”É imprescindible que gandeiros e cooperativas se impliquen na transformación do leite”

Entrevista a Miguel Ángel Díaz Yubero, coordinador do libro “O sector lácteo español na encrucillada”. O ex-director xeral de Covap e de Leche Pascual reclama un plan estratéxico para o sector lácteo galego centrado na exportación de queixos e de derivados lácteos en po

”É imprescindible que gandeiros e cooperativas se impliquen na transformación do leite”

Miguel Ángel Díaz Yuberos, ex director xeral de Covap e de Leche Pascual

Miguel Ángel Díaz Yubero é unha das persoas que mellor coñecen o sector lácteo español. Na súa traxectoria profesional foi director xeneral da Cooperativa Agroalimentaria Valle de los Pedroches (Covap), director xeral do grupo Leche Pascual, ou secretario xeral de Alimentación do Ministerio de Agricultura.

Recentemente coordinou o libro “O sector lácteo español na encrucillada”, un monográfico editado por Cajamar Caja Rural no que participaron 33 expertos, e que analiza as debilidades e as fortalezas do sector lácteo español.

¿Cales son as grandes debilidades que detectastes no sector lácteo español, e no galego en particular?
Como principal debilidade detectamos a falta dunha estrutura organizada no mundo da produción. O déficit cooperativo é xeral en España. En Galicia fíxose un esforzo pero quedouse, coa excepción de Feiraco, no ámbito da produción e non se avanzou na transformación industrial do leite. Isto marca unha gran diferenza con outros países europeos, nos que as cooperativas foron primordiais na transformación do leite. Porén, en España preferimos quedarnos na primeira fase, que é a venda do leite dos gandeiros, e agora revélase como un gran fracaso.

A segunda debilidade que detectamos é o diferente comportamento da industria láctea española. Así, noutros países a industria láctea, que está controlada maioritariamente polos gandeiros a través das cooperativas, avanzou en produtos de maior valor engadido que lles permiten remunerar ao gandeiro cuns prezos máis adecuados aos custos de produción.

“Revelouse como un gran fracaso que as cooperativas só se centrasen en recoller o leite”

Pola contra, en España a industria láctea quedou estancada fundamentalmente na comercialización de leite líquido. Con excepcións como Reny Picot e algunha outra, poucas foron as que avanzaron na elaboración de produtos lácteos de valor engadido. Proba diso é que en España seguimos dedicando ao envasado de leite líquido case o 55% da produción, mentres que outros países como Holanda, que para min é o espello no que nos debemos mirar, soamente dedica a leite líquido o 8% da súa produción láctea, o 52% dedícao á produción de queixos e o resto a produtos en po de valor engadido.

A terceira diferenza é unha administración que non fixo especial fincapé no apoio a todos os métodos de innovación no sector lácteo. O gran éxito dos países con sectores lácteos máis avanzados é que dispoñen de estruturas de cooperación entre o gandeiro, a industria e a investigación que potenciou de forma moi importante a innovación tecnolóxica.

Unha das conclusións do libro “O sector lácteo español na encrucillada” é que é necesario avanzar na transformación industrial do leite en España. Con todo, aseguras que no caso de Galicia hai plantas industriais que se construíron con axudas públicas e que están infrautilizadas….
Houbo axudas públicas e non. Por exemplo cando o grupo Leche Pascual instalouse no Lugo tivemos axudas para que unha empresa que entón era líder no sector lácteo español viñese instalarse a Galicia.

O problema é que algunhas industrias de leite en po aproveitaron situacións de crises para facer unhas compras spot nas que o litro de leite chegaba á zona de descarga desa industria a 0,19 ou 0,20 euros o litro. Co cal, para avanzar na fabricación de produtos de valor engadido é imprescindible que os gandeiros e as cooperativas se impliquen de forma decidida.

Do contrario, podemos avanzar na elaboración de produtos de valor engadido, pero darse o paradoxo de que estas industrias aproveiten as conxunturas para remunerar menos o leite, e isto vivímolo nos anos 2015 e 2016. É por tanto, imprescindible que haxa unha implicación dos produtores nos proxectos industriais, pois se non seguirán ao albur do que marquen os prezos internacionais e do que se queiran aproveitar deles estas industrias.

“Non é garantía de remuneración para os gandeiros que se instalen industrias foráneas que elaboren produtos de valor engadido”

Tamén propós para as cooperativas se fagan cargo da recollida do leite. Explícate…
Deberían ser responsables non só de recoller o leite ao gandeiro e poñelo na fábrica, senón tamén de transformar o leite. Con todo, as experiencias que houbo en Galicia, cando as cooperativas de Alimentos Lácteos fixéronse cargo da planta de Leche Pascual en Lugo, non foron positivas. É dicir, ou se profesionaliza e xestiónase dunha maneira adecuada estes proxectos por parte das cooperativas, ou senón é mellor non facelo.

En todo caso, si que é importante que as cooperativas e organizacións de produtores se responsabilicen da recollida do leite e da negociación de prezos, pero tamén que se incorporen ao mundo industrial.

¿A escalada de prezos da graxa é unha tendencia a medio longo prazo na que cada vez se van a primar máis as calidades do leite?
É certo que a estrutura industrial española non propiciaba que o gandeiro incrementase a graxa e a proteína do leite porque se centraba exclusivamente no envasado de leite líquido. É dicir, en España estabamos a traballar cun 3,1% de proteína e un 3,7% de graxa, cando en Europa estaban a producir con 3,4% e 4,2% porque a industria si remuneraba a graxa e a proteína. En España, pola contra, pagábase algo o graxa pero á proteína non se lle vía interese.

Agora mesmo pódese estar a xerar unha burbulla no prezo da graxa, que está a alcanzar prezos inimaxinables. Os prezos das materias primas son volátiles e o previsible é que nuns meses volva a uns prezos normais.

¿Por que fracasaron en España os intentos de integrar cooperativas para avanzar na transformación industrial do leite?
Porque non houbo vontade real. Falouse moito desde hai anos, tivemos moitas reunións con Eduardo Baamonde como director xeneral de Cooperativas, que estaba empeñado niso; co presidente de Covap, Tomás Aránguez, que tiña como obxectivo chegar a construír un grupo cooperativo potente en España. Chegamos a un acordo de Covap con Iparlat, a cooperativa vasca, e déronse algúns pasos. Pero ao final vimos que non había interese porque as cooperativas tampouco tiñan capital financeiro para facer fronte a investimentos en industrialización do leite, que lles sumía nun mundo de dúbidas. O máis sinxelo para as cooperativas, é recollerlle só o leite aos gandeiros e vendelo á industria, sen crear máis complicacións.

Sigo dicindo que Galicia necesita un pacto de país para crear un sector lácteo capaz de xerar riqueza nos gandeiros e na industria. E agora que hai catro anos dun goberno que ten unha maioría, debe haber un acordo que parta desde abaixo, desde os gandeiros e desde a industria, que lles demanden ao Goberno e ás forzas políticas da oposición un plan estratéxico a un mínimo de cinco anos. Non estamos nunha época de cambios senón nun cambio de época. Galicia produce 2,6 millóns de toneladas de leite, e a maioría expórtao, sobre todo como leite líquido ou como nata sen valor engadido. Creando produtos de valor engadido estaremos a xerar riqueza.

A ministra de Agricultura de Holanda no seu artigo no libro “O sector lácteo español na encrucillada”, define ao sector lácteo holandés como o seu ouro branco. E Galicia ten todas as condicións para que o leite, no canto de ser un problema permanente, sexa unha oportunidade de riqueza e de emprego.

Este plan estratéxico para o sector lácteo, ¿En que produtos crave deberíase centrar a transformación do leite en Galicia?
O primeiro serían os queixos. Galicia é unha potencia queixeira pero que sen embargo non saen practicamente do seu territorio. Os San Simón da Costa, os Arzúa, ou os Tetilla teñen producións importantes pero case non se comercializan fóra do territorio galego, sobre todo na gran distribución.
Debería haber unha aposta decidida pola produción de queixos e pola exportación fóra de Galicia.

“É imprescindible un Plan Estratéxico para o sector lácteo galego centrado na exportación de queixos e produtos de valor engadido”

En segundo lugar, os produtos de valor engadido, a través do que chaman o craking do leite, para conseguir produtos lácteos infantís, dietéticos, farmacéuticos….etc. É un mercado duro porque xa está explotado por outros países e é necesario ser moi competitivo en prezos e moi innovador. Neste sentido, a aula de Produtos Lácteos, entre outros centros de investigación, pode achegar moito.

E en terceiro lugar, hai marxe de mellora na propia gandería, tanto en xenética, como en alimentación, benestar animal e rendemento das forraxes.

¿Como valoras os dous grandes proxectos industriais anunciados para o sector lácteo galego: a planta de Goodleit en Curtis e o de DairyLac, que agrupa a Lasurgal, Icos e algunha outra cooperativa?
Son pasos na boa dirección. Pero creo que sería moi importante que o sector produtor estea involucrado.

Tamén valoro moi positivamente a creación de Clun, con Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Tamén son moi importantes os acordos que conseguiu Upa co grupo Dia, así como que o grupo Lidl comprométase a que todo o leite que comercializa en España sexa de orixe española.

Coa túa experiencia en Covap, ¿Cales son as claves de éxito para o éxito de Clun?
Parte de tres cooperativas moi distintas. A unión é máis para aforro de custos e non van ser comercializadores de maiores cantidades de leite, e quizais esta sexa unha debilidade. Gústanme máis as cooperativas de primeiro grao que as de segundo grao, tal como sería Clun.

En xeral, o erro máis común no mundo cooperativo é separar ao cooperativista das decisións que se toman por parte das presidencias ou xerencias. Canto máis apartados dos gandeiros cooperativistas, menos sentirán o proxecto como seu.

 “Hai que empresarializar as cooperativas: o exemplo é Coren”

A situación de partida para a creación de Clun paréceme correcta e iso hai que aplaudilo. Ao longo destes próximos meses verase se a vontade dos consellos reitores é avanzar na industrialización do leite.

Un exemplo en Galicia é Coren, unha cooperativa profesionalizada e empresarializada. O que necesita precisamente o mundo cooperativa é ese carácter empresarial e non ter medo a afrontar de maneira decidida unha reconversión para ser cada vez mellor empresarios xestores. As empresas débense cooperativizar máis, integrando ao produtor na súa estrutura, e o mundo cooperativo débese empresarializar, porque do contrario vai ser imposible saír adiante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información