Decreto de xurros: O vacún de leite, o sector que contamina con menos amoniaco

Un informe da Comisión Europea confirma que o gando de vacún de leite é responsable só do 4,4% das emisións de amoníaco de orixe agrícola. Pola contra, a gran maioría corresponden aos nitratos de sínteses (19,7%) e ao porcino (17,5%).

Decreto de xurros: O vacún de leite, o sector que contamina con menos amoniaco

Un informe da Comisión Europea sobre as emisións de gases contaminantes do sector gandeiro aclara que o sector de vacún de leite é o que menos amoníaco emite á atmosfera, sendo os nitratos de síntese e o porcino os principais sectores contaminantes.

En concreto, o gando de vacún de leite foi responsable só do 4,4% das emisións de amoníaco de orixe agrícola en España no ano 2015. Pola contra, a gran maioría corresponden aos nitratos de síntese (19,7%) e ao porcino (17,5%), e vacún de carne, coellos e avicultura son responsables do 9,3%. No conxunto da Unión Europa os nitratos de síntese representan o 20,8% das emisións, o vacún de leite o 14,3%, o porcino o 13,1% e o resto de producións gandeiras o 14,8%.

Desta forma, a Comisión Europa arroxa luz sobre o polémico Decreto de Xurros aprobado polo Ministerio de Agricultura e que a partir do 1 de xaneiro deste ano -aínda que a ministra anunciou unha prórroga durante este 2018- penaliza nas axudas da PAC o esparexido de xurros ao aire mediante cisterna con prato, abanico ou canón, os sistemas máis utilizados. O argumento do Ministerio é reducir as emisións de amoníaco de orixe agrícola, aplicando técnicas que minimicen a volatilización do Nitróxeno dos xurros, tales como os tubos colgantes ou o enterrado. De non facelo España exponse a unha sanción da Comisión Europa.

Sen embargo, o sector de vacún de leite, especialmente o de Galicia e o da Cornixa Cantábrica, vai ser o máis prexudicado por esta medida, a pesar de ser o que menos responsable é destas emisións. Dáse ademais o paradoxo de que os gandeiros de porcino, o principal sector que emite amoníaco, non cobra na maioría dos casos as axudas da PAC, e por tanto non se expoñen a penalizacións.

amoniaco_ue_2

O documento da Comisión Europea analiza os datos de 2014 e 2015 de emisións de amoníaco. un gas de efecto invernadoiro que se produce principalmente pola emisión á atmosfera do nitróxeno que conteñen os xurros gandeiros e os fertilizantes químicos de síntese. No conxunto da Unión Europea a agricultura é responsable do 93,6% das emisións de amoníaco, que no caso de España sobe ao 96,3%.

Neste sentido, España é un dos países que máis incrementou as emisións deste gas en 2015, un 4,7% máis, fronte á media da Unión Europea que foi dunha suba do 1,9%. Desta forma, España en 2015 superou nun 34% o límite de emisións de amoníaco establecidas na Directiva 2001/81/CE, expóndose a unha sanción económica da Comisión.

Ademais, en cifras absolutas, España foi o segundo estado que máis incrementou as súas emisións de NH3 no período 2014-2015: 20.500 toneladas máis, só por detrás de Alemaña (22.900 toneladas máis). De feito, o noso país é o terceiro emisor absoluto deste gas na Unión Europea: 458.600 toneladas, só por detrás de Francia (664.000 toneladas) e de Alemaña (724.000 toneladas).

¿Onde existen problemas por contaminación de amoníaco en España?

O sector responsable do incremento das emisións de amoníaco en España é fundamentalmente o porcino, cuxa cabana se incrementou notablemente nos últimos anos ata situarse como primeiro país produtor da Unión Europea en 2017, con máis do 19% do gando porcino e como cuarto produtor a nivel mundial.

Porén, tanto as Administracións como o propio sector esquecéronse de que tanto ou máis importante que producir é saber como se van a xestionar os xurros para que non supoñan unha fonte de contaminación para o medio ambiente.

Neste sentido, o Programa Europeo de Avaliación da Calidade do Aire confirma o evidente: as zonas con maior contaminación por amoníaco en España son aquelas nas que máis aumentou a cabana porcina: as comunidades de Aragón e de Cataluña, fundamentalmente. Pola contra, rexións nas que concentra a cabana de vacún de leite de España, como Galicia ou as Comunidades da Cornixa Cantábrica, son as que menos niveis presentan de contaminación.

NH3 spain 2015 2016

Con todas estas evidencias, ¿Pódese seguir xustificando que os gandeiros de vacún de leite sexan os que realmente sufran os prexuízos económicos que lles vai ocasionar este decreto cando está demostrado que son os que menos contribúen ás emisións de amoníaco?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información