Dairylac lanza novos produtos lácteos ao mercado

Dairylac, o proxecto no que se embarcaron Lasurgal, a cooperativa Icos e tamén Xesgalicia sacará nos próximos meses ao mercado queixo mascarpone e queixo crema, leite pasteurizada e nata e manteiga en novos formatos.

Dairylac lanza novos produtos lácteos ao mercado

Algúns dos novos produtos que lanza ao mercado Dairylac

Dairylac, o proxecto emprendido conxuntamente pola empresa melidense Lasurgal, as cooperativas ICOS e Codeira, e a Xunta a través de Xesgalicia, avanza na fabricación e comercialización de produtos lácteos de alto valor engadido, todos eles baixo a marca Deleitar.

Este luns o presidente do consello de administración da empresa, Jaume Llopis, e o conselleiro delegado, Tomás Gómez, presentaron na planta de Lasurgal en Melide os proxectos da empresa para os próximos meses.

Leite pasteurizada, queixo crema e mascarpone ou nata líquida, entre os novos produtos

A primeira fase pasa pola elaboración de produtos lácteos de valor engadido, especialmente para hostalería e obradoiros. Neste sentido, Dairylac cambiou a imaxe da súa manteiga cocida de vaca Deleitar. Ademais, nunha semana prevé sacar ao mercado a súa nata líquida en formatos de 1, 3 e 10 litros, e que, grazas a un proceso industrial completamente automatizado, terá maior tempo de conservación.

Ademais, para o mais de agosto Dairylac ten previsto sacar ao mercado leite pasteurizada, un segmento no que os responsables da empresa ven posibilidades de crecemento nos próximos anos. Será en envases de 1 e 10 litros. Tamén o próximo mes prevén ter á venda dous tipos de queixo: crema e mascarpone.

Jaume Llopis: Creo que presentamos unha mellor oferta que TGT por Lácteos Pérez

A segunda fase do proxecto de Dairylc pasa por desenvolver unha liña de queixos. Para iso Dairylac presentou unha oferta polas dúas queixerías de Lácteos Pérez, actualmente en concurso de acredores, en Santa Comba e O Pino. Compiten coa oferta presentada por TGT, un xigante do sector con sede en Cataluña.

A este respecto, Jaume Llopis destacou que “a oferta de Dairylac é para un proxecto galego 100%, para fabricar produtos de alto valor engadido, e trátase dun proxecto por e para os gandeiros”.
No caso de que o Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña adxudíquelles as plantas de Lácteos Pérez, Llopis avanzou que “poderiamos saír ao mercado a finais de ano”, tanto ao mercado galego como ao do resto de España. E no caso de que o comprador sexa TGT, Jaume Llopis asegurou que “seguiriamos buscando outras queixerías con opción de compra”.

Dairylac prevé empezar este ano as obras da torre de secado

A outra fase do proxecto de Dairylac é a torre de secado e deshidratado de leite e de soro para a elaboración de produtos de alimentación infantil, “un proxecto de longo alcance que nos supoñería situarnos na Champions League”, recoñeceu Llópis.

Este proxecto ten un custo estimado de 20 millóns de euros, dos que 5 millóns achegaraos a Consellería do Medio Rural a través das axudas do novo PDR. Segundo avanzou Tomás Gómez, conselleiro Delegado de Dairylac, “xa contamos cos provedores e con todos os permisos para a construción da torre nunha parcela anexa á planta de Lasurgal e esperamos a que ao longo de 2016 iniciemos os traballos”.

A planta de Lasurgal ten capacidade para procesar ao día 400.000 litros de leite e outros tantos de soro. Deste último, proveniente sobre todo de queixerías galegas, extraen a manteiga cocida de vaca, e outra parte concéntrano e véndeno a outras industrias. Do leite, Lasurgal obtén leite desnatada, nata e leite concentrado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información