SERAGRO_ALVARO_GARCIA

“A dixestibilidade da fibra da forraxe determina a rendibilidade dunha gandaría”

Entrevista a Álvaro García, profesor de Ciencias Leiteiras e dos Alimentos e director de Agricultura e Recursos Naturais da Universidade de Dakota do Sur (EEUU), que participou nas XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

“A rendibilidade dunha gandaría vén determinada pola dixestibilidade das forraxes que o gandeiro lle dá ás vacas na ración”. Baixo esta premisa, o profesor Álvaro García, especialista en Ciencias Leiteiras e dos Alimentos e director de Agricultura e Recursos Naturais da Universidade de Dakota do Sur (Estados Unidos), explicou nas últimas xornadas de Seragro as claves para a mellora da rendibilidade das explotacións a través do manexo alimentario.

¿Por que é clave a dixestibilidade das forraxes para mellorar a rendibilidade dunha gandaría de vacún de leite?
Porque é a única parte da alimentación da vaca sobre a que o gandeiro pode ter certo control, a través da procura de forraxes que teñan maior dixestibilidade, e por tanto, que permitan obter máis leite e de maior calidade por quilo de materia seca e menos problemas dixestivos.

Para iso o millo ou o raigrás débense cortar no momento adecuado, para que teñan o máximo de fibra dixerible e de proteína e amidón. A dixestibilidade da fibra determina a rendibilidade dunha gandaría.

Todo iso depende do momento de corte, pero tamén da evolución da planta durante o seu cultivo, en especial se recibiu auga nos momentos adecuados para evitar o estrés hídrico.

“O tamaño óptimo de picado do millo forraxeiro está nos 2 centímetros de longo por partícula”

¿Como inflúe o tamaño das partículas na produción de leite e nas calidades?
No caso do millo forraxeiro, o tamaño óptimo está en ao redor dos 2 centímetros de longo. Porén, todo vai depender de como manexe o produtor os comedeiros, porque se teño un picado e un mesturado óptimo, pero non hai suficiente espazo nos comedeiros para todos os animais e un arrimado frecuente da comida, non será efectivo. Pola contra, as vacas dominantes comerán unha ración e as vacas submisas outra, e ao gandeiro o que lle interesa é que todas as vacas consuman unha ración similar.

Ademais, é necesario fixarse na comida que queda no pesebre despois de que coman as vacas, porque en teoría debería ser igual á que se lle ofreceu na ración. É dicir, se no comedeiro queda fibra longa é que os animais están a seleccionar.

¿Como valoras o novo sistema de picado de millo Shredlage?
Creo que é un sistema que pode funcionar nas condicións de cultivo en secaño porque o Shredlage simula o que fai a vaca coa forraxe, que é esgazar e romper a forraxe máis que mastigalo. Iso axuda a que unha vez dentro do rume as bacterias o dixiran dunha forma máis adecuada e tamén máis rápida. E iso é máis efectivo canto máis dura sexa a forraxe. É dicir, un millo máis maduro é máis difícil de degradar por parte das bacterias do rume, e lévalle, por así dicilo, máis tempo á vaca dixerilo. Con este sistema de picado aceleramos todo o proceso e logramos que a vaca inxira máis cantidade de forraxe.

Na Unión Europea urante a crise de prezos das materias primas no ano 2008 reformulouse o excesivo uso de concentrado en alimentación do gando vacún de leite…Tamén se dá este debate en Estados Unidos?
En Estados Unidos a ración está delimitada polos custos de produción. Se a situación económica permite dar máis cantidades de concentrado na ración dáse, chegando a niveis de 60% de concentrado na dieta e 40% de forraxe, sempre que a relación prezo de concentrado e prezo do leite o xustifique. En Estados Unidos é moi difícil que se baixe dun 30% de concentrado na ración, ou o que é o mesmo, entre 300 e 250 gramos por litro de leite.

Por outra banda, cando se aposta por unha xenética nos animais que demandan un nivel de enerxía, se non se acompaña con forraxe con maior fracción enerxética pódense xerar problemas á vaca.

En vacún de leite intensivo, ¿É un imperativo obrigatorio seguir medrando para reducir custos e gañar calidade de vida?
É un feito e en Estados Unidos tamén sucede. A realidade é que se hai uns anos en Estados Unidos os establos que se abrían partían de 500 vacas en muxido, pero hoxe xa é habitual que comecen a actividade cunhas 2.000 vacas.

Quizais en Galicia e en España é máis grave porque se vostedes manexan 60 vacas por traballador, nós en Estados Unidos xa manexamos 110 vacas. Teñen unha ampla marxe de mellora neste aspecto, e creo que non van ter máis remedio que apostar polos robots de muxido.

En Estados Unidos en produtores pequenos e mediados si que están a apostar claramente polo robot de muxido. Nas gandarías grandes non tanto, porque a man de obra é relativamente barata e o robot de muxido segue sendo caro.

 “Coas limitacións que ten Galicia, creo que debe apostar por producir leite diferenciado e derivados lácteos de valor engadido”

A rendibilidade dunha gandaría determínase en esencia polo volume de leite entregado, sendo o obxectivo unha explotación na que os cubículos estean ocupados ao 100% con vacas altamente rendibles. En todo caso, o primeiro paso en calquera proceso de expansión debería ser mellorar o volume de leite producido por vaca e tamén as calidades, se a industria as paga, antes mesmo de pensar en meter máis vacas.

Como ves o futuro do sector lácteo en Galicia, coas nosas fortalezas e debilidades?
O prezo da terra nalgún momento pode ser un limitante para que as gandarías sigan crecendo se se compite con outros usos, como os forestais. Creo que para o futuro deben apostar por diferenciar a súa produción con leite de calidade, ou directamente darlle valor ao leite a través de queixos e doutros produtos lácteos tradicionais da zona.

Iso é o que salvou a produción de leite en Dakota do Sur, onde se apostou especialmente pola elaboración de queixos e de xeados. Creo que Galicia tamén debe apostar por produtos lácteos únicos e de elevada calidade que sobresaian no mercado europeo.

Por que razas apostan en Dakota do Sur?
A Dakota do Sur emigrou xente de Holanda e do Reino Unido e introduciron a súa preferencia por outras razas diferentes da Holstein, por exemplo, usando cruces de Jersey, Roxa Sueca e Holstein, e tamén Flekvieth. E non só para lograr maior porcentaxe de sólidos lácteos, senón tamén porque a fertilidade deste gando é superior.