“De como fagamos o secado vai depender o éxito da seguinte lactación”

Facer o secado cando a vaca baixe de 21 litros diarios, reducir ao mínimo o periodo de involución activa e deixar que pase cando menos un mes até o seguinte parto son os consellos de Luis Miguel Jiménez para acadar uns bos resultados

“De como fagamos o secado vai depender o éxito da seguinte lactación”

Luis Miguel Jiménez, na xornada de Africor Lugo.

Secar vacas de alta produción non é unha tarefa doada. Deste proceso, que normalmente se leva a cabo ás présas na sala de muxido, depende boa parte do éxito da seguinte lactación. Seguir uns protocolos axeitados axuda a non cometer erros nun periodo que non está exento de riscos e ao que moitas veces non se lle presta a atención debida.

Luis Miguel Jiménez pertence á empresa Servet Talavera, especializada en control da mamite. Falou nas Xornadas Técnicas organizadas por Africor na Facultade de Veterinaria de Lugo sobre o benestar do gando no periodo de secado. “Dun periodo de dous meses depende toda a lactación posterior, polo que debemos coidar esta etapa”, defendeu.

“Menos de 30 días de secado ten efecto negativo na produción de leite na seguinte lactación”

O tempo que as vacas están secas correspóndese co tempo de descanso e recuperación do texido produtor de leite e xéranse no ubre as células que posteriormente se encargarán da produción de leite. A súa recomposición leva un tempo, polo que este experto recomendou deixar pasar cando menos un mes entre o secado do animal e o seguinte parto. “Menos de 30 días de secado ten un efecto negativo na produción de leite na seguinte lactación”, asegurou.

Pero, cal é o momento axeitado para facer o secado? Luis Miguel Jiménez recomendou agardar a que a produción diaria dese animal baixe dos 21 litros. “Con secados feitos con producións de máis de 21 litros viuse que hai máis reconto de células somáticas na seguinte lactación”, indicou.

“Con secados feitos en vacas que estaban producindo aínda máis de 21 litros viuse que aumenta o reconto de células somáticas na seguinte lactación”

A maioría das explotacións de certo tamaño realizan un secado brusco (paran de muxir a vaca de golpe) por cuestións de maior facilidade de manexo fronte a un secado gradual con incremento na frecuencia de muxido ou con redución de alimentación para deste xeito ir mermando tamén paulatinamente a produción de leite até acadar o secado definitivo. “Por cuestións de manexo a maioría das explotacións fan secado brusco e por lotes. En España non hai datos, pero en EEUU o 90% das explotacións fan secado brusco”, indicou.

Pero en vacas de alta produción e que manteñen o leite ao longo do tempo moitas veces non é posible agardar a que baixen dos 21 litros para proceder a un secado brusco con garantías. Nestes casos, pode optarse por manter un secado brusco combinado con redución previa de alimentación durante uns días para diminuir o volume de leite que produce a vaca.

Que o proceso de involución activa non se alongue 6 ou 7 días

Desde o punto de vista da fisioloxía do ubre e dos cambios que se producen nel, o periodo seco pode dividirse en tres etapas: involución activa, estado estable e calostroxénese. A involución activa comeza cando se para de muxir a vaca. Durante as dúas primeiras semanas absórbese o leite, hai unha menor produción de neutrófilos e prodúcese unha baixada das defensas. Por iso, dixo, “hai que tentar que a involución activa non se amplie”, é dicir, “que se produza o secado en 2-3 días e non se alongue 6 ou 7”, recomendou.

“O 50% das mamites clínicas que se producen na lactación teñen a súa orixe en infeccións intramamarias durante o periodo de secado”

É neste momento de involución activa na que se producen a maioría das infeccións. “Aumentan as infeccións intramamarias ao deixar de muxirse a vaca e cesar a rutina hixiénica de limpeza e baño de pezóns que vai aparellada ao muxido”, explicou Luis Miguel Jiménez, que alertou das consecuencias no momento posterior ao parto destas infeccións que se producen durante o secado. “O 50% das mamites clínicas que se producen na lactación teñen a súa orixe en infeccións intramamarias durante o periodo de secado”, asegurou.

Desinfectar o pezón antes de aplicar as cánulas de secado e o sellador interno

Este experto fixo fincapé na importancia da hixiene á hora de aplicar os produtos para o secado. “As présas non son boas, é moi importante desinfectar ben o pezón antes de aplicar os tratamentos. Moitas veces dáse unha mala praxe na introdución das cánulas de secado e do sellador interno”, afirmou.

Un factor que incrementa o risco de infeccións é o feito de que en moitas ocasións, sobre todo en vacas que seguen mantendo unha alta produción no momento do secado, tarda en crearse o tapón de queratina e segue habendo goteo de leite na canle do pezón, que permanece aberta.

O 20% dos pezóns quedan abertos ao non formarse o tapón de queratina

“Os resultados de dous estudos feitos en Estados Unidos e Nova Zelandia constataron que o 30% das vacas non teñen formado aínda o tapón de queratina aos 60 días de secado e que o 20% dos pezóns quedan abertos porque non se acaba por formar nunca o tapón de queratina. Isto acontece mesmo en moitas xovencas, que tampouco o teñen”, aclarou.

Unha de cada catro vacas ten fugas de leite e entre o 10 e o 20% sinte dor

Outro estudo, neste caso realizado con máis de 1.000 vacas de distintos países europeos, demostrou que o 24,4% dos animais analizados tiveron fugas de leite ao secado, máis probables nos cuarteróns traseiros. “Calcúlase que o 20% das fugas de leite que se producen están relacionadas coa forma do pezón e a condición na que se atopa”, detallou Luis Miguel Jiménez.

Do mesmo xeito, entre o 10 e o 20% das vacas sofren dor durante o secado por presión intramamaria do leite no ubre. A maior inflamación prodúcese entre as 30 e as 48 horas despois do secado. “A vaca non está a gusto e iso provócalle estrés”, explicou. A este feito engádense os cambios na alimentación ao pasar do lote de produción ao de secas, o que fai que a vaca teña sensación de fame e aumente o seu nerviosismo, dixo.

A inflamación mamaria tamén é frecuente na última fase do secado, a inmediatamente anterior ao parto. “Os edemas durante a calostroxénese, que ás veces se manteñen durante moitos días de lactación, provocan unha redución na produción de anticorpos, facendo máis vulnerable o ubre á mamite”, indicou.

“O estrés por calor nas vacas secas repercute no peso das crías”

Público asistente ás Xornadas Técnicas organizadas por Africor Lugo na Facultade de Veterinaria

Público asistente ás Xornadas Técnicas organizadas por Africor Lugo na Facultade de Veterinaria

Luis Miguel Jiménez insistiu na importancia do periodo que as vacas pasan secas, pois determina o resultado da seguinte lactación en canto a produción de leite e incidencia de enfermidades. “As vacas deben estar ben tratadas durante o periodo no que están secas porque nos xogamos moito”, dixo.

Recalcou a necesidade de que os animais conten con espazo dabondo nas instalacións, que non haxa competencia nin polo comedeiro nin polo bebedeiro e que a cama estexa o máis limpa e seca posible. “No lote de vacas secas debemos respectar as mesmas máximas e criterios que empregamos para os lotes de produción”, recomendou. Esas mesmas condicións, dixo, deben manterse na sala de partos.

Cama fría de compost no lote de vacas secas da Gandería Varela, en Castro de Rei

Cama fría de compost no lote de vacas secas da Gandería Varela, en Castro de Rei

En relación á cama das vacas secas, relatou a súa experiencia “moi positiva” na utilización de camas frías de compost, nas que se produce un aporte inicial de palla que logo se airea removendo dúas ou tres veces ao día mesturada cos excrementos que producen os propios animais. Este sistema, que xa empregan na provincia de Lugo explotacións como Gandería Varela, no concello de Castro de Rei, ou Sat Ladeira, no do Páramo, dá “resultados espectaculares”, afirmou.

“Ao remover varias veces ao día a cama báixaselle a temperatura, que se mantén en torno aos 18 graos. Nesas condicións non se desenvolven os xermes, porque precisan calor e nutrintes e nese medio non teñen ningunha das dúas cousas. É unha cama fría e nutrintes tampouco teñen porque non se engade palla máis alá da inicial”, explicou.

Tamén recomendou poñer aspersores e ventiladores nas instalacións nas que se atopan as vacas secas e as xovencas porque, dixo, “o estrés por calor non só o sofren as vacas en produción e ten moita relevancia, porque o estrés por calor durante o secado repercute no peso das crías ao naceren xa que a xestación dura 4 ou 5 días máis se non se produce estrés por calor”, asegurou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información