Denuncian que un proxecto mineiro pon en perigo a unhas 200 ganderías da comarca de Ordes

O Sindicato Labrego Galego denuncia que o proxecto mineiro da empresa Erimsa afectará a máis de 6.000 hectáreas, a maioría de solo agrario, dos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes, poñendo en risco a unhas 200 ganderías. Unha delas é Casa Grande de Xanceda, a maior produtora de leite ecolóxico de Galicia, que ve en perigo a súa explotación por este proxecto mineiro.

Denuncian que un proxecto mineiro pon en perigo a unhas 200 ganderías da comarca de Ordes

Extracción de seixo nunha parcela agrícola de Galicia por parte de Erimsa. Foto: Erimsa

O Sindicato Labrego Galego advirte que o proxecto mineiro de Erimsa, unha empresa pertencente á multinacional china Blue Star, de extracción de seixo en fincas agrícolas da comarca de Ordes pon en risco a unhas 200 explotacións gandeiras e afectará a 6.721 hectáreas.

Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela a coordinadora do Slg na comarca de Ordes, María Vieites, e a representante do sindicato na plataforma contraMINAcción, Margarida Prieto Ledo.

O proxecto máis avanzado de Erimsa, que está en exposición pública dende o 6 de marzo para a presentación de alegacións, denomínase “Xanceda” e afecta a 781 hectáreas, fundamentalmente terreos agrícolas de concentración parcelaria, para a extracción de seixo metalúrxico. A empresa aluga a parcela ao propietario durante arredor dun ano, para remover o terreo e extraer a rocha, e logo devólvella “restaurada”, segundo a versión da empresa, ao propietario da parcela. Ademais, Erimsa ten autorización da Consellería de Industria ata o ano 2019 para realizar prospeccións en busca de seixo noutras tres zonas: “Marís”, que afectaría a 3.060 hectáreas do concello de Frades (parroquias de San Martiño, Abellá e Papucín); “Andrea”, que afectaría a arredor de 2.500 hectáreas de Frades (parroquias de Galegos, Abellá e Papucín) e a parte do concello de Mesía, e unha terceira zona, denominada “Lamosa”, que afectaría a 270 hectáreas dos concellos de Ordes e de Oroso.

Para María Vieites “estes recadros son unha sentenza de morte para a comarca de Ordes, pois os catro proxectos afectan a unhas 200 explotacións gandeiras da comarca, fundamentalmente de vacún de leite, que empregan de forma directa a unhas 600 persoas”.

E é que segundo explicou a representante do Sindicato Labrego, “o alugueiro que poda pagar Erimsa non compensa nin o impacto medioambiental, pois remover con paleadoras as fincas a unha profundidade de ata 2,5 metros, rompe a estrutura do solo, nin económico, pois pérdese a axuda da PAC durante un ano para a parcela, así como a produción forraxeira, e costa anos recuperar os rendementos das colleitas previos á extracción mineira, por non falar dos problemas de asolagamento que se producen ao drenar peor as fincas”.

Neste sentido, María Vieites demandoulle aos concellos afectados, fundamentalmente os de Frades e Mesía, un pronunciamento claro en contra deste proxecto mineiro.

Na mesma liña, Margarida Prieto Ledo, representante do sindicato na plataforma contraMINAcción, demandoulle á Consellería do Medio Rural que “emita informes tallantes en contra deste proxecto mineiro, que non é compatible coa actividade agraria”. Margarita Prieto advertiu que “Erimsa quere traer á comarca de Ordes o mesmo proxecto que promoveu na Terra Cha, e que despertou un forte rexeitamento social e que xa acumula varias sentenzas en contra do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.

Para informar aos veciños e veciñas dos concellos afectados, o Sindicato Labrego Galego ten convocada unha asemblea informativa para o próximo xoves ás 22:00 horas no centro social de Xanceda.

Área afectada polo proxecto de Erimsa nas súas distintas fases: 

ERIMSA_ORDES_APAISADA

Casa Grande de Xanceda: “O proxecto mineiro pon en risco a nosa actividade”

Unha das ganderías afectadas polo proxecto de Erimsa que está en exposición pública é Casa Grande de Xanceda, un referente en Galicia en produción de leite ecolóxico e na súa transformación para crear valor engadido. Non en van neste momento dá emprego a 40 persoas.

O seu xerente, Guillermo Martínez, advirte de que “durante un ano, polo menos, non poderemos producir forraxes e pasto nas parcelas nas que estea traballando Erimsa, e con moita probabilidade perderíamos a certificación ecolóxica do Craega para esas parcelas”.

 “É inxusto que para que Erimsa obteña un beneficio se prexudique a tanta xente”

“É dicir, nunha zona na que xa é difícil ampliar a base territorial, teríamos menos parcelas dispoñibles, co que teríamos que reducir produción de leite, e de todo o que facemos: iogures, queixos…etc, por non falar das axudas da PAC que perderíamos e dos anos que nos levaría volver lograr pasteiros da mesma calidade que temos”, explica.

“O prexuízo económico e medioambiental que nos causaría este proxecto de Erimsa sería moi grande e non se compensa co que nos poda pagar polo alugueiro”, engade.

“Non se entende que a Administración autorice un proxecto mineiro que vai causar moito máis prexuízo económico que o beneficio que di que vai obter Erimsa e os postos de traballo que di que vai crear. Casa Grande de Xanceda pode poñerse en perigo debido a este proxecto mineiro”, conclúe Guillermo Martínez.

Version de Erimsa

Pola súa banda, Erimsa asegura a través dun comunicado que “traballamos nos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes desde hai 30 anos en réxime de aluguer, pactando previamente cos propietarios as condicións e comprometéndonos á total restauración do solo para o seu uso anterior no prazo de tempo acordado”.

“O noso sistema de extracción de cribados de terreos para a obtención de seixo é respectuoso co medio ambiente e totalmente compatible coa actividade agrícola-gandeira”, engaden desde a compañía mineira.

En concreto, aseguran que o seu método de traballo “desenvólvese en catro fases: separación temporal da cuberta vexetal da terra, extracción do mineral, recheo integral do oco de explotación e reposición da terra vexetal. Os traballos desenvólvense xeralmente nunha profundidade que oscila entre metro e metro e medio, e a compañía elabora, ademais, un informe anual de seguimento ambiental”.

“Erimsa pacta previamente cos propietarios dos terreos as condicións económicas e temporais do arrendamento, así como a topografía final do terreo, proporcionándolles completa información durante todo o proceso, sen que ata o momento se teña producido ningunha incidencia ao tratarse de acordos totalmente voluntarios”, conclúen desde a empresa mineira.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información