Critican que a Xunta “toma a cachondeo” os destrozos dos xabaríns nos cultivos

Critican que a Xunta “toma a cachondeo” os destrozos dos xabaríns nos cultivos

Os xabaríns levantaron o millo en boa parte das leiras

Unións Agrarias denuncia que mandas de xabaríns están a estragar as fincas de millo na comarca do Deza, unha problemática que tamén afecta ás comarcas de Tabeirós e Terra de Montes.

O último ataque produciuse esta semana en Castro de Cabras, no concello de Lalín, onde os xabaríns arrasaron varias hectáreas de millo. Rubén Reboredo foi un dos gandeiros máis afectados e dáse a circunstancia de que é a terceira vez que os xabaríns estragan a finca. “Este ano xa sementei pouco, unhas 6 hectáreas, e os xabaríns levantaron o millo en 1,5 hectáreas e estragaron o resto”, asegura.

Para este gandeiro, titular dunha explotación de vacún de leite con 45 vacas en muxido, “o problema non é só a perda económica directa, “xa que cada bolsa de millo vale 80 euros e sementalo anda a 60 euros a hora, co que perdín máis de 400 euros por hectárea só en gastos en sementeira, senón tamén a importante baixada dos rendementos á hora de recollelo”. Rubén afirma “aínda que levamos anos padecendo os ataques dos xabaríns nos nosos cultivos, ultimamente a súa poboación medrou de xeito descontrolado e os danos nos cultivos son enormes, e aínda nos quedan os ataques cando empeza a madurar a espiga”.

Unións Agrarias exíxelle á Xunta que declare o xabarín como unha praga na zona e pague as indemnizacións

Ante esta situación, o secretario de Gandería de UPA-Unións Agrarias, Román Santalla pídelle á Xunta de Galicia “que declare o xabarín nesta comarca como praga para darlle solución a este problema que arruína aos agricultores ao botarlle a perder as forraxes para alimentar ao gando”.

Ademais, o representante de UUAA esíxelle á Xunta que “valore e pague os danos de forma urxente a fin de poder facer fronte á manutención das vacas” e advirte de que “todo o problema ven de que a Conselleria de Medioambiente toma a cachondeo un problema gravísimo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información