Dairylac ultima a posta en produción da súa torre de secado de soro e leite

A firma, participada maioritariamente pola cooperativa Aira, centrará as novas instalacións na obtención de soro desmineralizado. Os baixos prezos do leite en po aconsellan polo de agora minimizar a súa produción

Dairylac ultima a posta en produción da súa torre de secado de soro e leite

Novas instalacións de Dairylac en Melide, nas que se fará o secado do soro e do leite.

Dairylac, a firma participada maioritariamente pola cooperativa Aira, está a rematar o periodo de probas da torre de secado de soro e de leite coa que dotou as súas instalacións de Melide. O novo equipo entrará en produción normalizada previsiblemente a finais de xaneiro, segundo indica o director xeral de Dairylac, Iago Quintana.

A torre de secado adicarase principalmente á obtención de soro en po D70 E D90, unha gama de produto que se caracteriza pola súa maior desmineralización, mantendo unha alta concentración de proteínas, o que a fai idónea para alimentos de nutrición de infantil. “Produciremos para a industria alimentaria en conxunto e en especial para a alimentación infantil. Cando estemos en produción, seremos a única planta de España capaz de obter este tipo de produto”, explica o director xeral de Dairylac.

“Somos a única planta de España capaz de obter soro desmineralizado D70 e D90” (Iago Quintana, Dairylac)

A materia prima que usará a torre, o soro derivado da produción queixeira, será obtido de queixerías do noroeste peninsular. Nas súas actuais instalacións, Dairylac xa viña realizando concentrados de soro, polo que conta cun “volume suficiente de suministro” para comezar a operar coa torre de secado. Unha vez que a torre entre en funcionamento, a perspectiva é a de captar máis soro e concentrados de soro. “Temos unha cantidade de soro dispoñible aceptable nun radio axeitado para a factoría”, valora Quintana, que cifra os obxectivos de produción da torre a medio prazo nas 6.000 toneladas de produto final ó ano.

Dairylac tiña previsto nun principio que a posta en marcha da torre de secado de soro marchase en paralelo ó seu proxecto queixeiro, se ben a compañía polo de agora está facendo a súa produción de queixos por medio doutra empresa, logo de quedar fóra da puxa polas queixerías de Lácteos Pérez Olveira, que finalmente adquiriu a firma catalana TGT.

Quintana sitúa agora os obxectivos máis inmediatos da empresa na rendabilización da torre de secado, postergando en principio o proxecto de posta en marcha dunha queixería propia. A compañía mantén tamén nas súas actuais instalacións de Melide a fabricación de manteiga, nata e leite pasteurizado con destino tanto para supermercados como para o canal hosteleiro.

Leite en po
Nas novas instalacións que entrarán en funcionamento a comezos de ano, existe tamén a posibilidade de facer secado de leite desnatado, se ben é unha opción que, dados os baixos prezos que arrastra o leite en po nos últimos anos, Quintana considera pouco atractiva. “Se mellora o mercado de leite en po, producirémolo. En tanto continúan os prezos baixos, poderase secar leite puntualmente en fases de excedentes no mercado”, valora.

O proxecto da torre de secado iniciou en agosto a súa fase de probas, que continúan na actualidade para afinar cuestións como a eficiencia enerxética, a capacidade de produción ou a calidade do produto final. “Xa probamos e axustamos todos os equipos e entramos na parte final, na que estamos afinando o proceso de secado do leite e do soro. A idea é que a planta estea optimizada e lista para comezar a producir a finais de xaneiro ou comezos de febreiro”, sinala Iago Quintana.

Industria alimentaria
As novas instalacións de Dairylac en Melide dirixaranse principalmente ó suministro á industria alimentaria, igual que a planta que está construíndo Inleit (Goodleit) en Teixeiro (Curtis). O director xeral de Dairylac, Iago Quintana, descarta non obstante que a planta de Teixeiro poida ser unha competencia para Dairylac. “Son proxectos complementarios, xa que nós centrarémonos no secado de soro e a factoría de Curtis orientarase á obtención de ingredientes a partir da descomposición do leite, principalmente para a produción de caseínas e concentrados de proteínas”, explica.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información