Crave Brohters Farm: Unha granxa de Estados Unidos que aposta por dar valor ao seu leite

Esta granxa de Wisconsin transforma en mozzarela boa parte do leite que producen as súas 2.200 vacas e aposta polo biogás como fonte de enerxía. Este caso de éxito púxose como exemplo na última The Alltech Ideas Conference (ONE19), celebrada o pasado mes en Kentucky

Crave Brohters Farm: Unha granxa de Estados Unidos que aposta por dar valor ao seu leite

Imaxe xeral da granxa e da queixería

Crave Brothers Farmstead Cheese é unha das granxas de vacún de leite de referencia en Estados Unidos pola súa aposta por darlle un valor engadido ao seu leite a través da transformación en queixo e tamén pola sustentabilidade.

Este caso de éxito empresarial foi posto como exemplo no ONE19, a conferencia anual da multinacional norteamericana, que entre o 17 e o 19 do pasado mes de maio reuniu en Lexington, (Kentucky, Estados Unidos) a unhas 3.500 persoas de case 70 países.

Esta granxa, situada en Waterloo, no estado de Wisconsin, un dos que concentra máis cabana de vacún de leite do país, conta na actualidade cun rabaño de algo máis de 2.200 vacas de raza Holstein, das que unhas 1.500 son vacas en muxido. Contan cunha base territorial dunhas 1.000 hectáreas nunha das mellores zonas de cultivo do país, o que lles permite ser practicamente autosuficientes na produción de forraxes (millo, alfalfa) e de cereais e leguminosas (soia e millo en gran). Compran principalmente palla e algo de silo de millo aos seus veciños.

As súas vacas alcanzan unha media de 12.491 litros de leite por lactación e en tres muxidos, cunha media de preto do 4% de graxa e ao redor do 3,3% de proteína. A media de partos é de 3 por vaca e a taxa de reposición rolda o 30%.

Crave Brothers Farm, fundada en 1978, é unha explotación familiar que presume diso e de contar no equipo con catro xeracións. Foi fundada e é propiedade dos irmáns Crave, que quixeron cumprir o soño do seu pai de ter a súa propia granxa. Charles Crave ocúpase da nutrición e da administración; Thomas da produción agrícola e de mantemento; Mark é o máximo responsable do gando e a xestión do persoal e George Crave é o director da queixería, un innovador proxecto que puxeron en marcha o ano 2001 e que, xunto coa granxa, dá traballo nada menos que a 90 persoas (40 na gandaría e unhas 50 na queixería). Os seus fillos, a segunda xeración, tamén se incorporaron a Crave Brothers Farm.

“Comezamos no ano 1978 cando creamos unha sociedade eu e os meus tres irmáns xunto a un ex profesor meu de Industrias Lácteas da Universidade de Wisconsin e decidimos alugar esta granxa e as terras. Comezamos con 57 vacas e 65 hectáreas. Eu entón acababa de estudar gandaría na universidade, contaba só con 22 anos e metinme neste proxecto”, explica Charles.

Grazas ao capital humano co que contaba, esta gandaría foi entón pioneira en Estados Unidos na utilización do carro mesturador, no ensilado do millo ou en mellora xenética da raza Holstein.

Os seguintes anos foron de crecemento continuo e compraron a parte das accións do seu profesor. Dous anos despois de empezar, en 1980 compraron 90 hectáreas en Waterloo e construíron un establo para 90 vacas en muxido e a partir de aí a granxa foi medrando até as 2.500 vacas con que contan na actualidade.

Outro momento clave foi no ano 2001, cando se embarcaron nun proxecto totalmente innovador nas granxas de Estados Unidos: Pór en marcha a súa propia queixería para darlle valor engaido ao seu propio leite.

Aposta por elaborar mozzarela, un produto en auxe en Estados Unidos

“Para elaborar queixo hai que estudar moi ben o mercado e saber onde o vas vender. No noso caso vimos que a mozzarela era un produto que tiña e ía ter unha crecente demanda en Estados Unidos -sobre todo para a elaboración de pizzas- e contactamos cun gran operador que se comprometeu a comprarnos a produción”, explica Charles.

Hoxe en día, conseguen transformar na súa queixería algo máis do 50% da súa produción de leite, mentres que a restante véndena á industria láctea, a un prezo que este gandeiro afirma que “máis ou menos está igual que en Europa, porque o sector lácteo hoxe está globalizado”.

O leite é bombeado desde a sala de muxido á queixería a través dunha tubaxe de aceiro enterrada de 300 metros de lonxitude. Unha vez pasteurizado, o leite transfórmase en queixo -elaboran uns 3.500 quilos de queixo ao día- , principalmente mozzarela, que absorbe até o 80% da produción, e o resto mascarpone e outras variedades de queixos.

“O noso queixo non compite en prezo coas grandes industrias, competimos en calidade do produto. Contamos cunha sala de cata para 55 persoas e recibimos frecuentes visitas tanto á nosa queixería como á granxa. Que estas persoas leven un recordo agradable desta experiencia é nosa mellor publicidade”, recoñece Charles.

Benestar animal e regularidade no manexo

Un dos aspectos que máis coidan en Crave Brothers Farmstead Cheese é o benestar animal, e especialmente as medidas para combater o estrés por calor, pois en Wisconsin os termómetros pasan dos case 40 graos no verán cunha alta porcentaxe de humidade a menos 30 graos no inverno. Neste sentido, o establo conta cun potente equipo de ventiladores, aspersores de auga, chapa illante no tellado, e nos meses de verán, primavera e outono sacan as xovencas a pacer.

“O benestar animal e a consistencia tanto na alimentación como no muxido ou na recría son moi importantes para a rendibilidade dunha gandaría de vacún de leite”, subliña este granxeiro.

Dedicando boa parte da súa produción á elaboración de queixo, ¿Por que non se decantaron por outras razas como o Jersey? “Estudámolo cun especialista e aínda que é certo que a Jersey produce máis porcentaxe de sólidos por leite, a Holstein ten maior produción de sólidos en total e é moi competitiva”, recoñece Charles Crave.

Do mesmo xeito que en Europa, un dos grandes retos aos que se enfronta esta e outras granxas en Estados Unidos é a falta de man de obra. “Neste momento é un grave problema atopar man de obra cualificada. Nós fomos dos primeiros en Wisconsin en contratar a traballadores hispanos e procuramos que se sintan ben para que queiran formar parte do noso equipo durante moitos anos. Así, ás mulleres dámoslles máis flexibilidade horaria para que poidan conciliar coa súa vida familiar”, explica Charles Carver.

De cara ao futuro, en Crave Brothers Farmstead Cheese o seu obxectivo é mellorar a eficiencia máis que aumentar o rabaño, criando soamente aquelas vacas máis rendibles e que necesitan. “A nosa meta é incrementar as nosas vendas de queixo e ter as fincas cada vez máis preto do estabalo para reducir os custos de produción de forraxes e cereais”, avanza este gandeiro.

¿E cal é a clave do éxito desta granxa que Charles Carver lles contou aos 3.500 asistentes do ONE19?: “A nosa foi unha travesía de decisións correctas e de esforzo de toda a familia”, subliña.

Así traballan en Crave Brothers Farmstead Cheese:

Planta de biogás

Dentro da súa estratexia por ser unha granxa cada vez máis sustentable, no ano 2006 esta explotación puxo en marcha unha planta de biogás, un investimento pioneiro e arriscado no seu momento pero que nunha granxa como esta revelouse altamente rendible co tempo.

Así, nun enorme biodixestor extráese o metano do xurro. Este gas pasa a unha minicentral onde é queimado para producir electricidade, que cobre as necesidades da granxa, da queixería e dunhas 300 casas á redonda.

A parte sólida ou dixestato, unha vez libre de bacterias e outros patóxenos, é reutilizada para a cama das vacas, evitando a compra doutros materiais como area ou serraduras; e unha vez compostado é empregado como abono nos campos. Pola súa banda, a fracción líquida tamén a empregan como fertilizante para os cultivos da granxa. “Apostamos pola economía circular e porque a nosa gandaría sexa sustentable para que poidan seguir traballando as próximas xeracións”, asegura Charles Carver.

Premios como mellores gandeiros de Estados Unidos

Crave Brothers Dairy Farm gañou numerosos premios, incluído o premio Dairy Farm Family of the Year (Familia gandeira de vacún de leite do ano) en 1993. Obtiveron o segundo lugar a nivel nacional no Concurso Best Managed Farms (Mellor granxa xestionada) de Farm Progress Magazine en 1999. E a World Dairy Expo recoñeceu a Crave Brothers como 2008 Dairymen of the Year (Criador do ano).

Os queixos de Crave Brothers Farmstead Cheese tamén recibiron numerosos galardóns. O último o pasado mes, cando se alzou con cinco premios no Concurso de Queixo do Campionato de EE. UU. En concreto, recibiron dous premios de ouro para Crave Brothers Fresh Mozzarella Medallions e Crave Brothers Bólas de Mozzarella dunha libra parcialmente desnatadas.

Ademais, Crave Brothers Cheese gañou tres premios de prata por Crave Brothers Fresh Mozzarella Ciliegine, Crave Brothers Oaxaca e Crave Brothers White Cheddar Cheese Curds.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información