Dairylac renova a súa dirección e o seu Consello de Administración

A compañía incorpora como director de Desenvolvemento de Negocio a Iago Quintana, procedente de Bioserch Life, a antiga Puleva Biotech. Un Comité de Dirección asume as funcións do ata agora conselleiro delegado, Tomás Pérez, que sae da empresa

Dairylac renova a súa dirección e o seu Consello de Administración

Dairylac conta cunhas instalacións de 10.000 metros cadrados en Melide. / Arquivo.

O Consello de Administración de Dairylac acordou renovar a dirección da compañía e dotarse dunha maior estrutura. Nunha primeira fase, o peso da xestión correu a cargo do ata agora conselleiro delegado de Dairylac, Tomás Pérez, que sae da sociedade e que será substituído por un Comité de Dirección.

No Comité de Dirección, baixo o mandato do presidente de Dairylac, Jaume Llopis, haberá cinco directivos: Iago Quintana, director de Desenvolvemento de Negocio; Gustavo Roel, director de Administración e Finanzas; José Ansoar, director de Aprovisionamentos; Juan Armengol, director de Operacións; e José Conde, director Comercial.

Destaca nese cadro a incorporación de Iago Quintana como director de Desenvolvemento de Negocio. Quintana procede de Bioserch Life (a antiga Puleva Biotech) e foi responsable da estratexia de mercado desa firma, orientada aos segmentos de nutrición infantil e de lácteos funcionais. Anteriormente, traballou con grandes multinacionais do sector lácteo, como Danone, Nestlé, Lactalis, Arla e Friesland Campina. A súa chegada asóciase en boa medida á intención de Dairylac de reutilizar os soros lácteos para producir ingredientes para as industrias alimentarias.

Iago Quintana.

Iago Quintana.

Dairylac xustifica os cambios nunha estratexia de profesionalización do equipo de xestión, tras unha primeira fase orientada ao desenvolvemento inicial do proxecto e á captación de investidores de base social. Para esa primeira fase, a compañía consideraba que a persoa axeitada para liderar a xestión era Tomás Pérez, que acumulaba unha ampla experiencia na consultoría de proxectos empresariais, aínda que agora sinala que optou por montar unha estrutura de dirección ampla, con profesionais especializados en cada área.

Renovación do Consello de Administración
Os cambios tamén chegan ao Consello de Administración da compañía, no que entra Daniel Ferreiro. Ferreiro, que é director xeneral da cooperativa Aira, accede como membro ao Consello tras formalizar Aira a adquisición do 20% das accións de Dairylac, cunha achega dun millón de euros.

Así mesmo, a Xunta Xeral de Dairylac acordou nomear como conselleiro independente a Antonio Couceiro, presidente de Norcoporate e da Cámara de Comercio da Coruña. Dairylac entende que posúe unha dilatada experiencia no ámbito da xestión pública e da empresa privada. O resto do Consello estará integrado por Jaume Llopis, como presidente; Javier Taboada (Icos), como vicepresidente; e Carlos Rey.

Proxecto de torre de secado
Na actualidade, Dairylac está a desenvolver a construción da torre de secado do leite nas instalacións que posúe en Melide (A Coruña). O proxecto supón un investimento que rolda os 12 millóns de euros e que lle permitirá á compañía procesar máis de 300.000 toneladas de leite ao ano, cando a planta estea a pleno rendemento, o que está previsto para a primavera de 2018.

Ademais, a compañía acadou un acordo con Tetra Pack como provedor de envases para a comercialización de leite pasteurizado, nas modalidades de enteiro, desnatado e semidesnatado, que se venderá coa marca Deleitar na canle horeca e retail.

Dairylac conta cun accionariado de base cooperativa conformado por Icos, Aira e Codeira nun 70%. A parte restante corresponde principalmente á Xunta, a través de XesGalicia, e a pequenos investidores.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información