É a area a mellor cama para o gando vacún? Alternativas para o descanso das vacas

O mercado oferta un amplo abano de opcións para tentar garantir o repouso das vacas nas explotacións. Analizamos as vantaxes e inconvenientes dalgunhas das propostas máis demandas polos gandeiros

É a area a mellor cama para o gando vacún? Alternativas para o descanso das vacas

Vacas en cama de area na Gandería Rei de Miñotelo

Camas de area, carbonato cálcico, mesturas de serraduras e cascarillas, gomas, colchonetas, camas quentes a base de palla… As alternativas que ofrece o mercado a día de hoxe para o descanso do gando vacún son moi variadas e moitos os aspectos que condicionan a elección dunha cama ou outra nas ganderías. Os expertos coinciden en que non existe unha alternativa mellor ca outra xa que todas aportan vantaxes e inconvenientes que deben sopesarse. A clave parece atoparse en buscar a que mellor se adapte ás necesidades de cada granxa. Pero para garantir o confort dos animais é preciso optimizar o modelo escollido. “O máis importante é que as camas estean limpas e secas para garantir que as vacas permanezan deitadas o maior tempo posible, o que influirá na produción e na calidade do leite” confirma Marc Pineda, veterinario especializado en benestar animal.

As camas de area, unha alternativa crecente

Unha das que máis adeptos gaña día a día son as camas de area. A súa elevada capacidade drenante permite ter unha cama fresca e seca, o que as converte tamén nunha alternativa recomendada polos veterinarios para vacas criadas en estabulación libre. Estas camas de area conseguen aumentar tanto a calidade como o tempo de repouso dos animais ata as 12 e as 14 horas, o que inflúe directamente no aumento da produtividade e mellora do leite.

A capacidade drenante, a salubridade e hixiene que proporcionan xunto co prezo son algunhas das vantaxes da area

“A principal vantaxe fronte a produtos convencionais é que como material inorgánico garante unha mellor salubridade e hixiene ó impedir a proliferación de microorganismos e axentes patóxenos que causan infeccións” explican dende o grupo Erimsa, que conta cun produto especial para as camas do gando, Q-Bed, elaborado a base de areas de sílice limpas e libres de arxila. O proceso de limpeza ó que son sometidas garante, segundo o fabricante, que “as areas se manteñan soltas e brandas e non se apelmacen nin endurezan, o que repercute na comodidade do animal e reduce traballo nas explotacións ó ser máis fáciles de manexar”, puntualizan dende Erimsa.

Unha das vantaxes que ofrecen as camas de area é o seu prezo competitivo, que ronda os 13 euros por tonelada, como apuntan algúns gandeiros que se decantaron por este método. Aínda que este prezo pode variar moito dependendo dos portes por desprazamento. A duración do material depende sempre das necesidades e das características de cada explotación. Pero segundo apuntan dende Erimsa en base ós datos facilitados polos seus clientes, un camión de area, que contén aproximadamente 27 toneladas, abastece durante un mes unha granxa con preto de 100 cubículos.

Tanto nas camas de area como nas de carbonato cálcico ou serraduras é importante contar cun grosor axeitado para facilitar a incorporación do animal

Nas camas de area, ó igual que noutras alternativas como o carbonato cálcico ou as serraduras, é importante contar cun grosor axeitado para lograr un mellor agarre cando o animal se quere incorporar, podendo somerxer o pezuño, segundo explica Pineda. É preciso contar cunha profundidade de entorno a 15 centímetros. “Aínda que esta é unha das alternativas máis recomendadas é moi importante realizar un bo mantemento para evitar que sexan irregulares e resulten incómodas ou estean húmidas”, concreta o veterinario.

O lado negativo: O desgaste e a acumulación nos pozos

Os contras para as camas de area veñen dados polos problemas que este tipo de acondicionamento xera en distintos puntos das explotacións. Tanto usuarios como veterinarios recoñecen o desgaste que a area produce nos cascos das vacas, que incluso deben ser cortados de xeitos específicos para adaptarse mellor a estas camas, como explican os expertos, así como nos sistemas de limpeza. Aínda que fronte a estes contrapuntos dende Erimsa explican que as areas de Q-Bed “están especialmente deseñadas para ser empregadas como cama para vacas polo que as someten a un proceso de selección para lograr partículas redondeadas moi finas que non producen danos nin nas extremidades dos animais nin desgaste das instalación”, expoñen.

Outro dos inconvenientes que presentan estas camas é que a area remate no pozo do xurro podendo chegar a ocupar case un terzo da capacidade da balsa o que reduce notablemente o volume da fosa e o que fai preciso contar con sistemas axeitados para retirala. “Cando collín a explotación prepareina para ter camas de area e dende un principio acondicionei unha rampa para poder retirala cunha pala”, comenta o gandeiro Juan Donsión, moi satisfeito cas vantaxes deste tipo de camas. Dende o departamento de calidade de Erimsa promulgan que levan a cabo un “intenso lavado das arenas xunto co reducido tamaño facilita a súa homoxeneización cos xurros e a súa posta en suspensión, o que favorece a súa extracción dos pozos”.

A area que remata mesturada cos xurros chega ós campos e termina por desestruturar os solos reducindo a súa capacidade de reter auga

Ademais, a mestura cos xurros ocasiona que “esas inxentes cantidades de area que se aportan ós solos a medio-longo prazo terminen cambiando a estrutura do solo e reduzan a capacidade deste de reter auga” apunta Jose Ramón Gallego, agrónomo e delegado comercial de BASF. A isto tamén se suma que a presenza de area nos xurros sexa tamén un motivo para rexeitar estes nas plantas de biogás o que motiva ós gandeiros a optar por outros sistemas. Porén, comezan a comercializarse xa produtos específicos para evitar estes rexeitamentos, que son empregados xa por gandeiros na zona de Asturias, como aclara Pineda.

Camas de carbonato cálcico

Imaxe: Comodidade para o Gando

Imaxe: Comodidade para o Gando

Outras das camas que están máis en auxe nos últimos tempos son as elaboradas a base de carbonato cálcico ou mesturas con el. Os expertos recoñecen que proporcionan unha cama cómoda e hixiénica para o gando o que reduce infeccións que provocan mamite causadas por bacterias de tipo ambiental, como E. Coli, estreptococos ou enterobacterias. Tamén diminúe os problemas de dermatite e úlceras nos pezuños das vacas.

O abano de posibilidades nas mesturas de carbonato cálcico é tamén moi amplo e “personalizado” como matiza o xerente de Galical, José Ángel Vázquez, que precisa que a mestura con maior demanda está a ser a composta por un 70 % de carbonato cálcico, un 25% de serraduras e un 5% de cascarilla de arroz, “que fai unha cama moi esponxosa”, matiza o responsable. As variacións procuran adaptarse, de novo, ás necesidades de cada explotación. “Hai quen prefire levar un 60% de carbonato cálcico e un 40% de serraduras ou incluso un 80% carbonato cálcico e un 20% de serraduras”, concreta Vázquez. Tamén se comercializa o hidróxido cálcico, un potente absorbente de baixa densidade e moi voluminoso.

As camas de carbonato cálcico rematan converténdose nun aporte de calcio á terra que fai que sexan unha inversión tamén en fertilizante

O prezo é, quizais, o maior condicionante deste tipo de camas, como coinciden en apuntar tanto gandeiros como veterinarios. Así o prezo da mestura máis vendida ronda os 43 euros por tonelada ou 53 euros aplicada na cama, ó que se engaden os portes de desprazamento. Porén, o aporte de calcio que ofrece ós xurros fan que se considere como unha inversión en encalado para o terreo e en mellora de rendemento dos cultivos, como explica o agrónomo José Ramón Gallego. A acumulación destes materiais nos pozos, similar ó que acontece coa area, é outro dos problemas que presenta esta alternativa.

Camas quentes

Vacas en cama quente na gandería SAT A Cortiña

Vacas en cama quente na gandería SAT A Cortiña

Son as máis tradicionais e aínda que foron rexeitadas en boa parte para os modelos máis intensivos, seguen sendo unha opción para os prepartos ou as vacas secas, como apuntan os veterinarios, chegando a reducirse os problemas en placentas. Comeza a haber gandeiros que optan por recuperar este sistema sobre todo aqueles centrados na produción ecolóxica, como explica o asesor agrario Xan Pouliquen. “É difícil facer unha análise do custo-beneficio da cama quente posto que hai que contar que a longo prazo é un abono para o terreo, polo que non só se está a gastar na cama”, explica Pouliquen.  O esencial para este asesor é facer unha cama axeitada, o que implicará entre 5 e 8 quilos de palla por vaca e día e o que elevara os custos. Aínda que neste senso hai opinións doutros expertos que recoñecen que abonda con contar cun quilo de palla por animal e día. É tamén determinante que o tamaño da palla, posto que a maior lonxitude reducirá o poder de absorción.

As camas quentes son opcións recomendadas para preparto, vacas secas e gandería ecolóxica

“Nós estamos a recomendarlle esta opción á xente que queira apostar polo ecolóxico posto que así contará con esterco ou compost no canto de xurro. Ademais é unha opción moi interesante para aqueles que optan por reformar antigas cortes sen afrontar a nova construción dunha granxa. Esta opción soe ser máis barata ca outro tipo de camas”, matiza Pouliquen. A elección deste tipo de cama implicará tamén un manexo específico, posto que á par de contar cun remolque estercador haberá que dispoñer dun espazo de conservación do esterco axeitado nun futuro para cumprir cos requirimentos da PAC, como apunta o asesor.

Gomas e colchonetas

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cama de colchoneta

Ó igual que as camas sobre cemento, as gomas ou colchonetas cun maior grosor e incluso recheas de auga ou con vibracións, son outras alternativas populares nas camas de vacún. Aspectos como o grosor son aquí determinantes para garantir un maior confort do animal. Ademais, estes sistemas son ás veces complementarios do carbonato cálcico, serraduras, cascarilla ou palla.

Xunto coas vantaxes que poida aportar o material que constitúa a cama será determinante que as camas cumpran cunhas medidas axeitadas para garantir o confort do animal. Medidas como que os cubículos poidan ser de goma no canto de ferro aportando maior flexibilidade axudan a contribuír a un maior descanso e a reducir as lesións á hora de incorporarse.

Alternativas novidosas

Cama fría de compost para as vacas secas.

Cama fría de compost para as vacas secas.

Aínda cunha presenza escasa en Galicia, hai outras alternativas no mercado que buscan ofrecer o descanso do animal. Así, moi comúns na zona de Cataluña son as camas de compost seco, que polo de agora, tal e como apuntan algúns expertos non están estendidas na comunidade polo elevado grao de humidade.

Por outra banda, na zona de Asturias empréganse xa alternativas de camas a base algas. Comercializadas pola empresa Secanvite, aseguran que o seu produto proporciona unha cama seca, que non provoca o endurecemento no fondo do foso do xurro e neutraliza malos cheiros e incluso espanta a moscas e insectos á par que fertiliza os xurros ou o esterco aportando calcio. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información