Cultivos alternativos para o pago verde da PAC : a colza

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou este ano unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Seguimos a serie de cultivos de inverno coa colza

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC : a colza

Campo de cultivo de colza no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

A colza é un dos cultivos en expansión en Europa xa que, está desprazando á soia como fonte de proteína para alimentación animal. O seu cultivo en Galicia tense ensaiado con éxito polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e os requerimentos do pago verde da PAC abren unha oportunidade para este cultivo.

Requerimentos edafoclimáticos e fertilización:

A colza é unha planta herbáca anual da familia das crucíferas, que pode empregarse como forraxe dun único corte destinado a ensilar ou para a produción de gran.

Este cultivo non soporte temperaturas inferiores a -2 graos desde a súa nascencia ata o estado de catro follas, podendo resistir despois temperaturas de ata -10 graos en estado de roseta. As baixas temperaturas e os días curtos retrasan a súa maduración. Durante a floración non conveñen as temperaturas altas para que non se acorte o ciclo e se produza mellor formación do gran.

Pódese cultivar en calquera tipo de solo con Ph de 5,5 a 8, descartando os que encharcan ou os que forman costra impedindo a nascencia. A súa raíz pivotante prefire solos profundos e con boa drenaxe.

En canto á fertilización, responde ben aos aportes de fertilizantes orgánicos como o xurro. Para unha produción de 3.000 kilogramos de semente por hectárea e solos cun nivel de fertilidade medio, pódese seguir o seguinte plan de abonado: en fondo 30 kg/ha de N, 75 kg/ha de P205 E 75 kg/ha de K20. En coberteira, achegar 100 kg de nitróxeno por hectárea ao inicio da formación dos talos. No período de maior consumo de nutrientes (dende o inicio da formación dos talos ata a floración e maduración do froito), o aporte debe estar garantido. A colza é un cultivo esixente en xofre, e deben aportarse entre 50 e 60 kg de xofre por hectárea, polo que se recomenda utilizar superfosfatos que leven este nutriente na súa composición.

Control de malas herbas:

Debido a que a colza acada unha gran altura, de 65 a 90 centímetros, afoga moitas malas herbas e axuda ao seu control. Nas experiencias realizadas no CIAM ata a data non se utilizaron herbicidas para este cultivo. Sen embargo, sementeiras pouco densas ou mal establecidas poden requirir o emprego de herbicidas. As materias activas Metazacloro en preemerxencia e Propizamida en postemerxencia controlan especies gramíneas e de folla ancha.

Variedades e sementeira

Existen dous tipos de variedades de colza: variedades de inverno e de primavera, diferenciándose polo seu período de vernalización (horas de frío necesarias para florecer). A sementeira de outono deberase facer o máis cedo posible, preferentemente no mes de setembro, para que a colza alcance o estado de roseta (6 a 8 follas verdadeiras) antes de que cheguen as xeadas do inverno.

As sementes de colza son pequenas, o seu tamaño oscila entre 1,5 e 2 milímetros, polo que 1.000 sementes pesan de 4,5 a 5,5 gramos. Pódese empregar a mesma sementadora de cereal, xa sexa a convencional ou en sementeira directa. As sementadoras neumáticas van facer unha sementeira precisa en canto a dose e profundidade, mentres que as de chorrillo precisan unhas doses maiores. A profundidade recomendada é de 1 centímetro e a separación entre liñas de sementeira pode ser entre 24 e 40 centímetros. A dose de sementeira para a produción de gran é de 10 kilos por hectárea.

As labores de preparación do leito de sementeira son similares ás levadas a cabo para os cereais.

Colleita:

A colleita do gran é unha das operacións do cultivo que require máis atención, xa que as silicuas (onde se albergan as sementes) tenden a abrirse e pódense reducir considerablemente os rendementos se non se realiza nas mellores condicións e datas.

O momento óptimo de colleita debe realizarse cando os grans das silicuas centrais da pranta cambian a súa cor de verde a negro azulado, debido á redución do contido de humidade, oscilando entre o 9 e o 14%. Adiantar a colleita antes dese estado faría que moitas silicuas non desgranasen e unha colleita posterior faríanos perder gran parte do gran ao caer ao chan. A máquina de colleitar é a mesma que se emprega nos cereais, pero modificando os seguintes elementos:

-A velocidade do molinete debe ser menor ou igual que a velocidade de avance para que non se golpeen excesivamente as silicuas antes de entrar na máquina.

-A aproximación entre o cilindro e o cóncavo debe ser de 1 a 1,5 milímetros para que non pasen silicuas sen desgranarse.

-O caudal de aire tamén deberá regularse ao mínimo para evitar a expulsión da semente pola parte traseira da máquina.

Manexo fitosanitario, enfermidades e pragas

Aínda que nos ensaios realizados en Mabegondo e na Pobra do Brollón non se detectaron pragas e enfermidades salientables neste cultivo, podería sufrir danos polas enfermidades habituais en Galicia noutras crucíferas, como son:

Mancha negra da colza (Alternataria sp.): Recoméndase destruír os restos de cultivos anteriores, utilizar alternativas que distancien crucíferas susceptibles, eliminar crucíferas espontáneas que poidan servir de hóspede e utilizar variedades resistentes.

Pé negro da colza (Phoma lingam): A rotación do cultivo cando menos cada tres anos é esencial. Tamén é conveniente que non queden restos do cultivo na superficie do chan.

Hernia da col (Plasmodiophora brassicae)
Gurgullos: Son posibles os ataques do gurgullo do talo, o gurgullo da xema terminal e do gurgullo das silicuas.

Falsa potra (Ceurthorrrhynchus pleurostigma): As larvas viven nas raíces e ocasionan nódulos semellantes aos da potra. Para o control é importante a rotación e a destrución dos nódulos.

Pulguillas: A pulguilla da colza e a da col pódense tratar con deltrametrin.

Rendemento e valor nutritivo:

As experiencias realizadas no CIAM co cultivo de colza foron para a produción de grao. Como media do rendemento de 16 variedades de inverno na localidade de Mabegondo obtivéronse 4 toneladas por hectárea e na Pobra de Brollón unha media de 2,2 toneladas. A composición media da semente de colza procedente dos ensaios do CIAM expresada en porcentaxe sobre a materia seca é como segue: materia orgánica (95,5-96,6%), proteína bruta 14,1 a 19,9%, fibra ácido deterxente 17,1 a 28,5%, fibra neutro deterxente 18,4 a 34,5% e extracto etéreo de 41 a 51%.

A planta de colza pódese tamén ensilar para forraxe en calquera momento do seu ciclo, preferentemente tras a floración. O seu elevado contido en humidade e as dificultades para o presecado, aconsellan o uso de conservantes tipo ácido fórmico, para garantir unha boa fermentación.

Como valores medios da composición e valor nutricional da colza en tres estados fenolóxicos, pódense tomar os da seguinte táboa do INRA francés:

colza_taboa

Descarga aquí a ficha de cultivo elaborada polo CIAM

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información