“A consanguinidade non explica a baixa fertilidade na raza Holstein nos últimos anos”

Daniel Martínez Bello, cofundador e especialista en asesoramento xenético de Embriovet, aborda nesta entrevista o reto da consanguinidade na raza Frisoa e ofrece aos gandeiros unhas recomendacións para evitala e non ter repercusións negativas na cabana gandeira

“A consanguinidade non explica a baixa fertilidade na raza Holstein nos últimos anos”

Daniel Martínez Bello, cofundador e especialista en asesoramento xenético de Embriovet

O aumento da consanguinidade na raza Frisona é un dos retos aos que se enfrontan os gandeiros de vacún de leite. Daniel Martínez Bello, cofundador e especialista en asesoramento xenético de Embriovet aborda nesta entrevista o reto da consanguinidade na raza Frisoa e ofrece aos gandeiros unhas recomendacións para evitala e non ter repercusións negativas na cabana gandeira.

¿Crees que a consanguinidade é xa un problema grave en vacún de leite?
A consanguinidade vai experimentando un lixeiro aumento continuo na maioría das razas puras, e a Holstein non é unha excepción, aínda que non é a de maior consanguinidade. É coñecido que un nivel moi alto de consanguinidade causa prexuízos, pero á vista dos datos actuais podemos dicir que é preciso controlala, pero sen que supoña aínda un problema grave.

¿Que danos provoca nunha granxa?
Están descritos cientificamente efectos negativos a nivel de fertilidade, saúde dos animais, vitalidade e supervivencia das crías e unha mingua da produtividade asociados á consanguinidade.

Sen embargo, o efecto é moi baixo aos niveis máis frecuentes nas nosas ganderías, así que non explica a baixa da fertilidade nos últimos anos. Iso é unha cuestión diferente arrastrada da selección das últimas dúas décadas que xa empezou a corrixirse na era da xenómica. A mellora reprodutiva por efecto xenético xa se está empezando a notar e nun curto prazo creo que será moi evidente e case sinalizada, a pesar do incremento da consanguinidade. Unha cousa é que exista un efecto e outra botarlle a culpa de todos os males. Opino que se sobrevalora a miúdo o efecto da consanguinidade.

¿Que niveis detectades nas ganderías coas que traballades?
A raza Holstein en xeral está darredor dun 7% e a maioría das ganderías das que manexamos datos están entre un 5 e un 8%. Non podemos establecer un valor máximo. Hai que ter en conta que se trata dun valor estadístico e estimado, e non real, que aumenta por si só co paso do tempo polo feito de sumar xeracións no pedigrí e que interveñen no cálculo, sen que signifique maior aumento real do problema.

“Sobrevalórase a miúdo o efecto da consanguinidade”

Por outro lado, estase a comparar moitas veces o valor xenómico co valor tradicional ou de pedigrí e non é o mesmo. O valor xenómico calcúlase de xeito diferente tratando de medir a repetición de alelos no xenoma provistos de ambos proxenitores, e son valores superiores frecuentemente. De maneira que unha parte do aumento que se aprecia na poboación ven da maneira de calcularse.

O efecto é aditivo de forma que os efectos da chamada “depresión por consanguinidade” aumentan proporcionalmente por cada punto que aumenta o coeficiente de consanguinidade. O traballo científico máis relevante a este respecto (Van Doormal, Canadian Dairy Network 2008) di que o aumento de consanguinidade desde un 5% ata o 10% supón unha redución de 92 Kg de leite na lactación, incremento de 1,4 días abertos e redución 65 días de lonxevidade.

A recomendación é tender cara a menor consanguinidade posible, pero sen obsesionarse. A potencia da selección xenética actual compensa con creces esas minguas, pero non quita de que intentemos mantela ao nivel máis baixo posible. Por dar unha referencia, cubrir unha vaca co seu propio pai sería un 25% de consanguinidade, que é unha aberración. Tratamos de non superar nunca o 9% e achegarnos só en casos puntuais e controlando os recesos e haplotipos.

¿En que medida a utilización de touros xenómicos está a incrementar a consanguinidade?
Unha das vantaxes que todos pensábamos que tería a xenómica sería a descuberta de novas liñas xenéticas que aportasen sangue nova para reducir a consanguinidade. Sen embargo, aínda que se está a dar en certa medida, por agora ten máis efecto o éxito que alcanzan nos índices máis valorados determinadas combinacións xenéticas. Isto fai que os primeiros postos dos rankings estean copados por touros con pedigrees moi similares que son os que máis se están a utilizar.

En paralelo van xurdindo os chamados “outcross”, por vir de liñas menos habituais ou menos presentes na poboación e moitos deles con valores moi interesantes, que se poden usar polo menos nos animais difíciles de acoplar.

¿Seguirá aumentando nos próximos anos coa maior utilización de touros non probados?
É posible que si. Como dicía anteriormente, dáse un aumento natural por incrementar o número de xeracións en rexistro xenealóxico e engadir datos, en unión ao cálculo máis preciso que foi a xenómica.

 “Escoller touros especializados en saúde, calidades ou acorne pode axudar a rebaixar a consanguinidade”

Por outro lado, a abundancia de touros moi emparentados con valores moi similares fai que o mercado do seme ofreza gran cantidade de touros de valores altísimos a bo prezo, e como resultado son usados polos gandeiros polo atractivo da relación calidade/prezo, a pesar de aumentar a consanguinidade.

A selección por novos caracteres como o “acorne” ou determinadas proteínas lácteas, ou touros especializados en calidades ou caracteres de saúde, tamén pode aportar xenes renovados para unha parte da poboación, e por aí poden contribuír a compensar un pouco este aumento da consanguinidade.

¿De que ferramentas dispomos para reducir a consanguinidade ou os efectos negativos da mesma e como valoras a súa eficacia?
A principal é o uso de programas informáticos para os apareamentos, é a forma máis sinxela de establecer límites e controlala.

O xenotipado das femias ofrece unha información máis precisa do seu nivel de consanguinidade e tamén do seu contido en xenes receptivos e haplotipos reprodutivos. Evitando cruzar femias portadoras dalgún destes xenes con touros tamén portadores evítanse unha parte importante dos efectos indesexables da consanguinidade. Para facer  ben os acoplamentos e de maneira constante precísanse softwares específicos. Aquí hai que ser coidadosos porque a maioría dos software dispoñibles só controlan a consanguinidade por pedigrí ao xeito antigo, e non teñen en conta os haplotipos, aínda que os animais estean xenotipados. Cómpre asegurarse e se non é así chequealo manualmente.

¿Que aconsellarías ao gandeiro para non incrementar os efectos negativos da consanguinidade?
O máis aconsellable é facer un programa xenético acorde ás características e obxectivos da explotación. Un programa global no que a consanguinidade tamén se terá en conta. A redución do número de touros a utilizar cada ano é unha boa medida. Se imos uniformizando a cabana será mais fácil atopar esas liñas distintas, pero se vemos un de cada, será mais difícil atopar un distinto para todas.

“Nos touros que non están na cima da lista é máis fácil atopar liñas xenéticas diferentes”

Por outra parte, á hora de escoller os touros non hai que limitarse aos primeiros das listas. Afortunadamente, hoxe hai unha oferta de touros moi grande, e moitos dos chamados de segunda liña ofrecen unha mellora moi cercana aos primeiros, e nese segmento é máis posible atopar liñas diferentes.

¿Algo máis que queiras engadir?
A consanguinidade debe controlarse e intentar mantela no nivel máis baixo posible. Actualmente o progreso xenético é tan rápido que compensa amplamente os efectos coñecidos da depresión en produción, etc. Pero iso non quita de que esas minguas estean aí, restando, ademais de concentrar en paralelo outros efectos indesexables da consanguinidade.

Afortunadamente, queda moitísimo traballo por facer na utilización da vía femia, a través da selección xenómica en combinación coas técnicas de reprodución asistida para lograr aumentar o progreso sen depender soamente dos touros e mantendo a consanguinidade en valores aceptables.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información