Connory Farm: Retrato dunha granxa típica de vacún de leite en Irlanda

Connory Farm é unha gandería de vacún de leite do sur de Irlanda que tamén fai o cebo dos xatos, todo en base a herba. Coñecemos como traballan

Connory Farm: Retrato dunha granxa típica de vacún de leite en Irlanda

De esquerda á dereita: Shane, Uxía e Michael. Nesta época do ano, no inverno, as vacas permanecen no establo.

Connory Farm é unha gandería de vacún de leite situada en Ballylanders, unha pequena localidade do condado de Limerick, no sur de Irlanda, onde se concentra a produción láctea deste país que en  70.000 kilómetros cadrados  produce nada menos que 7,5 millóns de toneladas de leite, todo en base a pastoreo e con perspectivas de seguir medrando.

Visitamos esta granxa onde está a realizar prácticas durante dous meses Uxía Seoane Fernández, unha moza de Arteixo que estuda no Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa e que realiza esta estadía de formación grazas ao programa europeo Erasmus Novos Gandeiros.

Esta granxa é propiedade de Michael Connory, un gandeiro de 66 anos, que o vindeiro ano espera cederlle o testemuño ao seu fillo Shane, de 33, que leva xa varios anos incorporado nesta gandería familiar.

Contan con 340 animais en total, dos que 110 son vacas en muxido, outros 100 son becerros que ceban para a venda, e o resto xovencas, vacas secas, xatas e 3 touros da raza Aberdeen Angus.

Esta granxa representa a gandería familiar media de Irlanda: o pasto é a base da alimentación das vacas dende marzo a outubro, e durante os meses de inverno aliméntanas con silo de herba das súas pradeiras e remolacha picada, unha ración barata e compensada entre enerxía, proteína e fibra, que tamén lles serve de base para cebar os xatos.

 Teñen unha taxa de reposición do 12% cunha media de 6 partos por vaca

O sistema de pastoreo en extensivo polo que optaron en Connory Farm, ao igual que en case todas as granxas de Irlanda, permítelles ter uns custos de recría moi baixos. “Cada ano incorporamos entre 20 e 25 xovencas, que lle compramos a outro gandeiro xa criadas porque nos sae mellor. Desta forma, e dependendo do ano, a nosa porcentaxe de reposición está entre o 10 e o 12%”, explica Michael Connory.

En canto á raza, dende hai 50 anos nesta granxa traballan só coa British Frisian. “Son vacas con moi boa saúde, que aguantan moito máis, con medias de 6 partos por vaca, e cun peso medio de 600 kilos por vaca. É unha raza moi rústica e moi adaptada ás nosas condicións”, destaca este gandeiro.

A produción media por vaca nesta granxa é de 6.000 litros de leite ao ano, en lactacións de 295 días, e cunhas medidas de calidades do leite de 4,2% de graxa e 3,6% de proteína.

En Connory Farm véndenlle o leite á cooperativa Dairy Gold, a un prezo base de 32 céntimos por litro neste momento e que flutúa segundo as cotizacións internacionais do queixo cheddar e da manteiga, produtos nos que se transforma arredor do 90% do leite producido no país. “Coas primas por graxa e proteína estamos cobrando agora a uns 35 céntimos por litro”, explica Michael.

Para seguir mantendo uns custos de produción baixos en Connory Farm limitan o penso na ración, cunha media de 6 kilos por vaca e día cando están estabuladas durante os meses de inverno, antes e despois do parto, pero cando saen ao pasto baixa a 3 kilos por vaca e día. “É dicir, damos arredor de 1.000 kilos de penso por vaca e lactación, ou o que é o mesmo uns 170 gramos por litro de leite”, detalla

A terra: o principal limitante para medrar

En canto á base territorial, o que aquí coñecen como “milk platform”, contan cunhas 100 hectáreas, das que 40 están ao redor do establo. Teñen 70 en propiedade e 30 arrendadas, a un prezo medio duns 350 euros a hectárea, un aluguer que nos últimos anos subiu debido á forte demanda.

“A nosa estratexia é aumentar todo o que podamos a nosa base territorial”

Dende o fin das cotas no 2015 a produción de leite de Connory Farm medrou un 20% e o seu obxectivo para este ano é manter a produción estable. “Neste momento temos unha carga gandeira duns 3 animais por hectárea, e non podemos ter máis vacas e máis produción de leite que o que permite a nosa base territorial, polo que neste momento non é posible aumentala”, recoñece Michael.

Neste sentido, a estratexia desta granxa para os próximos anos é comprar toda a terra que podan para incrementar a súa produción láctea. “Non temos previsto facer grandes investimentos en instalacións ou en maquinaria -contan cun carro mesturador e con 3 tractores-, pero si na nosa milk platform”, subliña.

Prezos dos becerros á baixa debido ao Brexit

Arredor do 70% dos ingresos de Connory Farm proceden da venda de leite, mentres que sobre o 20% procede da venda dos becerros que ceban e das axudas da PAC perciben uns 20.000 euros ao ano.

Todas as vacas insemínanas con Aberdeen Angus, unha raza da que Michael destaca o seu “bo temperamento, carácter dócil e fácil parto para as vacas”.

Venden unha media de 100 becerros cebados ao ano, cun peso que rolda os 340 kilos e unha idade de arredor de 14 meses. Cébanos con silo de herba das súas pradeiras, penso e remolacha que mercan a agricultores locais. No remate da ceba a ración está composta por uns 2 kilos de penso e 24 kilos de silo de herba por animal e día. É dicir, unha alimentación de baixo custo que lles permite sacar todo o proveito das súas pradeiras.

 “Debido ao Brexit o prezo dos becerros desplomouse e está nuns 2,2 euros o quilo”

Sen embargo, a venda dos becerros é a principal preocupación para os Connory, ao igual que para milleiro de gandeiros irlandeses. “Preocúpanos moito o Brexit porque a maior parte das nosas exportacións de vacún de carne, sobre o 60%, van para o Reino Unido e coa incerteza do que vai pasar os prezos están polo chan nos últimos meses. Agora mesmo estámolos cobrando a 2,2 euros o quilo, ou o que é o mesmo uns 740 euros por xato, uns 100 euros menos que hai un ano”, explica Michael.

Malia as dificultades, e próximo á súa xubilación, este gandeiro móstrase orgulloso de ter elixido esta profesión. “Estou moi orgulloso de ser gandeiro e síntome valorado pola sociedade. É moi importante tamén que os pais estean orgullosos do seu traballo para que haxa relevo nunha granxa. Ao meu fillo Shane encántalle a gandería e vai ser un gran profesional”, conclúe.

Vacas Bristish Frisian desta granxa: 

IRLANDA_MICHAEL_VACAS_PESEBRE_BRITISH_2

Becerros da raza Angus que ceban na propia granxa: 

IRLANDA_MICHAEL_VACAS_BECERROS_ANGUS_2

Xatos: 

IRLANDA_MICHAEL_VACAS_BECERROS_PALLA_ANGUS

Bois da raza Angus: 

IRLANDA_MICHAEL_VACAS_BOIS_ANGUS

A ración das vacas no inverno é silo de herba, remolacha picada e penso: 

IRLANDA_MICHAEL_VACAS_PESEBRE_BRITISH_CARRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información