Crise da manteiga en Francia polo bloqueo de prezos dos supermercados

A escasez do produto, unida á falta de acordo entre industrias e distribución, provoca a caída das existencias de manteiga nas tendas. O Goberno galo confía en que a tensión do mercado remate nuns meses

Crise da manteiga en Francia polo bloqueo de prezos dos supermercados

A manteiga chegou a encarecerse máis dun 50% no que vai de ano.

Os supermercados franceses están a quedarse sen existencias de manteiga suficientes para atender á demanda dos consumidores. O problema vén derivado en parte da escasez do produto no mercado, unha situación da que xa advertira en xullo o Observatorio do Mercado Lácteo da UE, que vaticinara que se chegaría a final de ano cun déficit en Europa de 60.000 toneladas de manteiga. Outro dos factores da crise deriva do desacordo entre industrias e cadeas de supermercados.

O progresivo ascenso do prezo da manteiga en Europa, que pasou dos 4,30 euros / quilo de comezos de ano ós 6,50 que acadou en setembro, fala da alta demanda que está a experimentar o produto no mercado a nivel mundial. En Francia, as cooperativas e as industrias quéixanse de que ese ascenso de prezos non o puideron trasladar ós supermercados na mesma medida, o que levou a que cooperativas transformadoras e industrias estean máis interesadas en canalizar a manteiga noutros canais ou en elaborar outros produtos, como os queixos.

Os supermercados alemáns encareceron a manteiga un 52% no que vai de ano. Os franceses só un 6%

Se a manteiga subiu no mercado industrial máis dun 50% entre xaneiro e setembro, os supermercados franceses só elevaron o produto no que vai de ano un 6%, segundo os datos do xornal Le Figaro. Os supermercados doutros países grandes consumidores de manteiga, como Alemania, subiron por contra os seus prezos un 52% no que vai de ano, segundo informa o xornal galo.

Ante esta situación, o Goberno francés propuxo a activación do mediador de relacións comerciais entre industrias e cadeas de distribución. O obxectivo é acordar aumentos de prezo da manteiga no supermercado que incentiven o seu suministro por parte das industrias.

Situación de mercado na UE
Durante os primeiros oitos meses do ano, a produción de leite na UE é máis ou menos idéntica á do mesmo periodo do pasado ano. Sen embargo, a produción de manteiga caeu un 4,8% no mesmo periodo. A explicación hai que buscala en que a produción combinada de queixo e soro resulta máis atractiva para as industrias que a de manteiga e leite en po, pois o leite en po atópase en valores moi baixos, segundo a análise do Observatorio do Mercado Lácteo da UE.

O Goberno francés calcula que a tensión sobre o mercado da manteiga manterase ata fin de ano, pero espera que o problema se solucione en breve, toda vez que a produción láctea está en ascenso na UE e que os prezos da manteiga presentan baixadas ao longo do último mes. Fronte ós 6,50 euros / quilo de hai un mes, a manteiga cotiza agora en Europa a 5,86 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información