Dunne Farm: Unha das maiores granxas de vacún de leite de Irlanda

Dunne Farm é unha granxa de vacún de leite situada no condado de Cork, no sur de Irlanda. Con 380 vacas en muxido é unha das maiores ganderías do país. Contamos como traballan

Dunne Farm: Unha das maiores granxas de vacún de leite de Irlanda

Sala rotativa de 60 puntos en Dunne Farm con capacidade para muxir ata 300 vacas por hora

Dunne Farm é unha granxa de vacún de leite situada en Kilworth, no condado irlandés de Cork. Con 380 vacas en muxido e unha sala de ordeño rotatoria é unha das ganderías máis grandes e modernas do país, no que a media está nunhas 100 vacas en muxido por explotación.

Visitamos a gandería, rexentada polos irmáns Tom e Michael Dunne dentro dunha viaxe organizada polo Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa para visitar o seu alumnado que realiza dous meses de prácticas en granxas irlandesas grazas ao programa europeo Erasmus para Novos Granxeiros (Erasmus Young Farmers).

Como gran parte das ganderías irlandesas, Dunne Farm é unha granxa familiar na que se reflexa o heroico esforzo do pobo irlandés por librarse da dominación inglesa, un orgullo de recuperar a propiedade da súa terra que se reflicte nos gandeiros.

“O meu visabó veu aquí en 1875. Daquela esta terra era dun nobre inglés, e el era o caseiro. Conseguir as terras e a casa foi un moi longo camiño que se logrou coa independencia de Irlanda, en 1920, cando os lores ingleses voltaron para Inglaterra e a terra foi comprada polo goberno irlandés, que á súa vez lla transferiu aos granxeiros irlandeses, foi realmente foi unha revolución”, explica Tom Dunne.

A primeira granxa en propiedade do visabó de Tom e Michael Dunne contaba con 8 hectáreas de terreo, e coas sucesivas xeracións foi medrando ata sumar na actualidade 180 hectáreas de pradeiras en propiedade ao redor da casa e do establo, que constitúen o que denominan “milk platform”.

380 vacas en muxido que teñen previsto aumentar ata un máximo de 600

Neste momento moxen 380 vacas cunhas producións medias no 2018 de 6.100 litros e e unhas calidades de 4,3 % de graxa e 3,8% de proteína. “Nos últimos anos, dende o fin das cotas, fomos aumentando 50 vacas en muxido cada ano e o noso plan é seguir medrando ata acadar un máximo de 600 vacas en muxido”, asegura Tom. Tamén teñen previsto seguir aumentando os rendementos ata os 7.000 litros por vaca, manter os sólidos e seguir tendo o pasto como base da alimentación do gando, cun límite de 1.000 kilos de penso por lactación, ou o que é o mesmo 150 gramos por litro de leite. O asesoramento técnico que reciben é unicamente a través do TEAGASC, un organismo público do goberno irlandés.

Como razas empregan a British Frisian, unha raza frisoa máis rústica, e sobre todo a Roxa Noruega, que introduciron na explotación hai uns 25 anos. Tom explica que están moi satisfeitos co seu resultado en pastoreo “porque ten moi boa fertilidade e moi bos rasgos de saúde, e iso permítenos manexar máis vacas, ata 250 por persoa, algo que sería imposible se elixiramos a raza Holstein, xa que as vacas terían máis problemas de saúde, de fertilidade..etc”. Nos acoplamentos os seus criterios prioritarios para elixir os touros son mellor fertilidade, saúde e sólidos, combinados con alta produción.

Ao igual que na inmensa maioría das granxas de vacún de leite en Irlanda, en Dunne Farm o sistema de alimentación está baseado no pasto, que é a principal fonte de alimentación dende marzo ata novembro, recorrendo ao silo de herba no inverno. Chegan a lograr ata rendementos de 17 toneladas de materia seca de pasto e herba por hectárea, recorrendo iso si á fertilización química.

No concentrado que lle dan ás vacas durante o muxido buscan alta enerxía e baixa proteína, xa que esta xa vai no pasto. “O máximo de proteína no penso é do 12%, sobre todo de fariña de soia, e para a enerxía empregamos no penso, centeo e un 40% de fariña de millo, que pensamos que vai mellor co pasto que a remolacha picada, pois ten menos fermentación e menos perdas. O prezo deste penso, que inclúe os minerais, en Irlanda está entre os 250 e os 280 euros por tonelada”, explica Tom.

Custos de produción de 0,27 euros por litro de leite e un prezo de venda de 0,36

Este sistema de pastoreo intensivo permítelles baixar os custos de produción, que no caso da granxa de Tom e de Michael están neste momento nos 0,27 euros por litro, incluíndo todos os gastos. Entre eles os de amortización dunha sala de muxido rotatoria de 60 puntos que mercaron en 2015 e que lles custou algo máis de 600.000 euros. “Foi un investimento alto pero permítenos muxir entre 200 e 300 vacas por hora, sendo precisas 2 persoas, e incluso 1”, destaca Tom.

A menor taxa de reposición tamén axuda a incrementar a rendibilidade. No caso de Dunne Farm están nunha media de 5,5 lactacións por vaca. “O ideal é unha taxa de reposición máxima do 18% anual, para cubrir a mellora xenética, remprazo dos animais que non quedan preñados e dos demasiado vellos”, explica este gandeiro.

Para aproveitar ao máximo o pasto, realizan agrupación de partos, cun período de inseminación moi compacto que vai de Maio a finais de Xullo. Márcanse como obxectivo conseguir nestes tres meses sobre un 90% de vacas preñadas. Durante as seis primeiras semanas realízase inseminación artificial, normalmente sincronizando en xovencas, sendo o obxectivo destas primeiras inseminacións acadar un 60/70% de preñeces nestas seis primeiras semanas. Posteriormente, durante as seguintes seis semanas, o rabaño estará cun touro, neste caso Angus ou Hereford, para deste xeito intentar acadar o obxectivo dun 90% de vacas preñadas. E as que non quedan preñadas véndenas para o matadoiro.

 “Estou satisfeito coa estratexia da cooperativa porque nos permitiu medrar e ter boas previsións de futuro”

Nesta granxa son socios e véndenlles o leite á cooperativa DairyGold. “Neste momento ten un prezo base de 0.316 euros o litro cun mínimo de 3,6% de graxa e un 3,3 de proteína. Se sumamos os bonus por calidades e por reconto de células somáticas sobe ata os 0,36 máis ou menos. O contrato é permanente e o prezo revísase cada mes en función da evolución do mercado”, explica Tom Dunne, que tamén é socio da European Dairy Farmers.

Cando se lle pregunta como valora a cooperativa, que só se encarga de recoller e darlle valor ao seu leite, non de venderlle penso, este gandeiro recoñece que “estou satisfeito con DairyGold e en xeral estou de acordo coa estratexia da dirección da cooperativa, da que me sinto propietario”. “Temos que ser máis eficientes, mellorar a nosa presenza nos mercados e así podemos ter mellor remuneración os gandeiros. Por suposto que me gustaría ter mellores prezos, pero a cooperativa coa súa estratexia de comercialización permitiunos medrar moito nos últimos anos e ter unhas boas perspectivas de futuro”, destaca.

Tom Dunne

Tom Dunne

Retos para o futuro e relevo xeneracional

En Dunne Farm consideran que “agora é un momento interesante para producir leite en Irlanda”. “A demanda china é sostida e cada vez maior, e tamén doutros países, e temos unha oportunidade para medrar e expandirnos, polo que se somos eficientes é un bo momento para gañar diñeiro”, recoñecen.

Neste sentido, o seu plan é seguir aumentando o rabaño ata as 500 ou 600 vacas en muxido. Iso si, Tom recoñece que “neste momento, o máximo que podemos ter son 450 vacas en muxido, é a máxima carga gandeira que nos permiten coa base territorial que temos, polo que teríamos que mercar ou alugar máis praderías. As instalacións que temos poden albergar ata 600 vacas e a sala de muxido tamén ten capacidade”.

 “A terra é cara e é a principal limitación das granxas de Irlanda para medraren”

E é que a terra segue sendo a principal limitación para incrementar a produción nas granxas de vacún de leite en Irlanda. “Nesta área de Cork é bastante difícil conseguir base territorial. No noso caso temos arredor da nosa milk platform 6 granxas de vacún de leite, e polo tanto hai competencia pola terra. Isto leva que os prezos sexan altos: ata 700 euros por hectárea de aluguer anual e un mínimo de 25.000 euros por hectárea se queres comprar e algunha mesmo chega aos 50.000, dependendo da calidade da terra e da competencia que haxa pola finca”.

Outro dos retos para o futuro que lles preocupan é a limitación de emisións de gases de efecto invernadoiro, como o metano, e a pegada de carbono por litro de leite.

Malia estas limitacións, o relevo xeneracional en Dunne Farm está asegurado: Michael, o fillo máis novo de Tom, xa traballa con eles e outro fillo de Michael tamén ten intención de incorporarse.

irlanda_dunne_pesebre_roxa_sueca irlanda_dunne_becerros2 irlanda_dunne_muxido irlanda_dunne_becerros irlanda_pastos_1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información