Crise do sector lácteo: España pregunta, Francia actúa

O ministerio preguntará a Bruxelas e a Competencia se se pode aplicar o acordo do sector lácteo francés. As organizacións agrarias mostran a súa decepción pola falta de avances. A Xunta suxire que o acordo francés vai en contra da competencia.

Crise do sector lácteo: España pregunta, Francia actúa

Reunión de hoxe en Madrid. Autor: UPA

O Ministerio de Agricultura preguntará a Bruxelas e á Comisión Nacional da Competencia se o acordo alcanzado en Francia para subir o prezo do leite aos gandeiros é legal e se é posible aplicalo en España.

Así anunciouno esta mañá o secretario xeral de Agricultura e Alimentación do Ministerio, Carlos Cabanas, á saída da terceira reunión que se celebra este verán para buscar unha solución á crise de prezos que sofren os produtores de leite, unha situación que afecta especialmente a Galicia.

En concreto, Carlos Cabanas informou a saída da reunión -na que estiveron presentes industria, produtores e, por primeira vez, representantes da distribución- que o Ministerio trasladou a proposta francesa, que inclúe unha suba progresiva dos prezos en orixe ata os 34 céntimos por litro, tanto á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) “para saber se se pode aplicar en España”. Ademais, pedirá un informe á Comisión Europea de Competencia para comprobar se se axusta á normativa da UE que impide pactar prezos.

As organizacións agrarias galegas coinciden en criticar a falta de iniciativa do Goberno español e consideran que non houbo avances para dar solucións a curto prazo para as explotacións en peor situación, aínda que comparten as medidas propostas a medio prazo polo MAGRAMA.

Unións Agrarias: “Cando conteste Bruxelas xa moitas explotacións terán pechado”

Así, o secretario de Gandaría de Unións Agrarias – UPA, Román Santalla lamenta que “non” houbo avances no que consideramos máis urxente: recuperar os prezos do leite en orixe e inxectar liquidez nas explotacións”.

Respecto ao primeiro, Santalla advertiu que “se en Francia se pode aquí tamén, non se lle pode pedir primeiro permiso a Bruxelas porque Francia e Alemaña claro que van dicir que non en interese propio e mentres tanto os seus gandeiros van estar competir connosco en mellores condicións”. Neste sentido, pediu o Ministerio que impulse en España un acordo similar “porque con recordarlle a Bruxelas que xa perdemos o 85% das explotacións lácteas e que en moitas bisbarras rurais o vacún de leite é a única actividade económica xa estaría máis que xustificado”.

En canto á inxección de liquidez nas explotacións en dificultades, o representante de UUAA pediu ao Ministerio que “concrete medidas realmente efectivas como unha moratoria dos préstamos das explotacións lácteas durante un ano, a condonación dos intereses ou axudas para a alimentación do gando para paliar a seca, entre outras”.

Sindicato Labrego: “Este goberno pide permiso para todo, outros actúan”

Pola súa banda, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego(SLG), Isabel Vilalba, lamentou que “o Goberno vaia seguir consultando, se está ben o acordo con Francia, se pode facer intervención para retirar produtos lácteos…mentras que os outros países actúan”.

Vilalba cualificou de “frustrante” a actuación do Ministerio “pois parece estar a enredar para que o tempo pase e, mentres tanto, as explotacións lácteas sigan pechando”.

Ademais, criticou “os reparos do Ministerio a adoptar o acordo de Francia porque poida incumprir as normas de competencia, cando non teñen ningún problema a ir da man coas grandes empresas para axudarlles a conseguir mercados noutros países,”.

ASAJA Galicia: “O Goberno ten que actuar contra os contratos lixo”

Pola súa banda, o secretario xeral de ASAJA-Galicia, Francisco Bello, considera “positivo que nos sentemos a dialogar todas as partes”, aínda que bota en falta por parte do Ministerio “concreción das medidas para paliar esta situación”.

Neste sentido, insistiu en que a AICA actúe contra os contratos lixo no sector lácteo “que sobre todo se dan por parte dos primeiros compradores, máis que por parte da industria, e mesmo por parte dalgunha cooperativa”.

Francisco Bello recordou que “os prezos en xullo están a ser anormalmente baixos, por un exceso de oferta e unha caída do consumo interno” polo que considerou necesario que os gandeiros “adapten a produción ao que nos compra a industria para evitar caídas de prezos”.

Sobre o acordo de Francia, o responsable de ASAJA-Galicia pediu que “se non é ilegal, que se aplique tamén en España, porque pola contra estaremos a padecer unha competencia desleal das produtores lácteos franceses”.
Por outra parte, segundo fontes presentes na reunión os representantes da distribución e da industria acusáronse mutuamente de quedarse cun parte importante das marxes a custa dos produtores.

Próxima reunión o 18 agosto

As partes presentes na reunión citáronse para un novo encontro en Madrid o próximo 18 de agosto. Unhas semanas despois, o 7 de setembro, celebrarase, a petición de Francia, unha reunión extraordinaria dos ministros de agricultura da UE para analizar a crise do sector lácteo.

Mintas tanto, para este mes de agosto están previstas unha serie de mobilizacións en Galicia organizadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego.

A Consellería do Medio Rural suxire que o acordo de Francia vai en contra das normas de competencia

Por outra parte, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, tamén se pronunciou esta mañá sobre o acordo francés e asegurou que “nunca imos meter ao sector nunha loita co Tribunal da Competencia, que recentemente impuxo unha sanción de 82 millóns ás industrias lácteas por pactar prezos,”.

Neste sentido, advertiu de que “de pouco importa pactar prezos que van en contra da libre competencia e do libre mercado”. “Na UE somos 28 estados e non vale que uns estean cunhas normas distintas ás do resto”, advertiu.

Rosa Quintana destacou que o novo PDR de Galicia -pendente aínda da aprobación de Bruxelas- contempla 500 millóns de euros en axudas para o sector lácteo galego. Recoñeceu que “o momento é complicado” para os gandeiros pero asegurou que “as mobilizacións e manifestacións non lle achegan nada bo ao sector, e se a aposta pola I+D e por apostar por produtos lácteos de maior valor engadido”.

image_print

Una idea sobre “Crise do sector lácteo: España pregunta, Francia actúa

  1. Fernando

    Preguntou se se pode utilizar axudas europeas para apagar lumes en vez de para facer prevención? Preguntou o goberno a EUROPA se podía dar a indemnizacion do Castor a Florentino? preguntou cando puxo o imposto a enerxía eléctrica solar? Xa se ve o que lle interesa a este goberno os gandeiros.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información