Dúas cooperativas galegas adquiren a industria láctea Celega

A Cooperativa de Lemos (Monforte) e Coreber, da Laracha, aprobaron en sendas asembleas a compra da empresa transformadora, que ten a súa sede no Saviñao e que recolle unhas 120.000 toneladas anuais de leite

Dúas cooperativas galegas adquiren a industria láctea Celega

Celega recolle e procesa cada día arredor de 350.000 litros de leite.

As dificultades de comercialización do leite polas que atravesan as granxas desde a primavera do 2015 levaron a dúas cooperativas galegas, a cooperativa de Lemos (Monforte) e Coreber (A Laracha), a explorar novas vías de futuro. Ambas entidades tomaron conciencia da necesidade de dar un paso máis e de implicarse no proceso de transformación do leite. Na busca de alternativas, as dúas cooperativas iniciaron un longo proceso de negociación coa industria láctea Celega que vén de culminar agora.

As asembleas da Cooperativa de Lemos e de Coreber aprobaron o mércores 11 de xaneiro a compra do 100% do capital social da empresa láctea Celega, ubicada no Saviñao (Lugo). Os acordos de sendas asembleas foron adoptados por unanimidade, sen ningún voto en contra. O proceso rematará previsiblemente en menos de 2 meses coa sinatura da correspondente escritura pública de compra.

Estabilidade na industria
Celega recolle na actualidade unhas 120.000 toneladas de leite ó ano, cun volume diario que ronda os 350.000 litros, e encárgase da súa transformación (concentrado, desnatado, etc.) para a súa posterior venda a outras industrias lácteas.

As cooperativas garanten o mantemento de contratos coas granxas proveedoras, así como os postos de traballo da industria

O xerente da Cooperativa de Lemos, José Manuel Rodríguez, sinala que o obxectivo das cooperativas radica en manter o actual sistema de traballo. Lemos e Coreber garanten a conservación dos 20 postos de emprego directos que ten a factoría -ós que hai que sumar un cento de indirectos-, así como os contratos coas arredor de 350 granxas proveedoras, que se irán renovando con normalidade cando corresponda.

Entre as granxas proveedoras de Celega xa figuraban as explotacións lácteas de Coreber, que lle seguirán suministrando á industria. A cooperativa de Lemos, pola súa banda, tras atravesar problemas de comercialización do leite nos últimos anos, ten agora vías estables de venda, polo que non prevé pasar a venderlle no curto prazo a Celega. Si que é unha posibilidade de futuro, de repetirse os atrancos dos últimos anos.

Paso adiante
As dúas cooperativas, que estiveron mantendo negociacións discretas con Celega nos últimos meses, amósanse convencidas do proceso no que agora se adentran. “Sabiamos que tiñamos que cambiar o chip e non só adicarnos a producir leite, senón entrar tamén na transformación”, explica o xerente da cooperativa de Lemos, José Manuel Rodríguez. “Temos un cento de socios producindo leite e viamos claro que se a xente nova non albisca un futuro, non se vai quedar na explotación”.

“Viamos claro que se a xente nova non albisca un futuro, non se queda na explotación” (José Manuel Rodríguez, Cooperativa de Lemos)

Para encarar a súa entrada nun proxecto industrial, as cooperativas marcaron tres condicións. “Queriamos entrar nun proxecto saneado, cunhas vías de distribución garantidas e unha xerencia profesional”, enumera o xerente de Lemos. A compra de Celega cumpre con eses tres requisitos, se ben as cooperativas renuncian a dar máis detalles da operación de compra e dos contratos de venda de produto que ten Celega.

Fontes do sector consultadas ó respecto valoran como positiva a compra executada polas cooperativas, pois Celega, entre outros acordos, mantén contratos estables con Schreiber Foods, unha industria americana con dúas plantas en Toledo, á que Celega lle suministra unha parte importante da súa materia prima. Schreiber Foods é interproveedora de Mercadona, para a que elabora os iogures da marca Hacendado.

Fontes do sector valoran como positiva a operación, pois Celega mantén acordos estables con Schreiber Foods, unha industria interproveedora de Mercadona

Sobre a Cooperativa de Lemos
A cooperativa de Lemos, que adquire a parte maioritaria de Celega, foi fundada no 1968 e ten na actualidade 600 socios, principalmente de concellos do sur de Lugo (Monforte, Bóveda, A Pobra do Brollón, Sober, Pantón, O Saviñao, Sarria, Chantada e O Incio). O grupo de explotacións lácteas da cooperativa está integrado por un cento de ganderías e comercializa máis de dous millóns de litros de leite ó mes.

Sobre Coreber
Coreber, que ten o seu domicilio social na Laracha (A Coruña) é o resultado da fusión no ano 2000 de tres cooperativas da comarca de Bergantiños: Rus (Carballo), Pazos (Ponteceso) e Montemaior (Laracha). Conta na actualidade cuns 500 socios, dispón dunha fábrica de piensos propia e desde o 2014 véndelle a totalidade da súa produción láctea a Celega.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información