Dominio de Xenética Fontao nas probas de touros xenómicos de Conafe

‘Guay’ acada un ICO de 5.179, seguido de ‘Sobrado’, con 4.985. Ambos touros destacan pola mellora que ofrecen en graxa e proteína. A nova clasificación introduce novos índices de mérito económico

Dominio de Xenética Fontao nas probas de touros xenómicos de Conafe

Guay, de Xenética Fontao, touro xenómico número 1 por ICO.

A Confederación de Asociaciones de Frisona Española (Conafe) vén de facer públicos os resultados das súas probas de touros correspondentes a xuño do 2019. Como vén sendo habitual, en touros xenómicos destaca o dominio de Xenética Fontao, que colocou a Guay en cabeza do listado, cun ICO de 5.179, e a Sobrado de número 2 cun ICO de 4.985. No top-ten de touros xenómicos, a firma galega situou a 8 animais.

Tanto Guay como Sobrado destacan polas súas boas puntuacións en graxa e proteína. No caso de Sobrado, cómpre subliñar que é ademais BB para as kappa caseínas. Ambos touros presentan tamén bos datos nos índices morfolóxicos (ubres, patas e global).

A boa puntuación de Guay e Sobrado relegou ó cuarto posto a Salvus, tamén de Xenética Fontao, que fora número 1 nas probas de novembro do 2018 e que nesta ocasión colleita a cuarta praza, cun ICO de 4.918 puntos. Salvus destaca polos seus datos en produción de Kg. de leite, salientando tamén o seu bo índice de ubre e índice global de tipo.

Outros touros con boas cifras de produción de Kg. de leite son Denmark, no número 5, e Salvatier, no número 6. Ambos rebasan a barreira dos 4.900 de ICO.

Se se teñen en conta caracteres de selección como a kappa caseína BB, que mellora o rendemento do leite nos queixos, ou a beta caseína A2A2, que pode ser demandada no futuro polas industrias lácteas polo seu mellor comportamento dixestivo, un touro moi interesante é Sempre, que ocupa o número 7 da táboa con 4.859 de ICO e tamén moi bos datos na produción de graxa e proteína.

Supra, no número 8, e Goal, no 10, completan a presenza de Xenética Fontao no top-10 de touros xenómicos. De Goal, cómpre destacar os seus índices morfolóxicos, presentando a mellor puntuación no Índice Global de Tipo dos dez primeiros touros xenómicos.

O bo rendemento que está rexistrando nos últimos anos Fontao en touros xenómicos anticipa un dominio futuro da firma galega en touros probados, que están sendo menos empregados polas ganderías, pero que continúan a ofrecer unha maior seguridade para os gandeiros.

Pódese consultar nesta táboa o ranking dos 100 mellores touros xenómicos na proba de xuño de Conafe.

Ranking de touros probados
En touros probados, Xenética Fontao ocupa cinco dos dez primeiros touros no ranking de xuño de Conafe, copando as posicións da 3 á 7. En cabeza da táboa, colócanse nesta ocasión dous touros de Aberekin, Carmen Mixer e Darling Cartier, con 4.044 e 4.011 de ICO respectivamente, destacando ambos animais polos seus bos datos en produción de Kg. de leite.

O primeiro touro de Fontao é Quixote, no número 3, con 4.000 de ICO. No caso de Quixote, os seus puntos fortes son a mellora en graxa e proteína, destacando tamén por unha boa valoración morfolóxica, en especial en pés e patas e no índice global de tipo. É ademais un touro A2A2. Ségueno na clasificación outros catro touros de Fontao: Julius, Vicenzo, Derbi e Snowsen, todos eles cun ICO por riba de 3.900.

Pódese consultar nesta táboa o ranking dos 100 mellores touros probados.

Novos índices de mérito económico

Por primeira vez, Conafe introduce un novo indicador, de mérito económico, adaptado ás circunstancias de produción. Diferéncianse catro indicadores: para leite líquido, para queixo, en pastos e en ecolóxico. Pódense consultar os rankings por mérito económico na web de Conafe.

Os novos índices exprésanse en euros de rentabilidade por vaca e ano. As variacións entre os índices débense ás diferenzas dos sistemas produtivos e ás diferenzas de mercado, pois por exemplo, a graxa valórase máis para produción queixeira que para leite líquido.

O impacto da xenética ten máis peso nos índices de leite e queixo, en tanto que nos sistemas de produción de pasto e ecolóxico, Conafe considera que o potencial xenético do animal non se poderá expresar por completo debido as limitacións de ambos sistemas.

Cambios no ICO
Outra novidade é a presentación dun novo ICO adaptado ó mercado, tendo en conta a revalorización da graxa que se experimentou nos últimos meses. Modifícanse tamén os índices morfolóxicos, retirando por exemplo no índice global de tipo a estatura e introducindo a mobilidade. Mantense ademais o Índice de Saúde Podal (ISP), xa incorporado en novembro pasado, e recalculáronse os pesos dos distintos índices no ICO, mantendo un forte peso da lonxevidade como carácter a seleccionar.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información