Dez veces menos de solicitudes para o segundo período da axuda europea para reducir a produción láctea

Dez veces menos de solicitudes para o segundo período da axuda europea para reducir a produción láctea

Protesta de gandeiros en Bruxelas

Un total de 127 ganderías de vacún de leite en España solicitaron a axuda europea para reducir a produción láctea no segundo período para un total de 2.132 toneladas. Por autonomías, Galicia acumula a metade das solicitudes, con 65  e 783 toneladas de redución, segundo os datos que acaba de facer públicos o Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

O prazo para acollerse ao segundo período de redución finalizou o pasado día 12 e as reducións na produción deberán realizarse nos meses de novembro, decembro e xaneiro. Para o seguinte período deberán presentarse solicitudes ata o día 9 de novembro e comprende o seguinte trimestre (decembro, xaneiro e febreiro).

O número de ganderías de vacún de leite que se acolleron a esta segunda redución é sensiblemente inferior ao primeiro, no que en España houbo 1.567 granxas solicitantes, que se comprometeron vender 31.044 toneladas menos. En Galicia foron 781 e 10.481 toneladas de redución.

Detrás desta importante baixada das solicitudes está tanto a subida dos prezos do leite en orixe como a previsible diminución na axuda de 0,14 euros por litro da Comisión Europea para este segundo período. E é que no primeiro período de solicitude, os gandeiros da Unión Europea case alcanzaron o limiar de 1,07 millóns de toneladas que se marcaba como límite máximo a Comisión Europea, quedando 11.407 toneladas para os seguintes períodos. Desta forma, é probable que neste segundo período a Comisión Europea teña que introducir un coeficiente de redución xa que soamente a cantidade solicitada por España representa o 20% do total restante.

axuda_europea_reduccion_segundo_prazo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información