Continúa a suba de entregas de leite, con prezos que tenden á baixa

Continúa a suba de entregas de leite, con prezos que tenden á baixa

Lactogal vén de aplicar unha baixada dun céntimo en Portugal.

As entregas de leite continúan aumentando en España, segundo os últimos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondentes a xullo, mes no que se rexistrou un 1,5% máis de leite recollido que no mesmo mes do pasado ano. O dato no caso galego é aínda máis alto, do 4% de aumento de entregas.

No que vai de 2018, España produciu un 2,7% de leite máis que no mesmo periodo do 2017. Son cifras similares aos de grandes produtores europeos, como Alemania (+3,3%) ou Francia (+1,5%). Polo lado contrario, destaca o caso irlandés, que logo de importantes aumentos de produción, este ano está a perder un 0,1% de entregas en relación ao pasado ano.

Portugal
En Portugal, rexistrouse unha suba do 2,4% das entregas no que vai de ano, se ben a principal cooperativa do país veciño, Lactogal, que tamén opera en España (Leche Celta), iniciou este verán un plan para bonificar ás explotacións que reduzan a produción. A cooperativa portuguesa tamén anunciou este mes unha baixada do prezo do leite nun céntimo, argumentando que hai un excedente de produción que non pode ser valorizado no mercado.

Segundo publican os medios de comunicación do país veciño, Lactogal está a perder vendas en España pola esixencia do etiquetado da orixe do leite que se está implantando. A normativa que obriga á identificación da orixe publicarase previsiblemente este mesmo ano e as cadeas de distribución en España xa se están adaptando a esas previsións.

A baixada de prezo acordada por Lactogal en Portugal derivou no mes de agosto en mobilizacións gandeiras ante a sede da empresa, en Porto.

Prezos
Os prezos do leite en Galicia manteñen a tendencia á baixa iniciada a comezos de ano, situándose en 30,3 céntimos (-0,1 céntimos en relación ó mes pasado). O leite ten agora no campo o mesmo valor de hai un ano, 30,3 céntimos, cando os prezos tocaran fondo antes de remontar no outono.

En Europa, os prezos medios subiron en xuño e a previsión do Observatorio Europeo do Mercado Lácteo é que tamén o fagan en xullo, unha tendencia que aínda non chegou a Galicia nin ó resto de España, onde os prezos medios están en 31,2 céntimos (-0,1 céntimos en relación ó mes pasado).

En canto ás calidades do leite, Galicia continúa liderando o nivel de graxa, con 3,64%, pola media estatal do 3,54; mentres en proteína sitúase na media, cun 3,19%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información