‘Donsimón’, o touro promesa que se confirma

As últimas probas de Conafe volven situar a ‘Donsimón’ como segundo touro xenómico e déixano a tan só 15 puntos GICO do primeiro, ‘Clun’. Analizamos as características do semental, propiedade de Xenética Fontao

‘Donsimón’, o touro promesa que se confirma

Donsimón, número 2 de touros xenómicos nas últimas probas de Conafe. / Imaxe: Xenética Fontao.

A irrupción o pasado ano de ‘Pentagon K&L Pokemon Clun’ como número 1 dos touros xenómicos eclipsou a potencialidade doutro gran touro xenómico de Xenética Fontao, ‘K&L JS Donsimón’, que procede do mesmo pai que Clun, Jetset’, e ten como nai a unha vaca de orixe holandesa que está a achegar destacados touros xenómicos en diversos sistemas . “En Xenética Fontao temos tres touros fillos desa vaca (Donsimón, Snoopy e Batery), algo que non é moi común e que nos dá idea do seu gran potencial de transmisión”, explica Mauricio de los Santos, o responsable do departamento de xenética da sociedade.

Donsimón, un touro nado en outubro do 2016, xa figuraba no outono do pasado ano como número 2 da listaxe de Conafe de touros xenómicos. Esta primavera, nas últimas probas de Conafe volve repetir como número 2, tanto no TOP 100 español como na listaxe internacional dos 200 mellores touros, pero mellorando puntuación GICO, ata os 4.900 puntos e quedando a tan só 15 puntos do primeiro, ‘Clun’.

“É un touro moi destacado en produción, cunha puntuación espectacular en proteína e tamén con números importantes en graxa e volume” (Mauricio de los Santos)

En que aspectos destaca Donsimón?. Mauricio de los Santos expón os seus puntos fortes: “É un touro moi destacado en produción, cunha puntuación espectacular en proteína (número 1 dos touros xenómicos españois para este trazo) e tamén con números importantes en graxa e volume de leite. Trátase ademais dun touro co xenotipo A2A2 para as Betacaseínas, que é unha cuestión que os gandeiros tamén están a comezar a ter en conta”.

“Se atendemos á morfoloxía -continúa Mauricio-, non presenta ningún trazo negativo. En patas, ubre e índice xeral puntúa na contorna de 1,50, que son cifras moi positivas, sobre todo tendo en conta o seu gran potencial de produción”.

Na valoración xenética relativa á saúde, Donsimón alcanza tamén bos números, tanto en lonxevidade como en reconto de células somáticas, ademais de ter bos datos de facilidade de parto. “É esperable que as súas fillas teñan un baixo reconto de células somáticas e unha vida produtiva longa. Un aspecto mellorable sería o trazo de días abertos, un índice no que ten unha puntuación lixeiramente por baixo da media, pero é algo que vai ligado ao gran potencial leiteiro das súas fillas”, apunta o responsable do departamento de xenética de Fontao.

Demanda internacional
As altas cifras de puntuación que acadou Donsimón nas últimas probas de Conafe referéndanse coas puntuacións obtidas noutros sistemas europeos. “É un touro do que estamos a ter demanda de doses non só en Galicia e no resto de España, senón a nivel internacional, en países como Francia, Holanda e Polonia, nos que está moi ben situado nos rankings de touros xenómicos”, explica Mauricio dos Santos.

A demanda de doses seminais de Donsimón é alta, aínda que en Xenética Fontao destacan que hai unha total dispoñibilidade de doses para as gandarías, pois trátase dun touro que produce seme de calidade e en cantidade, a pesar da súa xuventude.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información