Critican que o Ministerio “garde nun caixón” a etiquetaxe dos lácteos

Critican que o Ministerio “garde nun caixón” a etiquetaxe dos lácteos

A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA), representada en Galicia por Unións Agrarias, declarou que “non entende que esconde o Ministerio ao tardar tanto en publicar a regulación da etiquetaxe do leite e os produtos lácteos”.

UPA explicou que é “absurdo” cando hai “un importante consenso” de todo o sector sobre a necesidade dunha etiquetaxe de orixe dos lácteos: “está de acordo todo o sector, incluída a Interprofesional Láctea, as asociacións de distribución e mesmo moitas empresas de distribución individuais”, aseguran.

As enquisas demostraron que os consumidores demandan máis información e están interesados especialmente en coñecer a orixe do leite e dos produtos lácteos. En Galicia, unha recente enquisa realizada pola Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal), en colaboración co Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias, revelou que o 97% dos consumidores reclama que sexa obrigatorio indicar o país de orixe do leite.

Etiquetar a orixe do leite non repercutirá no prezo ao consumidor

Así mesmo, UPA afirma que, segundo as fontes que manexan, “a distribución xa ten identificado a orixe de máis do 60% do leite producido en volume”. Para a organización, “isto significa que xa temos moito percorrido e por iso é difícil de entender a demora na publicación da normativa de orixe”. Unha normativa que, ademais, xa se implementou en países veciños e competidores como Francia, Italia ou Portugal.

UPA resalta que etiquetar a orixe do leite e dos produtos lácteos non repercutirá no prezo dos mesmos. “Esta información non suporá en ningún caso un incremento do custo dos produtos, simplemente será un incremento da información”, recalcan os gandeiros.

Por iso, confía en que “o Ministerio reaccione” e publique “inminentemente” o Real Decreto para que entre en vigor “de maneira inmediata” e, así, corrixir “o desamparo que sofren os consumidores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información