Concentración en Lalín por un “prezo digno” para o leite

A entrada do concello de Lalín foi o escenario dunha concentración en defensa do sector á que asistiron unhas 200 persoas

Concentración en Lalín por un “prezo digno” para o leite

Concentración en Lalín en defensa dun prezo digno para o leite

O concello de Lalín foi esta mañá o escenario do primeiro acto reivindicativo do sector lácteo galego, no que será unha serie de accións conxuntas na loita por un prezo digno para o leite e que culminará cunha mobilización o día 17 en Santiago de Compostela.

As organizacións Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG), Asaja Galicia e as cooperativas e organizacións de produtores lácteos elixiron o Castro Tecnolóxico como espazo simbólico no que escenificar a unidade de acción en defensa dos gandeiros. Á concentración asistiron unhas 200 persoas e desenvolveuse baixo os lemas “O futuro do campo galego será o noso futuro” ou “Detrás dunha explotación gandeira hai unha familia enteira”.

No Deza o leite mantense a unha media de 26 céntimos o litro

No acto -ao que ademais dos representantes sindicais, tamén asistiu o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e ediles de Agolada, Vila de Cruces e Rodeiro- o rexedor lalinense, Rafael Cuiña, reiterou “o apoio máis absoluto ao sector como eixo económico e social fundamental para Lalín”. “Imos ir sempre da man dos gandeiros e chegaremos a onde faga falta para defender os vosos intereses”, díxolles Cuíña aos produtores lácteos presentes.

Pola parte sindical, o secretario comarcal de Unións Agrarias, Román Santalla, agradeceu, en primeiro lugar, a resposta positiva do resto de organizacións e de concellos, por amparar aos gandeiros, poñendo o acento no concello de Lalín, “por estar dende o primeiro momento con todos nós”.

Santalla cualificou de “insostible” a situación do prezo do leite, que se mantén na zona nunha media de 26 céntimos, e fixo un chamamento á loita “baixo o paraugas da unidade”. Neste senso insistiu na importancia da plataforma en defensa do sector que hoxe se creou en Lalín e apelou a “non dar nin un paso atrás” ata que se cubran os dereitos dos gandeiros e gandeiras.

Tras o acto asembleario, tivo lugar unha concentración na entrada do concello. Na reivindicación participaron unhas 200 persoas, entre elas, ademais de gandeiros, houbo comerciantes, empresarios, políticos ou banqueiros, que quixeron mostrar o seu respaldo ao sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información