Cronometrar o muxido, sen présas pero sen pausa

Coñecemos as melloras que experimentou o rabaño de Sat Seixas (Taboada, Lugo) tras o establecemento dunha rutina pautada e constante á hora de muxir. A explotación presentou os resultados nas xornadas de Seragro

Cronometrar o muxido, sen présas pero sen pausa

Manuel Arias, á esquerda, e Francisco Sesto, á dereita, na presentación do caso de Sat Seixas nas xornadas de Seragro. / Imaxe: Seragro.

Sat Seixas (Taboada, Lugo) formouse no 2005 a partir de tres ganderías familiares que sumaban daquela unhas 80 vacas. Coa creación da Sat, construíuse unha nave para vacas en lactación e secas e equipouse unha sala de muxido de 10×2 puntos. A explotación, que ten na actualidade arredor de 200 vacas en muxidura, presentaba a finais do 2011 unha serie de problemas que se correxiron con cambios na rutina á hora de muxir.

A situación na granxa hai cinco anos era a que segue. Había un 39% de vacas que sofrían lesións nos esfínteres dos pezóns e un 27% que tiñan que ser pinchadas con oxitocina, unha hormona que estimula a saída do leite. Facíanse 2 muxiduras ó día, pero cada unha duraba 4 horas, co cal animais e persoal acumulaban falta de descanso.

Hai 5 anos, o 39% das vacas tiñan lesións nos esfínteres dos pezóns. Na actualidade son menos do 1%

Como se mellorou este panorama? Un dos gandeiros de Sat Seixas, Manual Arias, e o veterinario Francisco Sesto explicaron recentemente nas xornadas de Seragro, en Lugo, os cambios que decidiron introducir e os resultados acadados.

A orixe dos problemas non estaba nin na alimentación, que era correcta, nin no establo, onde os animais tiñan espazo suficiente nas camas e nas cornadizas, nin na sala de muxido. Examinando a rutina de muxido, víuse que non todos os traballadores funcionaban igual e dun xeito constante e decidiuse establecer unhas pautas.

Pautas e constancia
Os obxectivos consistían en axilizar o traballo, de cara a aumentar o confort do rabaño, en eliminar o uso de oxitocina, que alongaba os labores e provocaba estrés nos animais, e en mellorar o estado dos esfínteres. Ao acadar esas metas, agardábase tamén unha redución dos casos de mamite. Pasouse tamén daquela, por temas económicos, a facer tres muxidos ó día en lugar de dous.

En abril do 2012, pasou a ser responsable do muxido unha persoa contratada. A rutina que se seguía á hora de muxir, con dous traballadores por turno, continuou igual, pero buscouse unha maior constancia na súa aplicación. A secuencia de traballo pasaba por predipping, limpeza de pezóns e eliminación de chorros, colocación de pezoneras, retirada e sellado.

Os traballadores facían a mesma rutina pero cunha duración distinta. Para solucionalo, incorporouse un protocolo con cronómetro

Os resultados non tardaron en notarse. En setembro dese ano, os animais con problemas de esfínteres baixaran á metade, pasando dun 39% a un 20% do rabaño, e as inxeccións de oxitocina reducíranse tamén en máis da metade, pasando dun 27 a un 12%.

En novembro do 2014, data en que un propietario pasou a ser responsable do muxido, os problemas de esfínteres estaban nun 5% e as inxeccións de oxitocina nun 15%. A situación era considerablemente mellor que a inicial, pero observouse de novo o traballo e o comportamento dos animais para valorar posibilidades de seguir mellorando.

Unha das conclusións foi que cada traballador facía a mesma rutina cunha duración distinta. Como solucionalo? Establecendo unha rutina con tempos medios pautados, non para apurar no muxido senón para que fose sempre igual.

Introdución do cronómetro
Os traballadores comezaron a operar en febreiro do 2015 cun cronómetro colgado do pescozo. Unha das claves do muxido son os tempos de espera. A estimulación táctil á hora de limpar os pezóns, no inicio da secuencia de traballo, provoca no animal unha liberación de oxitocina que acada o seu pico arredor de minuto e medio despois da preparación. Para evitar que ese pico decrecese e deixase de facer a súa función, decidiuse que a colocación das pezoneras debía facerse nun máximo de 2 minutos despois da limpeza e eliminación de chorros.

No 2013, a granxa tivo 77 casos de mamite clínica tratada. Este ano, ata novembro, foron só 7

Os resultados foron claros. En agosto do 2015 deixáronse de utilizar na granxa as inxeccións de oxitocina. Daquela os danos en esfínteres situábanse no 4% dos animais e na actualidade xa están por debaixo do 1%.

Logros
O uso do cronómetro pautou os tempos na rutina de muxido e contribuíu a aumentar a concentración dos traballadores e a súa eficiencia. “Antes de cada 10 voltas que se daban só valía unha”, comparou Manual Arias na presentación.

A calidade do traballo mellorou, o tempo de muxido por turno reduciuse en dúas horas e a saúde da ubre evolucionou tamén de xeito positivo. Se no 2013, a granxa tivo 77 casos de mamite clínica tratada, no 2016, ata comezos de novembro, foran só 7 os casos. A granxa ademais percibe a prima dobre A, pois o seu reconto de células somáticas en leite sitúase por baixo das 200.000.

Na actualidade, a Sat Seixas está a dividir o rabaño en tres lotes de 75-80 animais para ir ó muxido, cun tempo de traballo máximo de 45 minutos por lote. Como cuestións fundamentais a ter en conta, a granxa e o técnico que a asesora destacaron a importancia de operar en conxunto, de escoitarse mutuamente e de contar cun equipo de traballo motivado e implicado. “Non hai vaca dura, facémola nós por un mal manexo”, concluíron.

Máis información
Presentación de Sat Seixas durante as xornadas de Seragro (Pdf)

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información