David Arnoso: un gandeiro de leite que soubo tirar o máximo proveito da montaña

David Arnoso é un mozo gandeiro que ten a súa explotación de vacún de leite en San Sadurniño, en plena Serra do Forgoselo. Soubo adaptar a súa gandería ao seu entorno para producir a baixo custo optimizando o pastoreo.

David Arnoso: un gandeiro de leite que soubo tirar o máximo proveito da montaña

David Arnoso na súa gandería, en plena Serra do Forgoselo

David Arnoso Gómez é un gandeiro de 38 anos que vive no pequeno lugar de Racamonde, en plena Serra do Forgoselo, no concello coruñés de San Sadurniño.

As condicións de partida deste lugar (terreo montañoso, batido polo vento, con solos pobres e sen poder cultivar millo forraxeiro) non son as mellores para unha explotación de vacún de leite. Pero David soubo nestes anos adaptar a súa explotación ás potencialidades do seu entorno, de forma que non só logrou producir leite a baixo custo, aproveitando ao máximo a herba e o pasto, senón tamén cunha calidade diferenciada.

No ano 2001 tomou o relevo na explotación da súa nai e dos seus avós, unha opción de vida que elixiu por vontade propia “porque sempre me gustaron as vacas dende pequeno, e os animais en xeral”.

Partía dunha pequena gandería con 14 vacas en muxido, estabuladas a maior parte do tempo e cun sistema de alimentación con herba verde en pesebre, penso e herba seca. “Era un sistema -explica- no había moito gasto de gasoil e de horas de tractor para ir todos os días buscar a herba verde aos prados, que a veces estaban a varios quilómetros”. A recría tamén a compraban fóra.

“As miñas vacas dan entre 25 e 28 litros, pero é unha produción que creo deixa máis rendemento”

Ao longo destes anos David foi ampliando tanto a cabana gandeira como a superficie e hoxe conta con 38 vacas, das que 25 están en muxido, e o resto son secas e recría, e traballa 45 hectáreas de base territorial, a maioría fincas cedidas. Tamén comezou a criar as xovencas na propia explotación, en vez de mercalas.

Pero sen dúbida o principal cambio que introduciu foi que as propias vacas se encargasen de apañar a herba verde, un sistema de alimentación que combina con silo de herba e algo de penso, o único alimento que se compra nesta explotación. “Non fago herba seca, non porque non lles guste ás vacas, senón porque teño alerxia e a quen non me gusta é a min”, bromea.

Así, a vida das vacas nesta gandería transcorre a maior parte do tempo pacendo nas 25 hectáreas de pradeiras que hai ao redor da explotación, cunha rotación entre finca e finca coidando de que “nin arrenten demasiado o pasto, porque neste caso tardaría máis en renovar e o terreo quedaría máis compactado, nin tampouco que a herba sexa demasiado alta e non a aproveiten”. “Imos rotando o pastoreo das fincas seguindo unha orde e o criterio é ver o estado da finca na que están e como está a seguinte que lles toca”, explica. O clima da zona, con abundante humidade durante todo o ano, fai posible que a dispoñibilidade de pasto sexa case permanente.

“En ningún caso sobrepaso os 200 gramos de penso por litro de leite”

En primavera tamén parcela as pradeiras con pastor eléctrico, para que as vacas aproveiten mellor o pasto, e ensila aquelas parcelas que non se dan pacido.

As vacas en lactación están no pasto durante o día todo o ano, agás cando fai moito vento ou choiva, en que permanecen estabuladas. En verán, cando baixa o rendemento das pradeiras, reciben un suplemento de silo de herba pola noite no establo, onde están resgardadas debido ao temor a ataques do lobo. O penso téñeno moi racionado, sen sobrepasar en ningún caso os 200 gramos por litro de leite.

As secas permanecen no prado día e noite dende marzo a outubro, con silo de herba a discreción e 15 días antes do parto comezan a recibir unha ración de penso que aumenta de forma progresiva. “Dende que facemos así non houbo ningún caso de torsión de estómago”, destaca David. En canto ás xovencas, están nunha pradeira próxima ás cortes, onde dormen en cama quente.

“Hai dous anos cheguei a cobrar o leite a 18 céntimos e non tería aguantado se non fose polo pastoreo”

David Arnoso asegura que “coa combinación de silo e pasto as vacas van moi ben, incluso mellor que cando estaban estabuladas e se alimentaban con herba verde cortada”. “Hai menos problemas de todo tipo cando están no prado”, subliña.

É evidente que os rendementos non son os dunha explotación en intensivo. “As miñas vacas dan entre 25 e 28 litros, dependendo de época do ano, pero é unha produción que creo deixa máis rendemento”, e cunhas calidades de 3,80 de graxa e 3,30 de proteína.

O leite véndello a Lactalis neste momento, despois de pasar por unha difícil situación no 2015 cando chegou a ter que vender o leite a 18 céntimos, “calidades e Ive incluídos”. “Non tería aguantado se non tivese este sistema de producir a baixo custo con pastoreo”, recoñece David.

“Busco unha vaca que sexa boa de patas, non moi grande e pacedora”

Malia o cambio a pastoreo, o rabaño de Holstein que herdou David Arnoso adaptouse ben ao pastoreo, aínda que nos últimos anos ten realizado algún cruce con Jersey, sobre todo para subir a media de calidades no tanque.

O tipo de vaca que busca “é un animal que sexa duro de patas, porque ten que andar por camiños e fincas, que sexa unha vaca ancha pero non moi grande, e que sexa pacedora, algo que xa vas vendo nas nais, e son desas vacas das que recrío”.

Ao apretar menos as vacas a súa lonxevidade tamén se incrementou notablemente, cunha media de arredor de 6 partos, “pero con algunhas vacas de 10 anos e 8 partos que seguen producindo”, presume.

A menor taxa de reposición, fai que teña moita menos necesidade de recría e que poda inseminar máis con razas de carne nas vacas menos rendibles. É dicir, máis beneficio.

Coidado das pradeiras e ensilado da herba

En canto ás pradeiras, realiza un encalado todos os anos para mellorar o rendemento. Debido á pouca profundidade do terreo -a rocha flora nalgunhas pradeiras- só poden realizar sementeira directa. Planta raigrás inglés, aínda que a realidade é que as súas pradeiras son naturais.

Nas fincas que están máis afastadas fai silo de herba en rolos, arredor de 300, que incluso chega a vender. “Eu fago o corte e o rolo encárgollo a unha empresa, porque o tractor ten que ter potencia para que a herba quede ben compactada. Logo págolle a un tráiler para que mos traia ata a establo e aquí encíntoos co meu tractor e gárdoos todos xuntos nun patio, evitando así desprazamentos e as perdas que sole haber ao deixalos nas fincas”, asegura este gandeiro.

As vacas pasan todo o día no prado.

Futuro: cama quente e paso a ecolóxico

Cando se lle pregunta a David se prevé aumentar a produción no futuro a súa resposta é clara: “Incorporarei máis vacas, ata un máximo de 40 en muxido, pero sempre e cando teña fincas de pasto cerca”. “Prefiro investir diñeiro en ampliar a base territorial para abaratar os custos que en meterme nun establo grande que tería que pagar toda a vida”, engade.

Outros proxectos que ten previsto é empezar a traballar cun programa de xestión para mellorar a súa eficiencia e pasar dos cubículos a un sistema de cama quente.

“Teño solicitado un plan de mellora para cubrir unha parte da nave, a que está máis ventilada, e poñer alí a cama quente para as vacas”, asegura. Este sistema, cunha importante implantación nalgúns países, consiste nunha capa de entre 30 e 45 centímetros de serrín, que coas bostas das vacas vai fermentando ata crear un compost orgánico. “É importante que estea en zona ventilada e removelo co tractor dúas veces ao día”, explica. ¿E que vantaxes lle ve? “Pois os animais gañan en comodidade, abarátanse custos e dáme menos traballo”, asegura.

O outro salto que prevé dar é que a súa gandería pase a estar certificada en ecolóxico. “Actualmente estou en período de conversión e o 1 de xuño de 2018 podería empezar a vender leite certificado polo Craega”, explica.

No seu caso foi un proceso lóxico, “pois a maioría das esixencias xa as estábamos cumprindo, ao cobrar as axudas agroambientais que, entre outros requirimentos, nos esixen facer pastoreo e non empregar fitosanitarios”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información