Delagro inaugura en Galicia a maior planta de fertilizantes do Noroeste

A instalación, localizada nas Pontes, supuxo un investimento de 5,8 millóns e ten capacidade para máis de 50.000 toneladas anuais. Trátase do complexo máis moderno da Península e producirá fertilizantes “á carta”, segundo as necesidades de cada parcela, seguindo a tecnoloxía Profer.

Delagro inaugura en Galicia a maior planta de fertilizantes do Noroeste

Consello reitor de Delagro durante o acto de inaguración da planta de fertilizantes.

A cooperativa de segundo grado Delagro inaugurou no concello coruñés das Pontes a maior planta de procesado e distribución de fertilizantes do Noroeste e a máis moderna da Península Ibérica. A planta cubrirá as necesidades das 64 cooperativas integradas en Delagro e dos seus máis de 27.000 socios repartidos por Galicia, Asturias e Cantabria.

As instalacións, situadas no polígono industrial de Penapurreira, supuxeron un investimento de 5,8 millóns de euros. A súa capacidade operativa anual superará as 50.000 toneladas de fertilizantes e constituirá un importante dinamizador da economía local coa xeración de en torno a 60 novos postos de traballo, entre directos e indirectos.

“Unha vella aspiración que outorga maior independencia a Delagro”

Javier Taboada, presidente do Consello Reitor de Delagro, amosouse satisfeito de ver cumprida “unha antiga aspiración dos socios que, xa dende 1987, comezaron a barallar a idea de levantar unha fábrica propia que outorgara maior independencia a Delagro e ás súas entidades socias, na súa maioría, cooperativas agrarias”. Neste sentido, sinalou Taboada, “trátase dun grande éxito da economía cooperativa, xa que unir as nosas forzas deunos a posibilidade de competir e propoñernos metas máis ambiciosas, que de xeito individual terían sido inalcanzables”.

O complexo industrial de fertilizantes ocupa un espazo total de 36.000 m² e está integrado por un edificio de produción e outro de loxística. O primeiro alberga unha nave industrial de máis de 6.000 m2 dividida en dúas zonas: unha de almacenamento de produtos e materias primas, e outra para o mesturado e envasado dos fertilizantes. O edificio de loxística, pola súa banda, consta dunha nave de 3.300 m2 destinada á almacenaxe de produto finalizado e outras mercadorías complementarias.

Materia prima europea e distintos formatos de venda

A materia prima procede principalmente de Alemaña e de Finlandia e chega a Galicia a través do porto de Ferrol. Os formatos de envasado e venda son de 10, 25, 30 e 40 quilogramos para os sacos, e de 500 e 600 quilogramos para os bigbags. Tamén vende elaborados fertilizantes a granel.

Outro aspecto a destacar é a utilización da tecnoloxía máis punteira. Así, na construción da planta participaron expertos da industria tales como un equipo de enxeñeiros de Yara, o maior fabricante de fertilizantes a nivel mundial, que analizou fábricas de España e do sur de Europa co obxectivo de identificar as tecnoloxías e procesos máis eficientes.

“Os fertilizantes de Delagro adáptanse non só aos nosos chans senón ao solo de cada parcela

Carlos Castro: director xeral de Delagro

Por que se decidiu Delagro a entrar no mercado dos fertilizantes?
O complexo nace dun soño, o de elaborar o segundo insumo máis importante das explotacións gandeiras, como son os fertilizantes.

O que viamos era que a oferta no mercado era de produtos moi estáticos e xeneralistas, elaborados a partir das recomendacións dos servizos de extensión agraria dos anos 60.

Sen embargo, no momento actual o que necesitamos é eficiencia nos fertilizantes, tanto para evitar a contaminación do medioambiente como para optimizar os custos para os gandeiros e adaptar o fertilizante aos cultivos das explotacións de leite (pradarías e millo forraxeiro, principalmente).

“O que hai no mercado son fertilizantes estáticos e xeneralistas, e nos queriamos fertilizantes específicos, á carta”

Para cubrir esta necesidade puxemos en marcha o Proxecto Profer, para elaborar fertilización á carta, a nivel de parcela, e adaptada aos chans da Cornixa Cantábrica, así como ás necesidades dos cultivos e de acordo co aboamento orgánico que se achega.

Neste sentido, dirixímonos aos grandes fabricantes de fertilizantes pero non deron satisfacción ás nosas necesidades. De aí que Delagro se decidise a poñer en marcha esta planta para poder elaborar o fertilizante diferenciado que necesita o sector agrogandeiro.

Cales son os tipos de fertilizantes que elaborades?
Neste momento xa temos máis de 350 fórmulas de fertilización en carteira. Os produtos máis demandados seguen sendo os estándares: complexos xenéricos e nitroxenados de media-alta graduación, que cobren o 35% do total da nosa produción neste momento, cando nun principio representaban o 80%.

O outro 65% da nosa produción son fertilizantes á carta, en función das necesidades específicas do demandante, da época do ano e do tipo de manexo. Dentro destes, un nicho importante dos fertilizantes de Delagro son unhas fórmulas específicas tanto para as pradarías de inverno como para os cultivos de millo, que están elaborados a partir das premisas específicas dos técnicos das cooperativas.

Por último, intentamos prever con antelación as demandas de fertilizantes dos nosos clientes para poder planificar a nosa produción e responder as súas necesidades no momento idóneo para realizar a fertilización.

Vista xeral da planta de envasado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información