos do leite e de negociacións entre gandeiros e industrias para os próximos meses. Sobre a cuestión dos prezos do leite, o Ministerio de Agricultura está a enviar unha mensaxe firme nas últimas semanas que hoxe foi reiterada en Santiago polo secretario de Agricultura do Ministerio, Fernando Miranda. “É o momento de que a revalorización dos produtos lácteos repercuta nas granxas”, asegurou ante un auditorio de gandeiros, pero no que tamén había cooperativas e representantes da industria e da distribución.

Miranda incidiu en que se está a producir unha recuperación de mercado a nivel europeo e en que é preciso un “entendemento de toda a cadea láctea, industrias, grupos de distribución e gandeiros, para que haxa unha suba do leite no campo. “Igual que os gandeiros se tiveron que apretar o cinturón en intres de crise, agora é o momento en que deben aproveitar a circunstancia da boa situación de mercado, con bos prezos do leite en Europa e tamén con boas cotizacións da manteiga e do leite en po”, destacou.

“Se tomamos como referencia o índice da Inlac, non chegariamos ós 36 céntimos de prezo do leite medio en Europa, pero si ós 34 céntimos” (Francisco Sineiro)

De canto debería ser a revalorización do leite?. Francisco Sineiro, quen fora profesor de Economía Agraria na Universidade de Santiago, puxo sobre a mesa as cifras. “O prezo medio do leite en España adoitaba seguir unha evolución paralela á europea e semellante á do prezo recomendado polo índice da Interprofesional Láctea (Inlac), pero desde o 2017 estase a producir unha diverxencia. O prezo medio español evolucionou distanciándose por abaixo do prezo europeo e do prezo do índice Inlac. Se collemos este último índice, non chegariamos ós 36 céntimos de media en Europa, pero si case a 34 céntimos”, asegurou hoxe en Santiago.

Público das xornadas.

Público das xornadas.

Os últimos datos do Ministerio, coñecidos onte, reflicten un prezo medio en España de 33 céntimos, que se queda en 31,7 céntimos en Galicia.

Novos contratos a partir de abril
A demanda de Fernando Miranda dunha suba de prezos no campo, que foi compartida polo conselleiro do Medio Rural, José González, deixa un reto sobre a mesa para o 1 de abril, data na que se renovarán a maioría dos contratos do leite en Galicia. Claro que para ese reto, as Administracións desmárcanse.

En Galicia, onde xa hai anos que quedou desmontada a Mesa do Leite, que reunía a industrias, cooperativas e organizacións agrarias, a Xunta lanza pelotas fóra e apunta ó Ministerio: “Algo lle teremos que dicir, secretario general, a industrias e distribución sobre o aumento de prezos no campo”, apuntoulle a Miranda ó director xeral de Gandería, José Balseiros.

O secretario de Agricultura, Fernando Miranda, argumenta pola súa banda que o Ministerio carece de capacidade para ordear prezos: “Estámoslle trasladando a industrias e distribución a necesidade de que suban o valor do leite, pero non lles podemos dicir ‘suban tanto’. Son precisas negociacións entre as partes”, alega Miranda.

“Os compromisos das granxas con cooperativas ou organizacións de produtores son necesarios. Quen vaia por libre terao máis difícil” (Fernando Miranda)

“As industrias teñen que falar coas cadeas de distribución e cos gandeiros” -defende o secretario general-, “en tanto as granxas deben manter un compromiso coas súas cooperativas ou organizacións de produtores. É necesario que os gandeiros teñan coñecemento do que fan comprometéndose cunha organización de produtores, pero que teñan claro que os compromisos con cooperativas ou organizacións de produtores son necesarios. Unha granxa que decida ir soa e por libre vaino ter máis difícil”, concluiu.

Reforzamento do papel das organizacións de produtores
As negociacións de prezos entre produtores e industrias, que na práctica son case inexistentes, albiscan unha nova etapa en canto se aprobe o decreto de reforma do Paquete Lácteo, que reforzará o papel das organizacións de produtores. Unha vez que entre en vigor, o que se espera para este mes de febreiro, segundo asegurou Miranda, as industrias non poderán negociar de xeito individual coas granxas pertencentes a unha organización de produtores (OP), debendo negociar coa OP.

En Ulega, a organización de produtores ligada a Unións Agrarias, que agrupa a máis de 2.000 granxas, moito se temen que este decreto chega tarde para o actual ciclo de negociacións.

Lactalis, a principal industria con recollida en Galicia, xa está pechando contratos asinados no campo cunha suba de só un céntimo, deixando o prezo base en 29 céntimos, o que é criticado por Unións Agrarias, que acusa á industria de manter os prezos artificialmente baixos.

O secretario xeral de Unións, Roberto García, pediu hoxe unha moratoria na sinatura de novos contratos, á espera de que o decreto de reforma do Paquete Lácteo force o inicio de negociacións entre as organizacións de produtores e as industrias. Outra posibilidade sobre a mesa pasa pola sinatura de contratos a curto prazo, que dean tempo para que industrias e organizacións de produtores negocien prezos nos próximos meses.

Prezo en Galicia
O diferencial de prezos entre as granxas galegas e as do resto de España, -1,3 céntimos na actualidade, foi outro dos puntos de debate na xornada. Constatouse que existen factores estruturais que tiran á baixa dos prezos galegos, como a lonxanía dos centros do consumo ou o peso do envasado de marcas brancas de leite líquido, pero tamén outros factores atribuíbles á falta de negociación das industrias e ás características dos contratos, que en ocasións marcan un prezo fixo anual ou se autorreferencian ó prezo medio galego, o que evita subas de entidade.

Por parte de Unións Agrarias-Upa, Román Santalla advertiu de que no actual contexto de recuperación, a fixación de prezos fixos anuais á baixa “é un auténtico secuestro de prezos”, criticou.

Anúnciase un novo Plan Estratéxico do Sector Lácteo

O conselleiro do Medio Rural, José González, aproveitou a clausura da xornada de hoxe para anunciar un Plan Estratéxico do Sector Lácteo. Hai tres anos, a súa predecesora no cargo, Ángeles Vázquez, tamén anunciara un Plan Estratéxico do Sector Lácteo que ía incluír a creación dun grupo de traballo cos axentes do sector. Daquel Plan, pouco máis se soupo, salvo en reunións puntuais, case de carácter anual, que xa hai tempo que deixaron de celebrarse.

González anuncia agora que o seu Plan Estratéxico, que incluirá novamente a creación dun grupo de traballo, centrarase en cuestións coma o aumento da base territorial das explotacións, a formación e o apoio á innovación das granxas, e a busca dunha maior rendibilidade para o sector pola vía da reducción de custos e da xeración de maior valor na transformación do leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información