Críticas ó informe de Competencia que cuestiona o etiquetado en orixe do leite

Unións Agrarias advirte de que o organismo mantén unha liña de decisións contraria a unha maior transparencia na cadea láctea

Críticas ó informe de Competencia que cuestiona o etiquetado en orixe do leite

A Comisión Nacional de Competencia vén de emitir o seu informe sobre o decreto que obrigará a indicar a orixe do leite no etiquetado. Competencia admite que a indicación da procedencia xeográfica do leite pode ser “relevante para o consumidor”, pero di temer que poida ter un “efecto proteccionista da industria nacional”, (…) “constituíndo unha restricción á libre circulación de mercancías (entre países)”.

A postura de Competencia enfada ó sector gandeiro, que percibe que o organismo mantén unha liña contraria a unha maior transparencia na cadea de valor do leite. Nesa liña, Unións Agrarias pídelle ó Ministerio que faga oídos xordos ó informe de Competencia.

Para a organización agraria, “cada día faise mais necesario unha revisión da composición e funcións dun órgano político dependente do Ministerio de Economía, como é a Comisión Nacional de Competencia, que chega a xustificar as prácticas de venda a perdas por parte das grandes superficies, que tan perxudiciais son para os gandeiros, e por outra parte sente preocupación polas consecuencias das decisións que poidan tomar os consumidores unha vez informados da orixe do leite”.

Cómpre lembrar que Competencia xa se pronunciara en contra do decreto que obrigou ás industrias a informar ó Ministerio do prezo de venda do seu leite ás cadeas de supermercados. Daquela, o Ministerio sacara adiante o decreto a pesar do informe contrario de Competencia.

Normativa en Europa

O sector agarda que Agricultura aprobe nas próximas semanas o novo decreto que obrigará a indicar a orixe no etiquetado do leite. Unións lembra que unha normativa similar xa está operativa noutros países europeos, como Francia, Portugal, Italia, Finlandia, Lituania ou Grecia. A organización agraria sinala ademais que unha enquisa do Ministerio de Agricultura revela que o 90% dos consumidores españois quere saber a orixe do leite que mercan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información