Cultivos alternativos para o pago verde da PAC: o faballón

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou o pasado ano unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Seguimos a serie de cultivos de inverno co faballón

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC: o faballón

Campo de cultivo de faballón

O faballón é un dos cultivos alternativos para cumprir co pagamento verde que establece a PAC. Trátase dun cultivo mellorante do solo que ata agora se utilizaba sobre todo para autoconsumo para o aproveitamento do gran en verde. Sen embargo, é posible tamén ensilalo en verde como forraxe, constituíndo unha interesante fonte de proteína para a alimentación animal.
Esta é a guía de cultivo do faballón que elaborou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Época de sementeira    

O faballón (Vicia Faba) como cultivo de inverno recoméndase plantalo ao longo do mes de outubro e ata mediados de novembro, para colleitalo dende mediados de abril a finais de xuño, se é para ensilalo en verde, ou entre comezos de xullo e mediados de agosto, se é colleita para grao.

Como cultivo de primavera, pódese sementar dende finais de febreiro a mediados de marzo. Neste caso, ensilaríase en verde ao longo do mes de xuño e ata mediados de xullo, e no caso de ser para grao seco a colleita realizaríase dende mediados de xullo a finais de agosto.

Requirimentos de solo e fertilización:

Este cultivo non tolera o encharcamento, polo que se deben elixir solos sans, preferiblemente lixeiros e francos. O laboreo para obter unha cama de sementeira de granulometría pequena e homoxénea, cunha superficie nivelada para unha boa eficiencia na aplicación de herbicidas de preemerxencia, e tamén para facilitar a colleita. Adáptase a solos cun PH de entre 5,5 e 8.

Para unha produción de forraxe de entre 6 e 7 toneladas de materia seca por hectárea e solo con niveis medios de fertilidade en fósforo e potasio, recoméndase aplicar en fondo 30 kg por hectárea de N, 70 kg de P2O5 e 110 kg de k2O. O cultivo é capaz de fixar nitróxeno atmosférico, polo que non é necesario aportar nitróxeno de coberteira.

Para a aplicación de herbicidas é moi importante que o solo se atope sen restos vexetais na superficie. Materias activas de aplicación en pre-emerxencia son: Pendimetalina, Linuron e Aclonifen. Materias activas de aplicación en post-emerxencia é a Bentazona.

Elección Varietal:

A característica máis importante a ter en conta é a precocidade, para axustala ao tipo de aproveitamento (forraxe ou gran) e a data de colleita. O faballón é unha especie resistente ao encamado.

Sementeira:

É conveniente facela de maneira precisa en cantidade e profundidade para ter unha uniformidade na nascencia e implantación do cultivo. Dose de sementeira recomendada para forraxe: 40 a 50 grans por metro cadrado e de 25 grans por metro cadrado se é para colleita de gran. É moi importante ter en conta o peso de mil grans para o cálculo da dose de sementeira, xa que existe unha gran variabilidade no peso de mil grans (de 370 a 850 gramos) entre as diferentes variedades de faballóns.

Data de colleita:

A colleita para forraxe débese facer no estado de inicio de floración á aparición das primeiras vainas. A colleita para gran débese facer no estado de madurez fisiolóxica (14% de humidade en gran). Actualmente non existen datos sobre a produción de faballón para gran no CIAM. Os rangos de produción de todas as variedades de faballón avaliadas no marco do Grupo para la Evaluación de Nuevas Variedades de Cultivos Extensivos en España (Genvce), segundo a zona agroclimática, son: de 1,6 a 2,4 toneladas por hectárea en secaños semiáridos; de 2,2 a 3,4 toneladas en secaños húmidos e de 4,1 a 5,8 toneladas por hectárea en regadío.

O gran de faballón caracterízase polo seu alto contido proteico, de entre o 19 e o 27% en función da variedade, e enerxético (entre o 32 e o 42% de almidón) e baixo contido en fibra ácido deterxente (do 10 ao 15%).

Na seguinte táboa amósase o rango dos parámetros de produción e valor nutritivo observados en diferentes ensaios levados a cabo no CIAM, nos cales a forraxe de faballón foi colleitada en datas nas que o estado fenolóxico da planta foi desde inicio de floración á aparición de vainas, nunha sementeira a finais de novembro. Débese ter en conta a baixa ensilabilidade que presenta esta forraxe; é dicir, ten dificultade para ensilar correctamente debido aos baixos contidos en materia seca, polo que se recomenda realizar un presecado para incrementar os niveis de materia seca ata un valor mínimo do 25-30%, que serán suficientes cun período de presecado de entre 24 e 48 horas con condicións meteorolóxicas favorables. Para isto, é necesario planificar adecuadamente as tarefas de ensilado, prestando especial atención ás condicións climáticas.

favallon_cadro

Descarga aquí a guía de cultiva do faballón elaborada polo CIAM

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información