Demandan a suba dos prezos de intervención do leite para frear a crise

O Copa Cogeca, entidade que agrupa a cooperativas e organizacións agrarias de toda Europa, solicita da Comisión Europea medidas públicas para mellorar o mercado

Demandan a suba dos prezos de intervención do leite para frear a crise

O Copa Cogeca pide a mellora da intervención pública de leite.

O fin da cota láctea foi a medida máis visible do novo periodo de mercado libre do leite que se abriu en Europa o 1 de abril do 2015, pero outras medidas que se quedaron na trastenda, con menos visibilidade pública, preocupan ós produtores de leite tanto ou máis que o fin da cota. É o caso da progresiva redución dos prezos de intervención pública de mantequilla e leite en po, un escenario que deixa ás explotacións lácteas sen rede de seguridade en crises como a actual. O Copa Cogeca, entidade que aglutina a organizacións agrarias e cooperativas de toda Europa, demanda da Comisión un cambio de políticas.

A intervención pública viña activándose cando baixaban as cotizacións dos produtos lácteos industriais, de xeito que as industrias podían colocar os seus excedentes a prezos que evitaban un desplome maior do mercado. A baixada dos prezos de intervención, que se acometeu de xeito progresivo nos últimos anos, deixa ó sector sen rede de seguridade. Os produtores instan á Comisión a mellorar a intervención pública, de xeito que se poida frear a progresiva caída dos prezos en orixe do leite. Os actuais prezos de intervención, que se sitúan no caso do leite en po nun equivalente en orixe de arredor de 16 céntimos o litro, non serven para ese cometido.

A caída dos prezos de intervención deixa sen rede de seguridade ó sector lácteo en crises como a actual

O Copa Cogeca demanda tamén outras medidas de mercado, como a mellora das axudas ó almacenamento privado. Cómpre lembrar que en España, xa a Interprofesional Láctea instara a Bruxelas en setembro pasado á mellora das medidas de xestión de mercado para facer fronte o bloqueo das exportacións a Rusia.

Os produtores europeos trasladáronlle á Comisión que as explotacións lácteas están producindo de xeito xeralizado por baixo dos custos de produción, o que pode levar a problemas de liquidez e a unha sucesión de quebras. O Copa Cogeca instou tamén a Comisión a ter en conta este contexto á hora de aplicar a supertasa láctea da campaña 2014-2015, que se estima nuns 800 millóns de euros no conxunto da UE. Cooperativas e organizacións agrarias solicitan que eses cartos repercutan no sector para aliviar a complicada situación pola que pasan as explotacións.

Os produtores europeos piden que a supertasa, que se calcula en 800 millóns de euros na UE, repercuta no sector

Supertasa en España
En Galicia, Unións Agrarias vén de emitir un comunicado no que demanda información do Ministerio de Agricultura sobre a supertasa da pasada campaña. Unións advirte de que hai gandeiros que teñen cantidades retidas polas industrias a conta dunha supertasa que probablemente non teñan que pagar en moitos casos, polo que pide que o Ministerio aclare a situación canto antes.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información