Conde da Xesteira, unha gandería aferrada ó pastoreo

Jesús Conde e Elvira Santiago atenden dende hai 25 anos esta gandería de A Estrada onde o rabaño sae tódolos días ó pasto para conseguir un leite diferenciado e rico en Omega 3. Son das poucas ganderías que comercializan parte da súa produción con distintos puntos de venda directa

Conde da Xesteira, unha gandería aferrada ó pastoreo

Jesús Conde, con parte do seu rabaño nunha das pradeiras ás que as vacas saen pacer tódolos días.

Cando hai 25 anos Jesús Conde Ares e a súa muller Elvira Santiago Fuentes se fixeron cargo da pequena gandería familiar situada na parroquia de Lamas (A Estrada, Pontevedra) tiñan claro que as vacas debían saír tódolos días ó pasto. “Queriamos producir leite pero para nós era prioritario que as vacas foran pastar tódolos días, e foron moitos os que tentaron convencernos de que non era posible ser competitivos na produción de leite co pastoreo”, recorda Jesús.

Este gandeiro, que durante a súa xuventude probou o traballo en alta mar, sendo maquinista naval; segue convencido da importancia do pastoreo para lograr un leite de calidade. Outra das claves para Jesús é observar e comprender as necesidades tanto dos animais como dos pastos e actuar en consecuencia. “A xente cada vez quere que todo sexa máis inmediato e cómpre ter paciencia e saber observar e interpretar as claves que che van dando tanto as vacas como a natureza”, concreta.

“Foron moitos os que nos dixeron que non era posible ser competitivos na produción de leite co pastoreo”

Hoxe Conde da Xesteira é unha das dúas ganderías de leite que queda na aldea de Lamas e, ademais de seguir levando as vacas ó pasto, tamén son das poucas ganderías galegas que comercializan leite fresco directamente ó consumidor. Das 10 vacas coas que contaban cando comezaron, agora o rabaño chega ós 90 animais, 45 delas en muxido, unhas 6 vacas secas e o resto recría e consegue unha produción duns 500.000 litros ó ano. “Na gandería estamos Elvira e máis eu, e estes son os animais que damos atendido entre os 2, non tiña sentido seguir medrando”, concreta.

gando-pacendo-Conde-da-Xesteira-

Procuran proporcionarlle pasto fresco ó rabaño tódolos días.

Pasto novo tódolos días

Toda a xestión da gandería está condicionada pola importancia que ten o pasto e para Jesús a receita é sinxela: “Hai que procurar ter pasto da mellor calidade”, reivindica. As vacas saen ó pasto arredor das 12 da mañá e ata media tarde permanecen no prado. “As vacas teñen que ter pasto novo tódolos días posto que os animais saen xa mantidos da granxa e se non lle ofrecemos algo sabedeiro non o van querer. O pasto é a sobremesa da ración para as nosas vacas”, explica Jesús.

“O pasto é a sobremesa da ración para as nosas vacas”

Para coidar e ter pasto fresco cada día, Jesús desbroza a pradeira unha vez que foi pacida para conseguir a rexeneración da herba, evitar que espigue e dispoñer de herba suficiente. De feito, se o gando non consegue acceder ó pasto nas condicións óptimas, Jesús prefire desbrozar a herba para garantir que cando vaian a esa finca dispoña da herba no mellor momento. En 3 semanas pode volver a pacer a parcela.

Para lograr un pasto de calidade, Jesús tenta ter un equilibrio entre gramíneas e leguminosas o que lle esixe un coidado meticuloso destas últimas. A renovación das pradeiras realízaas cada 4 ou 5 anos e aposta por mesturas de Ray Grass e nunca opta por variedades como Ray grass westerwold cun aporte de proteína que non estaría a serlle rendible e que desperdiciaría co tipo de alimentación que teñen os seus animais.

Procura pradeiras cun equilibrio de gramíneas e leguminosas polo que nunca excede dos 24.000 litros de abono por hectárea

Unha das claves para o coidado das leguminosas é o abonado que fai das fincas. So emprega os xurros da gandería e nunca excede dos 24.000 litros por hectárea. “A xente sorpréndese que consigamos os bos rendementos na pradeira e nos forraxes con tan pouco xurro”, recoñece o gandeiro. O propio xurro xa está equilibrado grazas ó carbonato das camas das vacas. “En tódalas terras temos un Ph dun 6,3 ou 6,5 e iso permítenos ter uns rendementos moi aceptables tanto do pasto como do millo, que chega ás 45 toneladas por hectárea”, concreta.

bioprana

Levan anos empregando o activador dos xurros Bioprana.

Á parte disto, tamén emprega o uso de bacterias nos xurros que contribúen a activar a acción sobre os cultivos e as pradeiras á par que diminúen os cheiros. “Entre a alimentación dos animais e as bacterias conseguimos uns xurros de mellor calidade e que con pouca cantidade se consigan mellores resultados”, concreta o gandeiro.

Atópanse nunha zona privilexiada e dispoñen dunhas 15 hectáreas de terreo rodeado de ríos e iso permítelles ter bos pastos, que para outros gandeiros resulta imposible conseguir. “Non todo o mundo o pode facer, pero tamén hai moita xente que pode e non o fai porque prefire unha produción máis acomodada”, recoñece Jesús.

A gandería manexa unhas 53 hectáreas de terreo, todo el cedido ou alugado

A gandería manexa unhas 53 hectáreas de terreo, todo el cedido ou alugado e situado nun radio máximo de 5 quilómetros da granxa. “Fomos xuntando a terra a base de moito traballo e negociacións cos veciños. Foi un proceso lento para ir conseguindo fincas pero cómpre ter paciencia”, apunta o gandeiro. Hoxe a parcela máis pequena que xestionan é de 0,5 hectáreas. Recoñece que o entendemento cos veciños foi fundamental para logralo e, de feito, é a clave tamén para que comparta boa parte da maquinaria coa outra gandería da aldea sen ningún tipo de acordo por escrito.

Reparto-da-cebada-Conde-da-Xesteira-

Jesús varía o aporte de cebada na ración en función das características do pasto.

Silo de millo e pasto, a base da ración

Ademais do pasto, a ración das vacas en produción componse principalmente de 40 quilos de silo de millo, 5 quilos de penso, cun 32% de proteína, a base de soia, colza, cascarilla e urea, xunto cos correctores correspondentes. A maiores aportan uns 5 quilos de cebada, unha cantidade que vai cambiando en función das características do pasto ou mesmo chega a substituíla por gran húmido, que obtén cun ensilado por separado do gran do millo.

“As vacas son verdadeiros laboratorios e elas mesmas che van dicindo o que precisan en cada momento”

Foron dos primeiros na zona en comezar a traballar co gran húmido e das 30 hectáreas que teñen adicadas a millo adoitan facer entre 40 e 60.000 quilos, dependendo do ano. Esta cantidade chégalles para preto de 8 meses. “O gran húmido é unha fonte moi importante de enerxía. Cando llo dás sabes que coa mesma cantidade de comida vas conseguir uns litros máis de leite”, concreta Jesús. As vacas en produción nunca comen silo de herba, que reserva para as vacas de seco e as xovencas, posto que asegura que varía o sabor do leite.

“Para os gandeiros que estamos en pastoreo é fundamental saber como se comportan en panza os compoñentes que ti lle aportas ó animal, de aí que pola súa rápida absorción sexa moi bo aportar cebada”, detalla Jesús. Mesmo chegaron a aportarlle semente de liño, que traían de Portugal e que lle confería unha gran cantidade de Omega 3 ó leite.

Maria-Ares-Conde-da-Xesteira-

A nai de Jesús, María, ós seus 90 anos, gusta das tarefas de coidado da recría na granxa.

“O noso leite estaba 3 veces por encima do leite rico en Omega 3 que comercializaba unha das empresas máis importantes do mercado”, concreta. Porén, deixaron de incluílo na ración para axustar custos e para incrementar os valores de graxa, posto que o aporte de Omega3 seguen a conseguilo coas variedades de trevo que teñen. Hoxe o seu u leite ten un 3,3% de graxa, un 3,45% de proteína e cun reconto de células somáticas por debaixo de 100.000 por mililitro.

“As vacas son verdadeiros laboratorios e elas mesmas che van dicindo o que precisan en cada momento. Sempre dixen que o do leite é o negocio da merda xa que é fundamental saber como son as deposicións dos teus animais porque iso é o que che vai dar as claves do que precisan”, explica o gandeiro. Pese ás modificacións na ración que vai facendo, a produción do leite é regular con variacións máximas que non superan os 15 litros nas entregas que fai cada dous días.

Millo-e-leite-Conde-da-Xesteira-

Comercializa parte da súa produción con venda directa baixo a súa propia marca.

Venda directa do leite

Hai 10 anos que Jesús e Elvira decidiron comercializar parte da súa produción de leite de xeito directo e o resto á industria. “Polo concepto de empresa que tiñamos non queriamos estar suxeitos a un só cliente e comezamos coa venda directa”, concreta Jesús. Comercializan deste modo uns 2.000 litros ó mes repartidos nunha máquina expendedora situada no centro de A Estrada que é das poucas que queda en Galicia logo de que chegaran a contabilizarse preto de medio cento delas.

Tamén teñen outros puntos de venta directa de leite fresco en Santiago de Compostela e Caldas de Reis e son os provedores do leite co que Casa Xacobe elabora as súas sobremesas. Deste xeito, Jesús complementa o traballo na granxa co reparto dos distintos puntos de venta.

crema_gallega_tres

Co leite desta gandería, Casa Xacobe elabora sobremesas como a Crema Galega.

Encárganse tamén de realizar unha pasteurización feble do leite para reducir os riscos sanitarios e conservar o sabor. Someten o leite a unha temperatura de 74 graos durante 20 segundos e logo báixase ata os 4 graos de forma instantánea. “Hai 2 tipos de leite: o de vaca e o de cartón. Nós queremos un leite coas garantías sanitarias pero con todo o sabor por iso facemos este tipo de pasteurización”, comenta.

Venden o litro de leite a 1 euro e é o consumidor quen envasa o leite, ben no seus propio envase que, leva da casa, ou nos que lle proporcionan, que pode ser de vidro ou plástico, e que se engade ó prezo do leite. “Conseguimos ter unha clientela fixa pero tamén é certo que levamos 10 anos vendendo o leite ó mesmo prezo”, indica o gandeiro.

Rendibilizar a venda da recría

Pese a estar centrado na produción de leite, nestes últimos tempos Jesús comezou a criar 4 bois de Angus, ós que agarda sumar outros 3 máis o próximo ano, e que asegura “van ser o meu plan de pensións”, xa que conta poder comercializalos dentro duns 4 ou 5 anos, coincidindo coa súa xubilación.

Angus-Conde-da-Xesteira-

Venden o 90% dos becerros frisóns a particulares logo de ser destetados e agora empezaron a criar bois de Angus.

Aínda que é a primeira vez que cría este tipo de animais, na gandería leva tempo rendibilizando a recría. Así é que o 90% dos becerros frisóns que lle nacen van directos a particulares cun prezo fixo de 260 euros, logo de ser destetados con mes e medio de vida.

Recoñece que esta é unha fonte de ingresos para a gandería, porén, a maioría da súa recría adoitan ser femias. Tamén tiveron uns anos no que o índice de partos múltiples foi moi elevado. “Chegamos a ter 14 partos de xemelos ó ano”, recorda Jesús. Foi un estudo da Universidade de Wisconsin o que os puxo no camiño para reducir a taxa recomendando realizar as inseminacións por debaixo dos 50 litros de produción. “Dende que comezamos a facelo a taxa reduciuse e agora podemos ter un parto de xemelos ó ano”, detalla o gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información