Dairylac presenta a súa gama de queixos ‘Tres Viajeros’

A industria, liderada polas cooperativas Icos e Aira, lanza ao mercado un queixo Arzúa Ulloa e outro Tetilla co obxectivo de posicionalos no mercado español e exterior

Dairylac presenta a súa gama de queixos ‘Tres Viajeros’

Jaume Llopis, na súa intervención na presentación da gama de queixos Tres Viajeros.

Dairylac, a industria láctea liderada polas cooperativas Icos, Aira e Codeira, está a dar un novo paso no seu proxecto de transformación do leite. A sociedade, que xa viña comercializando produtos como leite pasteurizado, queixo crema, manteca ou nata, presentou dous queixos de Arzúa Ulloa e Tetilla cos que aspira a posicionarse en cadeas de distribución a nivel estatal e no mercado exterior.

Os novos queixos, que se comercializarán en formatos de 0,7 quilos o Arzúa Ulloa e de 0,6 o Tetilla, lánzanse ó mercado baixo a marca Tres Viajeros, un nome ideado polo publicista Ildefonso García Serena que se quere ligar ó Camiño de Santiago. A nova gama presentouse onte en Santiago, nun acto no que interviron o presidente da compañía, Jaume Llopis, e o seu director xeral, Iago Quintana. Estiveron tamén presentes a directora xeral de Gandería, Belén do Campo e o responsable do Igape, Juan Cividanes.

Quesos Tres Viajeros.

Quesos Tres Viajeros.

Na súa intervención, o presidente da compañía, Jaume Llopis, quixo poñer en valor o impulso emprendedor das cooperativas ligadas a Dairylac e tamén alabou o traballo do comité de dirección da empresa.

De cara ó futuro, iniciado xa o proxecto queixeiro, Llopis fixa as miras na última pata de transformación que lle resta a Dairylac, a da torre de secado de leite e soro, que espera que comece a funcionar a mediados do 2018. Con esa instalación, Llopis destacou que Dairylac poderá abordar un mercado clave, como o da nutrición infantil, que “está en crecemento a nivel internacional e que se multiplica por dous cada ano”.

En canto a torre de leite en po estea en funcionamento, o presidente de Dairylac anunciou a súa intención de deixar o cargo e sinalou que espera que tras a súa marcha, todo o equipo de Dairylac sexa integramente galego.

Iago Quintana.

Iago Quintana.

Cifras de Dairylac
A industria láctea, con sede en Melide, pechou o pasado ano con 7,7 millóns de euros de facturación. Para este ano, agarda chegar ós 13 millóns de euros, con 38.000 toneladas procesadas. “Estamos xa en beneficios a final de cada mes”, destacou o presidente da compañía na súa intervención.

Dairylac centrouse ata o de agora na súa planta de Melide no lanzamento de produtos para o canal hosteleiro e retail, así como no traballo en produtos industriais para outras firmas do sector lácteo. Co lanzamento da súa propia liña de queixos, aspira a chegar en breve a acordos estratéxicos con queixerías, valorando tamén posibilidades de compra.

Descartada quedou xa a adquisición das unidades produtivas de Lácteos Pérez Olveira, sobre as que o Grupo TGT ten unha posición vantaxosa tras adquirir o crédito hipotecario das instalacións.

Cómpre lembrar tamén que desde o 1 de xaneiro do 2018, o accionariado de Dairylac experimentará unha modificación formal, pois Aira comezará a funcionar como cooperativa de primeiro grao, integrando a Icos, Agris e outras cooperativas lucenses. No accionariado da industria figura tamén a Xunta de Galicia, a cooperativa Codeira e pequenos inversores.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información