Consellos para a fertilización do millo forraxeiro

Artigo de investigadores do CIAM con recomendacións para o abonado do millo forraxeiro nas explotacións de vacún de leite.

Consellos para a  fertilización do millo forraxeiro

Enterrando xurro antes da plantación do millo.

Para facer unha correcta fertilización do millo forraxeiro nas explotacións gandeiras leiteiras, temos que coñecer:

  • As necesidades de nutrientes do millo forraxeiro.

  • A riqueza en nutrientes do solo.

  • O valor fertilizante do xurro.

  • As técnicas, momentos e condicións de aplicación do xurro para a mellora da eficiencia na utilización do nitróxeno.

Necesidades de nutrientes do millo forraxeiro

Para unha produción estimada de 18 t/ha de materia seca de millo, deben aplicarse sobre 180 kg/ha de N, 75 kg/ha de P2O5 e 200 kg/ha de K2O.

O nitróxeno no millo convén distribuílo en dúas metades, unha en fondo e outra en coberteira para adaptarse aos requirimentos do cultivo ao longo de seu desenvolvemento, aínda que co xurro pode aplicarse todo en fondo, pois é un abono orgánico cunha liberación progresiva do nitróxeno ao longo do tempo. Tamén o uso de fertilizantes con inhibidores da nitrificación como o DMPP ou fertilizantes de liberación lenta permite obter producións semellantes nunha soa aplicación.

A riqueza en nutrientes do solo

Análise de terras:

Farase sempre antes de abonar e tomaranse dúas mostras duns 500 g de cada parcela homoxénea, unha nos primeiros 20 cm e outra nunha profundidade de 20 a 40 cm que serán mesturas de volumes de terra pequenas, en quince ou vintecinco lugares diferentes uniformemente repartidos (en zig-zag), que debe ser unha mestura dun mínimo de cinco sitios diferentes uniformemente repartidos.

As análises de terra convén facelas cada catro-cinco anos, sobre todo para coñecer as necesidades de encalado

Encalado: 

O encalado debería ser unha práctica habitual na maior parte dos solos de Galicia, pois análises de terras de explotacións de vacún de leite feitas no CIAM mostran unha elevada acidez en moitos solos.

Beneficios agronómicos do encalado:

  • Corrixe a acidez do solo neutralizando a toxicidade do aluminio permitindo un mellor desenvolvemento das raíces o que permitirá aproveitar mellor os nutrientes aplicados cos fertilizantes.

  • Mellora a estrutura do solo, permitindo unha mellor aireación e infiltración da auga.

  • Mellora a actividade microbiolóxica que é a que descompón a materia orgánica aportada co xurro ou co esterco, liberando lentamente os nutrientes.

A porcentaxe de alumino presente no complexo de cambio é un bó indicador da acidez e para obter unha boa produción a porcentaxe de aluminio debe situarse por debaixo do 10%. As doses de encalante (en forma de caliza ou óxido de calcio cun 100% de riqueza) recomendadas para corrixir a acidez do solo para os cultivos forraxeiros en Galicia móstranse na seguinte táboa.

fertilizacion_millo_taboa_2

Para coñecer as doses para outros materiais encalantes e/ou porcentaxes de riqueza pode empregarse a aplicación de Recomendación de Encalado (Aplicación REN) da páxina web do CIAM (www.ciam.es). Se nas camas do gando temos carbonato cálcico, o xurro será mais rico en calcio e terá poder encalante

Fósforo e potasio

Para facer un correcto abonado debemos considerar primeiro a riqueza do solo. Polo xeral, as parcelas das explotacións galegas teñen niveis altos de fósforo e potasio, se o xurro está uniformemente distribuido nas diferentes parcelas.

O nivel do solo en fósforo e potasio determinará se debemos aplicar o que se denomina abonado de corrección, ademais do de mantemento, ou se non é necesario abonar:

  • En solos pobres, con niveis por debaixo de 16 ppm de fósforo e 121 de potasio, ademais do abonado de mantemento é necesario facer abonado de corrección para ir incrementando os niveis ata os dun solo medio

  • En solos de riqueza media con valores de 16 ppm de P e as 121 ppm de K só será necesario un abonado de mantemento para aportar as extraccións que realiza a colleita anualmente,.

  • En solos con contido en fósforo superiores ás 45 ppm e contidos en potasio superiores ás 400 ppm non necesitaríamos aplicar nin fertilizantes fosfóricos nin potásicos, xa que haberá reservas no solo suficientes que poderá asimilar o millo.

fertilizacion_millo_taboa_1

Nitróxeno: 

Farase un abonado nitroxenado de mantemento que aportará as extraccións de nitróxeno pola planta, e o que se perde no solo por lixiviado, e por volatilización do amoníaco (NH3) cara á atmosfera que poden ser importantes no caso do xurro e da urea.

Para facer unha correcta fertilización nitroxenada sería convinte coñecer ou estimar o nitróxeno mineral presente no solo ao inicio do cultivo e/ou que se xera por mineralización da materia orgánica do solo. Este nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo, que é o que se denomina abono verde. Cando se labra unha pradeira de longa duración se pode asimilar a un abono verde. Así, no caso de enterrado dun cultivo de leguminosas ou cultivo previo de pradeiras plurianuais que deixan no solo unha gran cantidade de raíces pódense reducir as doses de N recomendadas en torno aos 100-125 kg/ha.

O valor fertilizante do xurro

O xurro presenta variabilidade tanto estacional como dunhas explotacións a outras,. por iso é conveniente caracterizalo no momentos da súa aplicación, mediante unha análise ou mediante unha estimación á partir de medidas indirectas (densidade e/ou condutividade).

No caso de non poder facer esta caracterización podemos utilizar uns valores medios como pode ser a media de máis de 200 mostras de xurro de vacún analizadas nos últimos anos no CIAM. O valor fertilizante deste xurro medio é de 3.02 Kg de N/ m3 de xurro, 1.42 kg de P2O5/ m3 de xurro e de 3.54 kg de K2O/ m3 de xurro.

A mostra de xurro para análise no laboratorio debe tomarse da fosa remexendo previamente o xurro, ou directamente da cisterna. A cantidade de mostra estará en torno a medio litro, o envase será de plástico e non se encherá na súa totalidade. Se deberá almacenar en lugar fresco e durante non máis de tres días antes de enviala ao laboratorio

Estimación da composición mediante densímetro:

A toma de mostras será igual que para a análise de laboratorio, depositando o xurro recollido nunha probeta ou nun cubo coa suficiente profundidade, remexerase o xurro, e depositárase un densímetro, facendo a lectura aos cinco minutos.

A densidade do xurro está en relación coa materia seca, é esta co seu valor fertilizante. (táboa. A)

fertilizacion_millo_taboa_3

A estimación da composición química do xurro de vacún faise tamén a partir da medida da condutividade e a densidade, o que mellora a predición dos contidos de nutrientes. Esta estimación faina a aplicación RAX de Recomendación de Abonado con Xurro no millo forraxeiro (www.ciam.es) mediante a introdución dos valores da condutividade e da densidade. A condutividade (mS/cm) determínase remexendo previamente o xurro e tomando unha mostra de 100 ml da cisterna ou da fosa que se introduce nunha probeta de 1000 ml de capacidade que despois se enche con auga ata os 1000 ml e introdúcese o eléctrodo dun condutímetro previamente calibrado.

Mellora da eficiencia de utilización do nitróxeno (N) dos xurros 

Perdas por volatilización:

Se debe enterrar o xurro para evitar as perdas do nitróxeno amoniacal. Se non se enterra se poderá volatilizar ata a totalidade do nitróxeno amoniacal, que representa aproximadamente dun 50% ata un 75% do nitróxeno no xurro de vacún e porcino respectivamente. O 50% das perdas de amoníaco ocorren dentro das 4-12 horas despois da aplicación, a incorporación con grades pode diminuír as perdas arredor do 80% e a inxección en profundidade na súa totalidade.

As perdas por volatilizavión serán maiores canto maior sexa a materia seca do xurro (xurros espesos) e menores en xurros diluídos debido a maior facilidade de infiltración no terreo destes últimos.

Se o terreo está labrado antes de botar o xurro a infiltración será mellor e polo tanto as perdas serán menores.

A temperatura, a humidade e o vento no momento da aplicación tamén inflúen nesta volatilización:

fertilizacion_millo_taboa_4

Para mellorar a utilización do nitróxeno tamén convén diminuír ao mínimo as perdas por lixiviación, así se é posible dende un punto de vista práctico deben evitarse aplicacións no inverno (período de precipitacións elevadas) posto que a choiva pode lavar os nitratos antes de ser asimilados polos cultivo. O atraso das aplicacións do xurro para o millo forraxeiro a finais de inverno-comezo da primavera, aproximándose á sementeira, incrementará a utilización do nitróxeno.

Plans anuais de abonado con xurro en función da intensificación da explotación

As explotacións de vacún de leite galegas poden aforrar moitos cartos na compra de abonos minerais e en moitos casos poden prescindir totalmente deles. A compra de abonado mineral debe calcularse como complemento do xurro.

Unha forma bastante aproximada de coñecer a cantidade de abono anual que dispoñemos no xurro é sabendo o leite producido por hectárea de SAU.

A excreción media de fósforo está na proporción de 30% no leite, e 70% no xurro mentres que a excreción de nitróxeno se distribúe, normalmente, desta forma: 30% no leite, 40% no xurro e 30% de perdas no establo e na fosa

Na seguinte figura represéntase a cantidade de nitróxeno e fósforo dispoñible por hectárea de SAU para abonar anualmente con xurro en función da produción de leite por hectárea.

fertilizacion_millo_taboa_6

Dispoñibilidade de abono no xurro por ha de SAU en función da produción de leite por ha de SAU

A partir dunha produción de 15.000 litros de leite por hectárea de SAU non sería necesario mercar ningún tipo de abono fosfórico.

A diferenza do nitróxeno, o fósforo aportado co xurro se acumula no terreo e non se perde aínda que se aplicara meses antes da sementeira do millo.

Tampouco fará falta mercar abono mineral potásico, xa que o xurro de vacún é rico en potasio, que ao igual co fósforo, se acumula no solo e non se perde como o nitróxeno.

O programa RAX: unha ferramenta para unha correcta fertilización do millo forraxeiro

O CIAM en colaboración coa Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña desenvolveu un programa de recomendación de abonado con xurros (Aplicación RAX) dentro do proxecto FEADER 2007/08 “Redución do consumo de fertilizantes minerais sintéticos nas explotacións de vacún de leite mediante a valorización do xurro como abono” e do proxecto FEADER 2012/31 “Elaboración de táboas e de programa on line de recomendación de fertilización nitroxenada nas rotacións forraxeiras das explotacións leiteiras galegas en función do aporte de nitróxeno polo solo”.

Dito programa está colgado na páxina web do CIAM, e ten a grande vantaxe de integrar e valorizar os nutrientes producidos nas explotacións, xa que os programas existentes se limitan a dar unha dose de abono mineral sintético en función das extraccións dos cultivos e das análises de terra, sen ter en conta que a principal fonte de nutrientes nas explotacións de gando vacún leiteiro está na reciclaxe do xurro como abono orgánico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información