Dificultades nos plans de mellora polos permisos e a normativa contra lumes

As explotacións solicitantes de plans de mellora teñen que presentar a licenza municipal antes do 15 de setembro, pero os retrasos nos informes de Medio Ambiente impiden que estean a tempo. Unións cuestiona que na provincia da Coruña se estean esixindo 50 metros de separación entre monte e naves no caso de ampliacións

Dificultades nos plans de mellora polos permisos e a normativa contra lumes

Imaxe dunha nave gandeira. / Arquivo.

Os plans de mellora de explotacións atópanse un ano máis con dificultades derivadas dos retrasos burocráticos. As explotacións teñen de prazo ata o 15 de setembro para presentar a correspondente licenza municipal, pero en moitos casos non terán os papeis a tempo, segundo valoran organizacións agrarias e profesionais do sector. Os principais retrasos sitúanse nos trámites ante Medio Ambiente, pois parte dos Concellos están solicitando informes de incidencia ambiental como paso previo á concesión da licenza municipal.

A cuestión é que se Medio Ambiente non resposta a tempo, o Concello mantén paralizada a concesión da licenza. “Hai un colapso en Medio Ambiente porque en dous meses chéganlles todos os expedientes de plans de mellora de Galicia e vense desbordados. En moitos casos, o proxecto de obras nin sequera tería que pasar eses trámites medioambientais, pero ao ser remitido polo Concello, a Consellería tramítao seguindo o procedemento habitual”, explica Óscar Pose, de Unións Agrarias.

Demándase unha prórroga dos prazos para evitar que haxa explotacións que perdan axudas

Tanto Unións como o Sindicato Labrego consideran precisa unha prórroga nos prazos para evitar que haxa explotacións que perdan axudas para os investimentos proxectados. “Todo son obstáculos para as persoas que queren iniciar un proxecto ou modernizar unha explotación”, cuestiona a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

“Cada vez pídense máis papeis. Antes non había que ter licenza ó solicitar un plan de mellora e había un prazo para presentala. Se agora se esixe a licenza xa nun principio, hai que regular isto e que a concesión desas licenzas sexa unha prioridade, fixando un prazo máximo para a súa tramitación” -demanda Isabel Vilalba-. “Esas son as políticas que ten que facer un Goberno. Non pode ser que unha Administración que debera ser un apoio sexa un obstáculo”, conclúe.

Distancias entre naves gandeiras e monte, o caso da Coruña

A lexislación de prevención contra incendios forestais estipula que debe haber alomenos 50 metros de separación entre as edificacións e as masas de piñeiros e eucaliptos. É un criterio que se esixe en toda Galicia para as novas construccións gandeiras, pero na provincia da Coruña, a maiores, tamén se piden eses 50 metros no caso de ampliación de establos.

“A lei sinala claramente que esa obriga é para novas construccións, polo que non entendemos esta esixencia no caso das ampliacións, pois son naves que están legais. Estamos trasladándolle este problema á xefatura provincial de Medio Rural e agardamos un cambio de criterio”, advirte Óscar Pose, de Unións Agrarias.

O problema radica en explotacións que están rodeadas de monte doutros propietarios. Coa lei na man, as granxas que estean legalizadas a nivel urbanístico poden esixir o retranqueo de 50 metros de piñeiros e eucaliptos a súa nave, pero en calquera caso, é unha cuestión que desde o sector se considera allea á explotación e que o seu cumprimento non depende das ganderías.

No caso de novas construccións, os problemas estanse rexistrando sobre todo nos concellos con maior superficie forestal, pois resulta complicado atopar enclaves propicios para os establos sen que haxa arborado próximo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información