Danos do xabarín na sementeira do millo en Mesía

Unións Agrarias pide a inmediata posta en marcha do protocolo de control de danos

Danos do xabarín na sementeira do millo en Mesía

Danos do xabarín en Mesía nunha parcela recén sementada a millo.

O xabarín está a causar importantes danos na sementeira de millo no concello de Mesía. Na parroquia de Boado, hai xa máis de 8 hectáreas afectadas, con perdas que Unións Agrarias cuantifica en 6.000 euros. A organización solicitou da delegación provincial de Medio Ambiente a activación en Mesía do protocolo de control de danos do porco bravo.

De non tomarse medidas, Unións advirte de que os danos continuarán nas vindeiras dúas semanas, xa que as parcelas recén sementadas, cando o gran está aínda na terra ou recén xerminado, son moi vulnerables.

A organización agraria lembra que a colaboración das sociedades de caza (Tecores) é fundamental, pois de non adoptar as medidas de control de danos acordadas no protocolo, enfrontaranse a reclamacións de danos por vía xudicial.

Protocolo
Para evitar a xudicialización do problema e darlle solución ás explotacións afectadas, existe un protocolo de actuación consensuado entre Administración, organizacións agrarias e cazadores.

Cando os afectados advirten de danos ó servizo provincial de Caza, este debe comunicarllos ó Tecor correspondente, neste caso o Tecor de Mesía, que deberá activar medidas como esperas e batidas extraordinarias. A Administración ten o compromiso de resolver as solicitudes de caza en 24 horas.

Críticas pola retirada de axudas
A retirada das indemnizacións da Xunta polos danos do xabarín aumenta a tensión entre as ganderías, segundo Unións Agrarias. O pasado ano, a Administración destinara 600.000 euros, pero este ano renunciou a convocar as axudas alegando falta de orzamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información