Dez innovacións en maquinaria agrícola, premiadas en Cimag Gandagro

O certame Gandagro Innova distingue ademais un programa de alimentación, areas para cama de vacas e un sistema de limpeza de tetos premuxido

Dez innovacións en maquinaria agrícola, premiadas en Cimag Gandagro

Entrega dunha das distincións a Kuhn, que foi galardonada por partida dobre polo sistema de suspensión dunha segadora e por unha rotoempacadora.

A feira Cimag Gandagro, que se desenvolve ata este sábado en Silleda, premiou un total de 10 innovacións no marco do seu Concurso de Máquinas Destacadas Cimag 2017. As novidades galardonadas foron as seguintes:

Enganche homologado de tractor para remolque Agrokit. Pode traballar en posición fixa alta, para tirar dun remolque de dous eixos, ou en posición baixa cun balancín xiratorio. Permite axustar a altura sobre o chan e admite unha carga de tracción de 26 toneladas, así como unha carga vertical de 3 toneladas. Fabricado en aceiro estampado. Os seus fabricantes sinalan que foi pensado para o terreo e maquinaria habitual en Galicia.

Enganche homologado.

Enganche homologado.

Os problemas que se están a rexistrar nas ITV con enganches non homologados fan que este sistema cobre actualidade e interese.

Cargadora telescópica Manitou MLT 635. Deseñada para o manexo de cargas no sector agrícola. Destaca polo deseño da entrada-saída ó posto de conducción, que facilita o ascenso e descenso do conductor.

Tractor agrícola Claas Arion 460 Panoramic, que presenta unha cabina panorámica cunha maior visibilidade frontal, o que facilita o traballo con palas cargadoras. Dispón dun motor de 4 cilindros de 140 cabalos de vapor.

Trituradora angular forestal de Serrat (Dap-Fx) que é desprazada lateralmente para limpeza de camiños forestais e marxes de estradas. Destaca polo seu rotor-triturador de tipo forestal con martillos deseñado para traballar en zonas complicadas. Os martillos poden xirar 360 graos sobre o eixo de articulación en caso de choques fortes con rocas ou tocóns para evitar a súa rotura.

Tractor premiado.

Tractor premiado.

Cargador con accionamento eléctrico con baterías (Deltacinco). Trátase dun cargador que está accionado mediante baterías e motor eléctrico, polo que non produce emisións de CO2 nin outros gases, o que lle permite traballar en locais pouco ventilados. A duración media dunha carga de baterías é de 5 horas.

Software para a xestión e control da alimentación en granxa (Feedelio e DTM Suite). Trátase dunha aplicación móbil que funciona en conxunto con outro programa e que permite un control máis preciso sobre a mestura do carro e sobre o seu peso.

Suspensión con barra de torsión en segadora acondicionadora (Kuhn FC Serie 1060). Destaca polo seu sistema de suspensión, que consegue unha presión constante sobre o chan e o mantemento da altura de corte.

Cargador eléctrico.

Cargador eléctrico.

Sistema de xestión automática en rotoempacadoras de cámara fixa (Kuhn, modelo Automate). O sistema automatiza nas rotoempacadoras maniobras como a apertura/peche da comporta de descarga da paca, a expulsión da mesma ou a limpeza das coitelas.Conséguese así facilitar o traballo do conductor e aumentar a capacidade de empacado.

Mesturador para alimentación de gando Siloking Selfline 4.0, que destaca polo seu sistema de rotores de mesturado e picado, formado por dous rotores verticais de dous metros de diámetro con 42 coitelas.

Remolque agrícola con caixa intercambiable RTBX / Modular System, presentado por Talleres Blanco y Oro. Dispón dunha capacidade de carga de 18 toneladas e ten un sistema de anclaxe rápida. Pódeselle acoplar e desacoplar distintos tipos de caixa (plataforma, cisternas, etc.).

O xurado deste concurso estivo conformado por Luis Márquez, presidente de AENOR CTN 68 “Tractores y Maquinaria Agrícola”;Fernando Augusto dos Santos, profesor da Escola de Ciencias Agrarias e Veterinarias da Universidad de Tras Os Montes e Alto Douro; Javier Bueno, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, e Ignacio Ruiz, secretario xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat).

Certame Gandagro Innova

Outro dos certames da feira, o Gandagro Innova, tivo como primeiro premio o programa Eficor, de Coren, que consiste nunha nova liña de penso e nun programa informático que permite definir a dieta do animal en función de parámetros como a analítica do seu leite.

A maiores do primeiro premio, houbo dúas mencións, unha para Areas Q-Bed, que produce unha area deseñada para cama de vacas. O produto destaca por garantir unha maior salubridade e hixiene, ó tratarse dun material inorgánico. Trátase dun produto de partcículas finas redondeadas que se someten a un proceso de lavado para evitar o endurecemento e garantir unha cama branda para o animal. A area dispón dunha aplicación móbil asociada.

Unha segunda mención recaeu no sistema de limpeza para tetos premuxido Teat Sanicleanse, dunha das empresas estranxeiras presentes na feira, Northern Dairy Equipment. Trátase dun sistema con tres cepillos, co que o teto lávase, desinféctase, sécase e estimúlase nun mesmo proceso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información