Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (I): o xirasol

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ven de presentar unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Analizamos o cultivo do xirasol.

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (I): o xirasol

Campo de xirasois.

Iniciamos unha serie informativa sobre as fichas que elaborou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) sobre os cultivos alternativos para cumprir co pagamento verde que establece a PAC.

Calendario de sementeira e de seitura:

O xirasol recoméndase sementar a partir de finais de maio e ata mediados de xuño. A época de colleita é dende comezos de setembro e ata mediados de outubro.

Requirimentos de solo, emendas e fertilización:

Admite unha ampla gama de solos, se ben prefire os arxilo-areosos, profundos, permeables e ricos en materia orgánica. Débense evitar os solos demasiado pesados, salinos ou pedregosos, así como os de PH demasiado ácidos.

Dado que prefiren os solos de PH lixeiramente ácidos a neutros, sería necesario facer unha emenda caliza en función da analítica dos solos. Para as doses de encalado recoméndase consultar o díptico “a fertilización dos cultivos”.

O cultivo non é demasiado exixente en fertilización, sendo suficiente achegar en terreos de fertilidade media uns 50-80 kg de N, 30-50 de óxido de fósforo e de 90 a 120 kg de óxido de potasio por hectárea. Poden ser aportados de fondo.

Estas necesidades poden ser cubertas incorporando ao terreo uns 30-40 metros cúbicos por hectárea de xurro de vacún de calidade media antes da sementeira.

Variedades:

As variedades que se comercializan oficialmente son híbridos. A maioría delas foron desenvolvidas para a obtención de aceite, coexistindo as de tipo convencional (ricas en ácido oleico) e as de alto oleicas (ricas en oleico). No marco da mellora xenética non transxénica actualmente desenvolvéronse dous tipos de variedades tolerantes a herbicidas:

IMI ou Clearfield: son resistentes á materia activa “imazamox”, aplicado en post-emerxencia do xirasol (estado de 2 a 4 pares de follas), producindo un bo control sobre herbas de folla ancha de difícil eliminación, como o Xantium spp. e a Datura spp.

A dose aplicada é de 1 litro por hectárea de Imazamox ao 4% (Pulsar 40) + 0,1% de mollante non iónico. O principal problema que presenta o seu uso é a persistencia no solo, non podendo sementarse colza ao ano seguinte e, dependendo das precipitacións, pode ocasionar problemas no nacemento do cereal de outono. Como cultivos seguintes na alternativa, non poderá sementarse nin remolacha nin colza, debendo respectar un prazo de 4 meses para o trigo, cebada, avea e xirasol non IMI e 9 meses para a sementeira de millo e patacas.

Variedade SULFO ou Express. Son resistentes á materia activa “tibenuron metil” (Sulfonilurea), aplicado en post-emerxencia. A dose é de 35 gramos por hectárea de Tibenurón Metil ao 50% (Granstar 50 SX) + 0,1% de mollante non iónico. É menos efectivo que a tecnoloxía IMI en canto ao espectro de acción pero menos persistente.

Preparación do solo e sementeira:

Profundidade de laboreo:
Convén unha labor algo máis profunda que no millo, xa que o seu sistema radicular ten maior capacidade de exploración. Se é necesario, darase un pase de subsolador.

Sementeira:
Dado o seu curto ciclo, recoméndase sementar a finais de maio ou primeiros de xuño para ser colleitado en setembro. Sen embargo, en terreos frescos da zona atlántica poderíase facer unha sementeira máis tardía a finais de xuño, cuxo éxito dependerá de que haxa precipitacións a comezos do verán durante a xerminación e establecemento do cultivo.

A dose de sementes será de 80.000 plantas por hectárea, aproximadamente, esperando acadar 60/ 70.000 plantas de densidade final unha vez establecido o cultivo. O marco de plantación é similar ao do millo: de 70 a 80 centímetros entre liñas.

A sementeira farase con sementadora monogran con prato para xirasol, semellante ao do millo pero co diámetro do burato algo máis pequeno, de 2,5 mm.

A profundidade da sementeira virá condicionada pola temperatura, humidade e tipo de solo. En lugares con humidade suficiente a profundidade pode ser de 4 a 6 cm e con solo seco iríamos a 7-9 centímetros.

Existen diversas materias activas de herbicidas autorizadas para xirasol, tanto en pre-sementeira, como en pre-emerxencia e post-emerxencia, sendo as máis utilizadas as pertencentes ás familias da urea, e dinitroanilina e piridinona en pre-emerxencia.

No caso de empregar a variedade IMI, empregarase os seus herbicidas recomendados.

Manexo fitosanitario:

O xirasol pode ser atacado por vermes do solo, tales como o verme do alambre (Agriotes) e verme gris (Agrotis), polo que os métodos de loita serán os mesmos que no millo.

Cultivos precedentes como chícharos, xudías, liño e colza favorecen a loita contra os vermes de alambre.

As infeccións de mildiu causan máis dano nas etapas iniciais do cultivo. Existen híbridos resistentes a algunhas das razas desta enfermidade. O fungo permanece no solo sendo imposible de erradicar unha vez establecido na zona.

Nas nosas condicións climáticas non se observaron afeccións importantes por oídio, que só afectaron a follas senescentes, non supoñendo mínguas na produción.

Outras enfermidades ocasionadas por fungos que se conservan no solo e poden afectar ao xirasol son a podredume carnosa e a podredume algodonosa.

Colleita, rendemento e valor nutritivo

Os resultados dos ensaios máis recentes realizados no CIAM, mostran as vantaxes de colleitar a planta de xirasol na semana 4 a 5 tras a floración.

Na seguinte táboa resúmense os resultados do valor nutricional obtidos no CIAM en diferentes ensaios e cando a colleita se realizou no momento indicado anteriormente:

CADRO_XIRASOL_CIAM

 

Descarga aquí a ficha completa sobre o cultivo do xirasol. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información