As cooperativas AIRA e CUSOVIAME inician o proceso para fusionarse

Os presidentes das dúas cooperativas asinaron onte mércores o convenio previo de fusión, que deberá ser aprobado polos socios en asemblea o día 9 de novembro

As cooperativas AIRA e CUSOVIAME inician o proceso para fusionarse

Instalacións de CUSOVIAME

O presidente de CUSOVIAME, Alberto Rivera García, e o presidente de AIRA, Xosé Manuel López Tellado, asinaron onte mércores en Taboada un convenio previo de fusión das dúas cooperativas que deberá agora ser aprobado polos socios das dúas entidades nas asembleas que se convocarán previsiblemente para o día 9 de novembro.

Con esta fusión, que de aprobarse por maioría cualificada, sería efectiva dende o 1 de xaneiro de 2019, AIRA ampliaría a súa base de socios fóra da provincia de Lugo, e nunha zona con gran actividade e potencial no sector lácteo como é a de Curtis. AIRA agrupa a unhas 1.200 explotacións de vacún de leite profesionais procedentes das fusións das cooperativas Agris, Coelplan, Cogasar, Icos e Aira, mentres que CUSOVIAME conta con 200 socios activos dos concellos coruñeses de Curtis, Aranga, Monfero, Sobrado dos Monxes, Guitiriz, Irixoa ou Oza dos Ríos. No 2017 a súa facturación superou os 17 millóns de euros.

De aprobarse esta fusión AIRA ampliaría a súa base de socios á provincia da Coruña

Neste acordo previo de fusión, no que ambas partes levan traballando dende hai meses, pesou a complementariedade entre as actividades de ambas as dúas cooperativas e compartir a filosofía de traballo.

Así, Alberto Rivera destaca que “a fusión, de ser aprobada polos socios, redundará moi positivamente para as dúas partes”. “Para os gandeiros de CUSOVIAME suporá que teñamos a posibilidade de comercializar o leite a través do proxecto industrial de Dairylac, no que AIRA é accionista maioritaria, e ter tamén a posibilidade de comercializar o leite en conxunto, e por tanto con maior capacidade de negociación para os gandeiros, tamén a través de AIRA, vendendo a clientes como Goodleit, de Curtis, que están máis interesados en comprar en conxunto ás cooperativas”, explica.

Alberto Rivera (CUSOVIAME): “A fusión permitirá aos socios vender mellor o leite, mellorará os servizos e modernizará a fábrica de pensos”

“Ademais, permitiranos ampliar a produción e mellorar as instalacións da nosa fábrica de pensos, na que actualmente elaboramos unhas 33.000 toneladas ao ano, de forma que poderíamos aumentar a produción e chegar a dous turnos de traballo”; engade. Desta forma, complementaríase á fábrica de pensos de AIRA en Taboada, cuxa produción está ao límite da súa capacidade, con máís de 170.000 toneladas fabricadas, dando servizo ademais ao norte da provincia da Coruña.

Por último, e xunto á mellora da comercialización do leite para os socios e as melloras na fábrica de pensos, Alberto Rivera destaca como aspectos a favor desta fusión as melloras previstas na tenda agraria e a apertura dunha gasolineira. “Penso que esta fusión presenta aspectos moi positivos para os socios de CUSOVIAME no que é a mellora dos servizos e da comercialización do leite. E creo que a evolución natural debería ser unha integración de todas as cooperativas de Galicia”, conclúe.

Daniel Ferreiro (AIRA): “Somos dúas cooperativas moi complementarias”

Pola súa parte, Daniel Ferreiro, director xeral da cooperativa AIRA, destaca que os motivos que levaron a iniciar este proceso “foron que somos dúas cooperativas moi complementarias, de forma que cada unha de nos ten algo que precisa a outra, temos proximidade xeográfica e, sobre todo, temos a mesma filosofía do que debe ser unha cooperativa, que debe ter o fin de crear valor para os socios”.

A palabra final terana precisamente os socios de CUSOVIAME e de AIRA o día 9 de novembro, que deberán decidir se aproban esta fusión, unha aprobación que require dous terzos dos votos a favor. De sair adiante, as cooperativas lácteas galegas quedarían agrupadas arredor de dous polos: AIRA e CLUN, quedando só Cobideza, Cooperativa Lemos ou Cooperativa Xallas á marxe deste proceso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información