Desenvolven un sistema para controlar en tempo real a temperatura no tanque

Dezaoito explotacións das provincias da Coruña e Lugo levan dous anos probando un prototipo que permite monitorizar as condicións de almacenaxe do leite nas granxas e a efectividade do sistema de lavado utilizado, dous aspectos que teñen relación directa cos resultados microbiolóxicos

Presentación dos resultados do proxecto, onte nas instalacións do CETAL en Lugo

Presentación dos resultados do proxecto, onte nas instalacións do CETAL en Lugo

As ganderías de leite prestan cada vez máis atención á limpeza e desinfección tanto do ubre da vaca como das instalacións de muxido e almacenamento, pero lograr unha boa calidade hixiénico-sanitaria do leite que producen está tamén relacionado directamente con lograr unhas condicións axeitadas no tanque de frío, tanto cando o leite está no seu interior como cando unha vez baleiro se procede ao seu lavado.

E tanto nun momento coma no outro, un parámetro fundamental a ter en conta é a temperatura. Lograr unhas condicións idóneas en todo momento e poder controlar en tempo real as posibles alteracións e incidencias que se produzan é o obxectivo dun proxecto de investigación desenvolvido nos últimos dous anos en 18 explotacións de leite das provincias da Coruña e Lugo e cuxos principais resultados foron presentados onte no Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL) de Lugo.

O proxecto, denominado Control de procesos usando tecnoloxías de internet para a conservación do leite nas explotacións gandeiras, foi financiado polo Feader no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 e implicou a distintas empresas e institucións públicas. O obxectivo perseguido é evitar a perda do leite no tanque, minimizar o tempo de resposta ante os frecuentes cortes de luz que se producen en moitas zonas de Galicia e garantir a trazabilidade e a calidade final do produto.

“Para garantir a calidade final do leite que producimos as ganderías, o control e a trazabilidade durante o tempo de almacenamento do produto nas explotacións é fundamental” (Ana Corredoira, As Vacas da Ulloa)

A coordenadora do proxecto, Ana Corredoira, gandeira da cooperativa As Vacas da Ulloa, na que se integran co obxectivo de transformar e comercializar o seu propio leite dúas explotacións, Granxa A Cernada e Granxa Maruxa, afirmou que “os gandeiros temos unha importante tarefa: facer rendibles as nosas explotacións e garantir a calidade alimentaria”. E explicou que “para garantir a calidade final do leite que producimos as ganderías, o control e a trazabilidade durante o tempo de almacenamento do produto nas explotacións é fundamental”.

Neste sentido, dixo, a gran vantaxe do prototipo desenvolvido mediante este proxecto de innovación é “o control en tempo real dos parámetros e condicións do tanque”. Ao ter o tanque de frío monitorizado e controlado en todo momento, pódense detectar e corrixir aquelas alteracións que teñen incidencia na calidade bactereolóxica do leite, ben sexa por mal funcionamento do sistema ou por mala praxe en procesos como o de lavado.

Entre as 18 explotacións participantes, hainas que fan tanto dous como tres muxidos diarios en sala e outras que teñen robot

Das 18 granxas participantes tres están ubicadas na provincia de Lugo (Proida, A Cernada e Granxa Maruxa) e as 15 restantes na provincia da Coruña (Riviña, Xendres, Sar, CAP, Serramos, Mouzo, Ramón Souto, Vila de Santaia, Ramos, Carro, Novo, Herdanza, Bello, Aquilino e Tombo).

Entre elas hai explotacións con robots de muxido e explotacións que fan tanto dúas muxiduras diarias en sala coma tamén outras que fan tres. “Para a selección das granxas usamos dous parámetros, por un lado a distancia entre elas, para facer máis eficaz a recollida de mostras, e tamén unha distribución que tivo en conta distintas tipoloxías de tanque”, explicou Belén Alvite, veterinaria da empresa galega PSVet, especializada no asesoramento aos gandeiros na hixiene do leite en orixe e que se encargou tanto da escolla das explotacións participantes como da toma de mostras.

En todas estas explotacións e durante dous anos, fixéronse analíticas ordinarias nos tanques unha vez ao mes atendendo a 10 parámetros diferentes, tomándose tamén mostras cada vez que saltaba unha alarma ou incidencia. En total, os veterinarios de PSVet adicaron 1.300 horas a esta tarefa e fixeron máis de 13.000 quilómetros, resumiu Belén.

Granxas intelixentes

En cada unha das 18 explotacións participantes instalouse no tanque un dispositivo denominado DataLact, deseñado pola empresa Data Monitoring, que aportou a parte tecnolóxica do proxecto. Esta startup, que naceu vinculada ao control do leite no tanque mediante sensores e hoxe xa está traballando noutros ámbitos como depósitos de auga ou de cervexa, deseñou un sistema que permite a dixitalización do tanque e a toma de datos permanente. “Cada 30 segundos o tanque está enviando datos que en tempo real pode ver no móbil o gandeiro, o técnico de mantemento ou o transportista”, explicou Gonzalo Abuín, o CEO da compañía.

“A dixitalización permitirá ademais de ter monitorizadas as vacas ou a temperatura do leite, que controlemos tamén a temperatura das camas ou o ambiente nos establos” (Gonzalo Abuín, Data Monitoring)

Segundo avanzou, están a traballar xa con Naturleite no deseño doutro dispositivo mediante xeolocalización para controlar tamén a temperatura nos tanques do camión, en cada un dos seus distintos compartimentos, durante o transporte, de maneira que o leite estaría monitorizado tamén en todo momento desde a recollida até a chegada á fábrica, sumándose deste xeito ao control efectuado tamén no tanque de frío da explotación.

Gonzalo considera que o proceso de dixitalización das granxas é imparable e que “o futuro camiña cara a lograr granxas intelixentes” onde ademais da toma de datos dos propios animais se controlen tamén cousas como a temperatura das camas das vacas ou a temperatura e o ambiente nos establos. “Empresas como a nosa analizamos e controlamos as granxas para mellorar a vida das vacas e dos gandeiros”, dixo.

“Cantos máis muxidos introduzamos no tanque, máis reconto microbiolóxico”

Público asistente á presentación dos resultados do proxecto de investigación

Público asistente á presentación dos resultados do proxecto de investigación

Da parte de analizar as mostras recollidas encargouse o CETAL que analizou nos seus laboratorios 255 mostras con 10 parámetros distintos analizados en cada unha. A presenza de estafilococos, relacionado directamente coa mamite; de e-coli, vinculado a unha deficiente limpeza, ou mesmo de listeria e salmonela evidencia determinados aspectos do manexo a mellorar nalgunha das explotacións.

“O sistema estaba programado para avisar cando a temperatura no tanque subía máis de 4 grados durante un periodo de tempo que excedía as 2 horas posteriores ao ordeño, xa que constatamos que nos casos de temperatura alta no tanque, a incidencia posterior nos recontos microbiolóxicos depende do tempo que dure a incidencia e do rango de incremento de temperatura que se produza”, explicou Alexandra Herrera, do Centro Teconóxico Agroalimentario de Lugo.

Unha das advertencias que fixo é que “meter múltiples muxidos no mesmo tanque ten moita incidencia microbiolóxica porque ao introducir o segundo ordeño subimos a temperatura do leite do primeiro ordeño, o que xa está no tanque, á temperatura de incubación”.

Unha parte das incidencias estiveron producidas por cortes no subministro eléctrico, frecuentes aínda en moitas zonas rurais de Galicia

O leite almacenado pode pasar no tempo que dura o muxido de 6 grados a uns 35, favorecéndose deste xeito as condicións para que as bacterias se desenvolvan. Esta situación podería correxirse tendo un tanque para o leite de cada muxidura ou contando cun sistema que enfríe o leite antes de introducilo no tanque, ao tempo que se está a muxir.

Tamén por esa mesma razón de variacións de temperatura no tanque por introdución de leite morno procedente do muxido, sempre se obteñen mellores datos microbiolóxicos cando as recollidas na granxa se producen cada 24 horas que cada 48 horas.

Cortes de luz e temperatura de lavado

O sistema de alertas instalado nos tanques rexistrou un total de 11 incidencias, 8 consideradas de carácter grave por afectar á calidade e conservación do leite por altibaixos na temperatura, e outras 3 consideradas leves ao afectar á limpeza do tanque xa sen leite, relacionadas sobre todo coa baixa temperatura da auga durante o lavado.

“A temperatura de lavado é crítica, cando se lava con auga a baixa temperatura de xeito automático aumenta o reconto microbiolóxico” (Alexandra Herrera, CETAL)

Outra das conclusións tiradas das analíticas realizadas nestas 18 granxas nos últimos dous anos é que “as temperaturas de lavado son críticas, xa que cando se lava a temperatura baixa de xeito automático aumentan os recontos microbiolóxicos”, explicou Alexandra. “Hai que ser sumamente purista coas temperaturas de limpeza, sobre todo pola listeria, que tan de moda está agora, porque se protexe e resiste a temperaturas baixas”, dixo.

Á hora de analizar os resultados tamén se tivo en conta a época do ano, xa que Alexandra explicou que “existe un factor estacional que hai que ter en conta porque as temperaturas exteriores teñen reflexo nos resultados microbiolóxicos das explotacións”.

Finalmente, unha parte dos problemas de incremento de temperatura no tanque detectados estiveron motivados por cortes de luz, frecuentes aínda hoxe en moitas zonas do rural de Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información