As cooperativas galegas estudan a continuidade da súa organización de produtores de leite

O sector valora non só o interese das OPs para negociar prezos coas industrias, senón a súa capacidade para chegar a acordos en caso dunha nova crise do leite

As cooperativas galegas estudan a continuidade da súa organización de produtores de leite

Aprolac, a organización de produtores (OP) de leite conformada por algunhas das principais cooperativas galegas, coma Clun ou Aira, decidirá en setembro o seu futuro. A cuestión a determinar é se Aprolac pode ser útil na práctica para as cooperativas ou se se opta polo seu peche. O cambio da normativa do Paquete Lácteo obriga a tomar unha decisión, pois a Administración procederá nos próximos meses a cancelar tódalas organizacións de produtores que non estean a cumprir coas misións para as que foron creadas.

En Galicia, a disxuntiva afecta tanto a Aprolac, a OP das cooperativas, coma a Ulega, a OP impulsada por Unións Agrarias. Ambas organizacións de produtores atravesaron nos últimos anos por un limbo, pois o seu principal obxectivo, a negociación de prezos coa industria, foi imposible pola negativa das industrias a sentarse a negociar con elas.

O escenario, sen embargo, cambiou nos últimos meses, xa que unha reforma da lexislación impide que as industrias eludan a negociación coas organizacións de produtores. É dicir, as empresas non poderán ofrecerlle un contrato a gandeiros asociados a unha OP, senón que terán que negocialos coa correspondente organización. Ante esa situación, Ulega xa está a traballar para a súa reactivación co obxectivo de negociar o próximo ciclo de contratos coas industrias, a partir do outono.

O factor de Competencia
En Aprolac, a decisión aínda non está tomada. Tradicionalmente, as cooperativas primeiro compradoras viñan resolvendo de xeito individual as negociacións contractuais coas industrias, polo que a operatividade real dunha OP para negociar os prezos do leite xera incertidumes.

En calquera caso, a organización de produtores semella unha figura de interese para as cooperativas, pois fronte ás restriccións que marca Competencia para calquera negociación no sector lácteo, as organizacións de produtores teñen a salvagarda da normativa europea, que lles permite non só negociar prezos senón acordos de volumes e medidas de autorregulación da produción.

Se se crea unha asociación de OPs, as organizacións de produtores poderían ademais intercambiar información -sen penalizacións de Competencia-, e tomar decisións en conxunto.

Nunhas xornadas organizadas recentemente pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), púxose de manifesto a potencialidade dunha OP para afrontar en conxunto situacións coma crises de prezos e medidas de autorregulación da produción. “Ogallá no sector do aceite tiveramos un instrumento similar a unha organización de produtores para afrontar a actual crise que arrastramos”, sinalou o presidente de Cooperativas Agroalimentarias de España, Agustín Herrero.

Outra cuestión a ter en conta é que quizais no futuro, parte das axudas ó agro primen ás granxas que pertenzan a unha organización de produtores, se ben é unha cuestión sen aclarar.

Cambio da normativa en Galicia
A reactivación que se espera para as organizacións de produtores nos próximos meses pode incluír tamén a aparición de novas organizacións, pois en Galicia vaise flexibilizar a normativa para a súa creación. Por normativa, en España as organizacións de produtores teñen que sumar un mínimo de 200.000 toneladas. En Galicia, a maiores, engadiuse no seu día a esixencia de que teñan un mínimo de 1.000 produtores, unha limitación esta última que se vai eliminar proximamente, segundo se confirmou desde a Xunta.

A situación, non obstante, non cambiará en exceso, pois con ganderías nunha media de 300 – 310 toneladas de produción, serían precisas máis de 600 granxas para conformar unha OP, lonxe das 200 – 300 granxas que hai de media nas OPs en países como Francia ou Alemania.

Créase a asociación de produtores de leite ecolóxico de Galicia, xérmolo dunha OP en ecolóxico

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia deu o seu primeiro paso coa sinatura da acta de constitución en Lugo. Unha vez recoñecida como Organización de Produtores de Leite, será a primeira OPL específica de leite ecolóxico en España.

Os impulsores do colectivo, entre os que figuran o seu presidente, Amando Segundo, e o vicepresidente, Víctor Fernández, destacan que a asociación é “apolítica”. Sinalan tamén que a compoñen gandeiros con máis de 10 anos de experiencia en produción ecolóxica e que “apostará polo diálogo e por unha negociación construtiva coa industria e a Administración”. Avogan ademais por unha mellora das explotacións “en base a unha maior profesionalización e a unha redución dos custos de produción, maximizando a calidade do leite”.

Esta asociación está aberta a entrada de novos gandeiros que se poderán ir sumando nos vindeiros días aos actuais socios, que representan unha produción de máis de 10.000 toneladas de leite, o que cumpre co mínimo esixido pola normativa para as OPs en ecolóxico.

Os gandeiros interesados poden contactar coa asociación no e-mail aplegalicia (arroba) gmail.com.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información