A cooperativa Campo Capela duplica a súa produción de queixos

A cooperativa Campo Capela duplica a súa produción de queixos

Queixos que elabora a cooperativa Campo Capela

A cooperativa Campo Capela ven de duplicar a produción da súa queixería grazas á recente ampliación das instalacións, nas que investiron algo máis de 300.000 euros. A queixería, inaugurada no 2005, estábaselles quedando pequena para afrontar a crecente demanda dos seus queixos, impulsada polos premios que veñen recibindo a nivel nacional e internacional.

“Tiñamos unha cuba de callado de 1.000 litros de capacidade, co que estabamos facendo tres turnos para transformar 3.000 litros de leite diarios procedentes das nosas ganderías socias. Nestes meses instalamos unha cuba de 3.000 litros, e ampliamos tamén a cámara e a caldeira para seguir medrando. Agora mesmo xa estamos transformando 6.000 litros ao día pero o noso obxectivo é poder chegar aos 12.000 litros diarios, co que estaríamos transformando todo o leite que producen as nosas ganderías socias”, explica Ana Vence, xerente da cooperativa Campo Capela.

As vendas dos queixos de Campo Capela non pararon de medrar nos últimos anos, avaladas por distintos premios, e por un proxecto no que se pon en valor o leite producido por pequenas ganderías socias, que en moitos casos seguen facendo pastoreo. “Temos as ganderías cerca, nun radio máximo de 20 kilómetros, e fabricamos queixos con leite do día, e podemos case saber de que vaca é cada queixo”, destaca Ana Vence.

Obxectivo: Transformar todo o leite das 42 ganderías socias

Actualmente Campo Capela conta como socias con 42 ganderías de vacún de leite en activo e factura algo máis de 2,8 millóns de euros. A cooperativa, ademáis do servizo de recollida e transformación do leite na queixería, conta con fábrica de pensos propia ou persoal de substitución, entre outros servizos.

A variedade “Mouro” (cun baño de café e un toque de canela), é unha das perlas do catálogo de queixos de Campo Capela. Conseguiu a Etiqueta de Ouro ao mellor queixo de pasta branda no Salón de León en 2015 (ao pouco de saír ao mercado); o premio InnoFórum ao produto máis innovador na Coruña en 2017; ou a Medalla de Ouro nos World Cheese Awards, o Mundial dos queixos celebrado en Bergen (Noruega) en 2018, no que participaban 3.472 variedades de queixo de 41 países. Neste momento, Campo Capela xa vende fóra de Galicia o 20% da súa produción de queixos, cunha crecente presenza en grandes cidades como Madrid e Barcelona e na zona de Levante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información